[Monográfico O PAÍS POSIBLE] O POTENCIAL PESQUEIRO

| Outros

por Gonzalo Rodríguez Rodríguez
Profesor da USC. Coordinador do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira

Discutir o papel da pesca require considerar tres dimensións do peixe: como recurso natural, como ben económico e como alimento. Dimensións indisolublemente ligadas pero que nos remiten a funcións, intereses, políticas e actores diferentes. Efectivamente, os peixes (permítanme referirme así, para abreviar, a peixes, moluscos, crustáceos, algas, etc) forman parte dunha biodiversidade que é necesaria para a regulación e equilibrio dos ecosistemas. Un equilibrio imprescindible non só para que a sociedade humana poida seguir vivindo de modo parecido a como veu vivindo ao longo dos últimos séculos, senón tamén para poder adaptarnos a cambios máis ou menos profundos. Trátase de funcións ás que non podemos renunciar.

Esas especies mariñas cando as extraemos do mar pasan a ser pescado e a constituír un ben económico susceptible de sustentar procesos de desenvolvemento das forzas produtivas e de acumulación. A este respecto cómpre subliñar que a produción dunha unidade de produto pescado non remata coa recollida do peixe nas redes ou a descarga en terra, require moitas actividades antes e despois ata que ese produto está posto a disposición do consumidor final nas condicións requeridas.

Antes, por exemplo, é preciso unha intensa labor científica de coñecemento do estado dos recursos e do medio, tamén un labor regulador e por suposto a provisión dos medios de produción, dende os barcos, as redes, os embalaxes e un longo, etc. Con posterioridade ao desembarco, o produto debe ser seleccionado, transformado nalgúns casos, conservado e transportado ata que o atopamos na peixería ou lineal do noso establecemento de compra favorito. Todo iso é a pesca, todo iso é a produción de pescado ou se se quere, a cadea de valor necesaria para a produción de pescado.

Pero ademais é un alimento, e é aquí onde incorpora unha dimensión social, vital e ética. A distribución a través do mercado non garante que os alimentos cheguen a aqueles que os necesitan, senón simplemente a aqueles que poden pagalos. Deste modo a xestión dos recursos ten que incorporar criterios que permitan optimizar as proteínas para garantir o dereito á alimentación de todos os membros da sociedade.

Casar harmonicamente todas estas dimensións non é asunto sinxelo, nin que teña unha solución evidente. De aí as diferentes visións que conviven en relación á pesca. Temos, iso si, unha primeira razón para pescar: non é posible alimentar ao conxunto da humanidade sen esta fonte de proteína.

A senda de desenvolvemento

A base física de Galicia, unha costa longa, unhas rías extraordinariamente produtivas e amplas zonas protexidas dos embates dos temporais, facilitou a constitución de asentamentos no litoral, que se beneficiaban non só de recursos para a subsistencia, senón tamén para o intercambio. Cuncheiros atopados no illote do Areoso amosan a existencia de marisqueo no neolítico. Na idade de bronce existían xa redes, embarcacións e contactos con navegantes procedentes do Mediterráneo. De aí en diante, o combinación dos recursos dispoñibles, as capacidades técnicas de cada momento e o intercambio comercial e cultural coas culturas mediterránea e atlántica foi configurando o proceso de desenvolvemento nunha notable e moi especializada capacidade pesqueira, materializada na grande variedade de embarcacións tradicionais que ata ben entrado o século XX poboaron as nosas costas: galeóns, lanchas polbeiras, dornas, gamelas, chalanas, bucetas, traíñas, etc.

Unha tamén ampla variedade de artes de pesca: dende os rastros, raños e nasas, ate os rascos, volantas, trasmallos, betas, chinchorros, etc, etc. Tamén as técnicas de conservación: dende o escabeche de ostras e mexillóns que xa se exportaban a Castela e Portugal na idade media, as salazóns de sardiñas ou bacallau, o polbo seco e tamén o congro, cuxo único secadoiro subsiste hoxe en Muxía ameazado de peche por unhas normas sanitarias insensatas, incapaces de distinguir o artesanal do industrial.

