Domingo 28, Novembro 2021
HomeOutrosNICARAGUA (I): UNHA REVOLUCIÓN TRAIZOADA?

NICARAGUA (I): UNHA REVOLUCIÓN TRAIZOADA?

por Manoel  Barbeitos

O pasado 7 de novembro, domingo, os nicaraguanos volveron ás urnas para unhas eleccións presidenciais. O resultado das mesmas non deixou, en principio, ningún lugar a dúbidas. Daniel Ortega, candidato do FSLN (Frente Sandinista de Liberación Nacional), acadou o 75,87% dos votos contabilizados polo que poderá repetir mandato (o cuarto consecutivo) hasta o 2027, o que de ser así totalizaría 20 anos seguidos á fronte do goberno. O segundo candidato máis votado foi Walter Espinosa, liberal, que segundo o reconto oficial recibiu o 14,33% dos votos emitidos. Xa que logo, foi  un triunfo abraiante do vello guerrilleiro sandinista.

Un triunfo sen validez democrática

Un triunfo que, a pesar diso, non resiste “a proba do algodón democrático”. Non resiste a proba porque previamente foron eliminados os tres principais partidos opositores, encarcerados 7 candidatos e 2 máis tiveron que exiliarse porque a súa vida corría perigo. Un triunfo que se conseguiu sen oposición e sobre unha elevadísima abstención que algúns observadores sitúan por riba do 80%. Neste marco parece indiscutible que o triunfo de Daniel Ortega non é democraticamente válido.

Esta vitoria electoral vén precedida dunha acción política marcada pola violación dos dereitos humanos e pola extensión da corrupción na que a familia Ortega aparece como claramente involucrada. A violenta represión das protestas sociais e a persecución das voces criticas provocou que mais de 100.000 persoas -nunha poboación de 6,6 millóns de habitantes- abandonasen o país ao tempo que se encarceraba a xornalistas, dirixentes estudiantís, activistas dos dereitos humanos…..

Son moitas as voces críticas que levanta esta falta de democracia en Nicaragua. Por caso, sirva como referencia a carta que un grupo de intelectuais e activistas progresistas, encabezados por cidadáns fóra de toda sospeita de complicidade co Imperio como Noam Chomsky, escribiron sobre os acontecementos producidos en Nicaragua:

Quen asinamos esta carta somos activistas progresistas que fomos parte dos movementos europeos de solidariedade que apoiaron a revolución sandinista a partires da década dos anos 70. A maioría vivimos e traballamos en Nicaragua, ou visitamos como integrantes de delegacións de solidariedade internacional e brigadas de traballo entre 1979 e 1990…..

Críamos entón e seguemos crendo agora, que as violacións dos dereitos humanos cometidas por gobernos autoritarios, como o réxime Ortega-Murillo, deben ser condenados, e quen comenten crimes contra a humanidade deben  afrontala xustiza…

Na última década e media decepcionounos cada vez máis ver como Daniel Ortega e Rosario Murillo consolidaron unha dinastía familiar autocrática empeñada en manterse no poder por riba de todo. Horrorizounos o ataque contra organizacións de mulleres, xornalistas independentes, defensores/as dos dereitos humanos e ambientalistas, e comunidades indíxenas que se opuxeron á construción do canal proposto. Ao tomar o control de tódolos poderes do Estado, vimos como o réxime politizou totalmente as institucións públicas e socavou o estado de dereito…..

O goberno Ortega-Murillo non representa de ningunha das maneira os valores, principios e obxectivos da revolución sandinista que algunha vez admiramos, e traizoa a memoria de decenas de miles de nicaraguanos que morreron por unha Nicaragua democrática onde o seu pobo elixe libre e xustamente quen debe gobernalos..”

Esta carta resume perfectamente o que está a acontecer en Nicaragua que, como nela se sinala, nada ten que ver co ideario defendido no seu día polo sandinismo. Sendo certas as denuncias de Ortega e os seus fieis sobre a ofensiva imperialista conta Nicaragua -persecución política de dirixentes sandinistas, financiamento da oposición, sancións económicas…- esta non pode utilizarse para xustificar os ataques internos á democracia e os dereitos humanos.

A evolución do réxime sandinista en todos estes anos, con avances en temas sociais e retrocesos en materia de democracia e dereitos humanos, pon en evidencia como a querenza polo poder leva, en non poucos casos, a que forzas que eran de esquerdas esquezan os seus principios con tal de manterse ao fronte. Todo o dito e evidenciado non pode servir, sen embargo, para esquecer como a revolución sandinista foi obxecto, dende practicamente o día seguinte a sua entrada vitoriosa en Managua (19 de xullo de 1979), de continuas e brutais embridas por parte do Imperio.

