Domingo 4, Decembro 2022
HomeOutrosNICARAGUA (e II): QUE QUEDA DO SANDINISMO?

NICARAGUA (e II): QUE QUEDA DO SANDINISMO?

por Manoel  Barbeitos

Sinalaba no artigo anterior como así que chegou ao goberno de Nicaragua, unha das primeiras decisións políticas do sandinismo (FSL) foi a de confirmar o seu firme compromiso coa liberdade e os dereitos democráticos (Estatuto Fundamental sobre Dereitos e Garantías). Cabe preguntarse entón, a estas alturas (2021): que queda dese compromiso?.

A resposta non pode ser outra: o actual FSLN, que lidera a familia Ortega/Murillo, non cumpre con tal compromiso coa liberdade e os dereitos democráticos. A Nicaragua actual vive baixo un réxime autocrático que nega a democracia, exerce a represión e viola os dereitos humanos. Un país no que nos últimos anos se disparou a violencia política e a represión. Velaí que se multipliquen as grandes mobilizacións de sectores cada vez máis amplos da poboación (campesiños, estudantes, pensionistas, indíxenas….), que contan co apoio de sandinistas históricos, que protestan contra a nepotismo e a corrupción, e que rematan con centos de mortos e miles de feridos pola represión.

Un réxime autocrático, en efecto. Veu concentrando mediante reformas constitucionais cada vez máis cotas do poder na presidencia: abolíronse os límites aos mandatos presidenciais, eliminouse o requisito de que os candidatos deberían contar cun mínimo do 35% dos votos para non ter que ir a unha segunda volta, xeneralizouse o uso dos decretos presidenciais, e entregóuselle á presidencia o control das forzas represivas, dos medios de comunicación e do Consello Supremo Electoral. Ese control é o que motivou unha crecente e xeralizada desconfianza a respecto da limpeza democrática das últimas convocatorias electorais. Un réxime que cada vez pon máis limites aos dereitos de expresión e manifestación.

Quizais sexa oportuno dar paso a voces tan autorizadas como a de Amnistía Internacional, que no seu último informe (abril 2021) vén de denunciar “a represión e a impunidade que hai en Nicaragua“, situación que se acentuou coa pandemia. Esta organización non gobernamental pon o foco nos “continuos ataques das autoridades comandadas polo presidente Ortega contra xornalistas, persoas defensores dos dereitos humanos e ONGs”, e contra todos aqueles grupos “que se opoñen ás políticas oficiais de Daniel Ortega”, ataques “que en moitos casos rematan en actos represivos e incluso na encarcelación”.

Tal estado de cousas facilita ademais que se estenda a corrupción. Segundo Transparencia Internacional, a familia Ortega/Murillo “administra o país cun alto nivel de corrupción“, que segue aumentando.“Este retroceso que ten Nicaragua no índice de corrupción  non é dun ano a outro, é unha cuestión que vimos experimentando dende o 2012 ao día de hoxe“. “Eles” -a familia Ortega/Murillo- están metidos en tódolos negocios, logo non está interesados en combater nin en aparencia nin de maneira directa a corrupción“. E hai que ter en conta que a corrupción está afectando negativamente a xestión da pandemia do coronavirus,

Grave recesión económica

Como tamén sinalaba na entrega anterior, a xestión do goberno Ortega -ortodoxa na económico, progresista no social-, estivo apoiada durante varios lustros polas axudas cubana e venezolana, e obtivo durante ese largo periplo temporal moi positivos resultados económicos grazas fundamentalmente á fortaleza da demanda interna (alimentada polas remesas da emigración: 14,6% do PIB) e do investimento estranxeiro (IDE). Nos últimos anos, a forte baixada dos prezos das materias primas de exportación, a caída das axudas cubana e venezolana e o impacto da COVID afectaron gravemente a moitos/as nicaraguanos/as de tal maneira, que o número de familias con problemas para cubrir as necesidades básicas ascendeu ao 44% e o número de  pobres ao 14%.

Se o impacto da pandemia na produción está sendo moi forte (estímase que a caída no 2020 estivo entre un 6,9 e un 13,7% do PIB), a recesión xa viña de atrás (-2008: -4%, 2019:-3%). Unha caída na produción que alimentará o peso da débeda (47,92% PIB). A recesión afecta ao desemprego que, segundo fontes oficiais, ascendería ao 9,2% no 2020, con un 44,6% da poboación ocupada no subemprego e unha perda no sector formal de 200.000 empregos.

A recesión económica, o desemprego, a pobreza o traballo informal afectan a moitas familias nicaraguanos, pero son dous os colectivos máis damnificados pola súa maior vulnerabilidade: o das mulleres e o dos nenos.

Apoiándonos na información que subministra o PNUD por medio do seu índice IDH (Índice de Desenvolvemento Humano), Nicaragua presentaba antes de que se disparara a pandemia unhas importantes melloras en materia de desenvolvemento humano, entre os anos 1990 e 2019. Logros que se reflectirían nun ascenso do IDH do 0,497 ao 0,660, que derivaría dos incrementos na esperanza media de vida (de 64,3 anos ao 74,5), nos anos de escolaridade (de 4,1 a 6,9) e no PIB por habitante (3,02 a 5,3). Melloras que, a pesar diso, non lle servirían nin para deixar de ser un dos países menos desenvolvidos de Latinoamérica e o Caribe, nin para evitar que se incremente a desigualdade (unha perda de 23,5 puntos) sendo as mulleres as máis afectadas en base á súa menor esperanza de vida ao nacer, menos anos de ensino e menores ingresos. Esa desigualdade que, por mor da pandemia, impactará tamén na infancia: se Nicaragua tiña conseguido grandes avances en materia de mortalidade infantil (pasando do 58,9 por mil nacidos vivos no 1993 ao 12 no 2018), a pandemia está facendo retroceder os resultados (15,5 por mil no 2020).

O impacto da pandemia

Non menores críticas está recibindo o goberno nicaraguano por como lle está facendo fronte á pandemia da COVID.19. Críticas que se centran tanto na pasividade do goberno como na falta de transparencia.

Organismos internacionais sinalan, con fundamento, tres importantes impactos da pandemia na economía nicaraguana que afectarán ao que foron piares básicos do seu crecemento. En primeiro lugar, o impacto sobre as exportacións provocado pola caída da demanda e a baixa nos prezos. En segundo lugar a xa sinalada caída das remesas e do turismo, o que implica a caída de ingresos. Finalmente, o investimento estranxeiro tamén se ve afectado pola pandemia. Factores que debilitaran enormemente a balanza de pagos, provocando un incremento exponencial da débeda, disparando o desemprego, que provocará un incremento da pobreza.

En relación ao impacto na saúde e a vida dos nicaraguanos, é difícil ter unha información fiable pois se as forzas gobernamentais ocultan a realidade, as forzas opositoras manexan cifras, por caso de mortes, non cribles por moi esaxeradas. Recollendo as fontes que parecen máis fiables, ou menos sospeitosas, en Nicaragua habería sobre 13.400 contaxios e 210 mortos dende que comenzou a pandemia. Dacordo con estas cifras, e segundo fontes achegadas a OMS, Nicaragua presentaría o menor número de casos confirmados de Centroamérica, pero non o menor número de falecidos, xa que Costa Rica presenta cifras mais baixas.

En resumo: que queda do sandinismo? A nostalxia.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]