Unha longa senda de adaptación e innovación que pretendía chegar cada vez máis lonxe, máis rápido, máis eficientemente e que acada un salto cualitativo en 1961, coa botadura do Lemos, o primeiro buque conxelador, que contaba no seu interior con 4 túneles de conxelación que lle permitían procesar 20tn de peixe ao día. Coa súa primeira marea do Atlántico Sur, Pescanova abriu unha nova etapa na pesca mundial.

Ao longo desta longa senda operan procesos de selección, de modo que algúns dos emprazamentos onde eventualmente se daban boas condicións para o desenvolvemento da actividade e industria pesqueira van quedando rezagados ou abandonan mentres que algúns innovan, desenvolven vantaxe competitiva e desprazan aos anteriores. Ese é o caso de Galiza. Pescamos porque somos bos pescando, transformando e comercializando pescado. Algúns territorios triunfaron facendo automóbiles ou ordenadores, outros películas ou atraendo turistas, nós producimos pescado.

O sistema produtivo

A explotación do mar ten permitido o desenvolvemento de vínculos horizontais e verticais, xerando unha cadea de valor que inclúe a captura e cultivo, transformación, comercio maiorista e comercio minorista. Así como actividades relacionadas, como pode ser a construción naval ou fabricación de cabos e redes, xunto con outros produtos e servizos para a pesca.

En grandes cifras, o conxunto da produción pesqueira extractiva acada un volume de produción duns 673 millóns de euros e uns 10.500 empregos directos, cunha flota (Táboa 1) de 4.276 embarcacións que representa a metade do total español, incluíndo dende as embarcacións de dous tripulantes típicas do marisqueo a flote a bacallaeiros conxeladores de 86 metros de eslora e 34 tripulantes. A estatística deixa fóra a parte da flota de orixe galega hoxe abandeirada en lugares como Malvinas, Irlanda, Reino Unido, Bélxica, Francia, Arxentina, Seychelles, Namibia, Portugal, Rusia, etc. Embarcacións algunhas que seguen a amarrar periodicamente nos nosos portos, outras definitivamente desprazadas a mares afastados, en calquera caso necesarias para alimentar os seguintes eslabóns da cadea de valor: a transformación e a comercialización. Á súa vez, actividades cuxo ámbito de actuación non é só o español, senón o europeo. Galiza é o principal comercializador de peixe de Europa.

Non podemos esquecer a acuicultura (fundamentalmente de mexillón, rodaballo e linguado) e o marisqueo a pé, cuxa produción conxunta pode chegar a acadar os 250 millóns de euros e a superar os 8.000 empregos directos.

Pola súa banda, conserva e transformados, que inclúe dende a conserva tradicional, ao fileteados, conxelados, precociñados, etc, xera 18.000 empregos e uns 4.000 millóns de euros de facturación, concentrado o 60% das empresas españolas do ramo e aínda máis en valor, xa que inclúe algunhas das maiores empresas.

Mención aparte merece o segmento do comercio maiorista, cuxa facturación acada, de acordo con ARDAN, os 5.600 millóns de euros e xera 6.500 empregos directos. Se ben neste caso unha parte importante do valor da produción repercute o custo da adquisición de produción aos sectores produtores e transformadores propios e foráneos. A capacidade de comercialización cara un mercado global é a que explica que, a maiores da produción propia, no ano 2021 puideramos importar peixe por 2.271 millóns de euros, conservas e transformados por 562 e exportar a súa vez por valor de 2.404 millóns (705 da conserva), unha vez atendida a demanda nacional. Peixes, conservas e transformados de pescado constitúen, de feito, a terceira maior partida no comercio exterior galego.

A panorámica conxunta do complexo mar-industria amosa un sector competitivo, que expresa con grande diferenza o principal vector de especialización produtiva galega no ámbito estatal (Táboa 2), amplamente distribuído pola liña costeira (Mapa 1), cuxa facturación conxunta supera os 11.000 millóns de euros e que exerce un amplo efecto de arrastre sobre a economía galega tanto en termos cuantitativos, como cualitativos. Se no primeiro caso, materializado en demanda de bens intermedios e emprego, no segundo inducindo a innovación neses sectores. Empresas líderes mundiais en segmentos intensivos en tecnoloxía, como pode ser Marine Instruments, localizada en Nigrán, especializada en boias satelitais, é un exemplo de empresa que se desenvolve en Galicia como consecuencia da existencia dunha demanda especializada, avanzada e suficiente.