Un percorrido pola traxectoria sandinista

Cando o FSLN (Fronte Sandinista de Liberación Nacional) logo de derrocar (1979) a un dos ditadores máis sanguinarios na historia de Latinoamérica, Anastasio Somoza, toma o control do poder, unha das primeiras medidas políticas que adopta é a aprobación do Estatuto Fundamental sobre Dereitos e Garantías que debería servir como garante dos dereitos e as liberades democráticas ao tempo que abolía e pena de morte. O sandinismo confirmaba así o seu firme compromiso coa democracia e os dereitos humanos.

Pero a prolongada guerra defensiva contra a chamada Contra (década dos oitenta) que financiaba o Imperio, ademais de arruinar ao país, desgastou terriblemente ao FSLN, que perdería as eleccións en 1990: unha derrota froito máis da cansazo do poboación  que dunha convicción. Unha derrota que compactaría fortemente no FSLN provocando grandes debates internos dos que finalmente (1994) sairían vencedores os partidarios da ortodoxia, “os combatentes históricos” liderados por Daniel Ortega.  Unha vitoria que, a pesar diso, veríase embazada tanto polo abandono do FSLN de importantes e prestixiosos lideres e intelectuais con longa traxectoria de loita, como pola expulsión de cualificados/as representantes do colectivo de fundadores do fronte.

Baixo o liderado de Daniel Ortega, o FSLN na oposición decide tender pontes e alianzas con vellos inimigos do sandinismo como a Igrexa católica e a dereita económica agrupada politicamente no gobernante Partido Liberal Constitucionalista (PLC). Alianzas que se manterán durante dez anos (1996-2006), que implicaron a aceptación das propostas da dereitas e supuxeron importantes concesións en materia de ensino, atención sanitaria, privatización de activos públicos, dereitos da muller (por caso, penalizouse o aborto) así como a posta en marcha de plans de axuste estrutural que, por caso, levaron a recortes de salarios e das pensións e que fundirán na pobreza ao 46% da poboación.

A recuperación da presidencia por parte de Daniel Ortega (2006), un poder que conservará ata o día de hoxe logo das últimas eleccións celebradas, vai supor inicialmente un importante xiro nas políticas gobernamentais anteriores e que agora buscarán recuperar a faciana social do sandinismo. O goberno de Ortega, contando coa axuda cubana (médicos e sanitarios) e venezolana (créditos e petróleo) porá en marcha unha serie de  ambiciosas medidas sociais coas que conseguirá reducir a pobreza nun 30%, garantir a alimentación (mediante o programa “fame cero”) á maioría da poboación, facer gratuítos  tanto os ensino primario e secundario coma a atención sanitaria -neste caso só para a poboación máis pobre- e por en marcha un ambicioso plan de mellora das infraestruturas básicas (auga, luz, vivenda, carreteiras….). Medidas que facilitarían que Ortega repita mandato no 2011 pero con un apoio maior que no 2006. Claro que para poderse presentar Ortega tivo que reformar a Constitución, que prohibía máis de dous mandatos constitucionais, e ver como a súa reelección era obxecto de fortes críticas polas múltiples irregularidades que se produciron nas votacións.

Ortega, un populista responsable

A favorable conxuntura internacional -suba do prezo das materias primas- e o importante apoio prestado tanto pola Venezuela de Chaves como pola Cuba de Castro posibilitáronlle a Ortega combinar unha xestión ortodoxa no económico –de acordo coas liñas do FMI, o BM e a OMC- que lle permitiría ganarse o apoio de banqueiros e empresarios nicaraguanos que chegarán a considerar a Ortega como “un populista responsable”, con importantes medidas de carácter social.

Un populista responsable que irá acaparando poder progresivamente, instrumentalizándoo en proveito propio e do seu clan familiar que incorporará aos cumios dos aparatos do Estado, poder que aproveitarán para enriquecerse en connivencia coas grandes fortunas nicaraguanas.

Unha deriva autocrática que conducirá a que relevantes figuras do sandinismo, como por caso Ernesto Cardenal, saquen un manifesto titulado “Non permitamos que unha minoría secuestre a nación”. Manifesto que se vería acompañado con posteriores manifestos críticos como o citado ao principio. Unha deriva que levaría a que medios informativos como Le Monde diplomatique se cheguen a preguntar “Que queda do sandinismo en Nicaragua?”.

Tratarei de contestar a esta pregunta no seguinte artigo.


 

Novidades