A xestión

Harmonizar esta maquinaria económica coas posibilidades ecolóxicas non é cousa fácil. É dicir, conciliar o desenvolvemento económico e social co ecolóxico non ten un equilibrio ou resolución, nin moito menos, evidente. Recuperar, por exemplo, unha pesqueiría sobreexplotada leva anos. Sen embargo nin as empresas armadoras nin os mariñeiros poden seguir dedicándose á pesca se non hai ingresos regulares. Unha vez que as capacidades produtivas se perden, non sempre é posible recuperalas. Na resolución destes conflitos a política xoga un papel esencial, imperfecto, pero esencial.

A meirande parte das pesqueirías nas áreas máis desenvoltas -Europa, Norteamérica, Australia e Nova Zelandia- están explotadas en niveis sostibles. O único lunar, polo momento, é o Mediterráneo onde, sen embargo, os réximes de xestión que se están a introducir actualmente é de esperar que acaben levando as capturas a niveis sostibles.

O instrumento adoptado para acadar a sustentabilidade ecolóxica e garantir a económica a longo prazo é o establecemento de cotas de pesca. A súa fixación baséase nun inxente traballo científico de avaliación dos stocks. Na práctica, as pesqueirías onde existe avaliación de stocks están ben xestionadas e aquelas nas que non, tenden a ter problemas. O relevante deste asunto é que se trata dun sector no que a regulación está solidamente baseada na ciencia a nivel galego, estatal e europeo.

Quero subliñar este aspecto porque non deben existir moitos sectores nos que as posibilidades de produción se establezan en base ao consello científico. Nese sentido, a pesca é precisamente un dos sectores que máis ten avanzado, que máis determinadamente ten aberto camiños e buscado mecanismos para conciliar as necesidades alimentarias, económicas e ambientais.

Retos e políticas

Non cabe ningunha dúbida de que os retos en termos de sustentabilidade son inxentes, que cada vez estamos máis preto dos límites do planeta, e é preciso seguir avanzando naquelas políticas e regulacións que permitan conciliar mellor a lóxica económica coa lóxica dos ecosistemas. Pero cómpre entender dous aspectos: o primeiro é que non pescar simplemente non é unha opción realista en termos alimentarios; o segundo é que non existen xa sistemas naturais puros, todos son sistemas socio-naturais, as persoas cos nosos impactos somos parte integral dos ecosistemas.

Nese sentido, lograr o mellor balance posible entre as tres dimensións do peixe é algo que só pode lograrse coa participación dos pescadores. Por suposto tamén coa de organizacións ecoloxistas, científicos, políticos, etc, recoñecéndose todos lexitimidade para participar positivamente na xeración de acordos.

As vantaxes desta participación son moitas, pero sobre todo en termos de lexitimidade e xeración de coñecemento. Empezando por isto último, a basta cantidade de información que acumulan pode ser usada para complementar o coñecemento científico, reducindo o custo da súa obtención ou proporcionando hipóteses. Sen ir máis lonxe, os primeiros en identificar o fenómeno do Niños foron os mariñeiros operando en augas de Perú, entre eles os galegos. Ademais, porque sen un adecuado coñecemento contextual as políticas corren o risco de producir efectos inesperados, atopar obstáculos non considerados, dar lugar a efectos inxustos ou incluso impactos ambientais non previstos. A diversidade do coñecemento sempre é boa idea, como tamén o é preservar a diversidade ecolóxica.

Por outro lado, a participación é clave para que os pescadores sexan corresponsables dos obxectivos e compromisos sociais. A este respecto, na actualidade o principal foco de decisión sitúase na esfera comunitaria, onde o proceso de elaboración das políticas é fundamentalmente de arriba a abaixo, cunha débil participación dos pescadores. Só na fase de implementación do aprobado se abre o espazo de participación. Aínda que se teñen dado algúns pasos nesta dirección, por exemplo, a través da política de rexionalización da pesca, hai aínda espazo para definir mellores mecanismos para o logro de acordos.

Por último, cómpre sinalar que unha terceira parte das capacidades científicas en investigación mariña españolas están en Galicia. Un resultado que non pode desligarse da importancia do sector. A ciencia oriéntase tamén por criterios de relevancia social. Cando se produciu a emerxencia da produción de rodaballo en Galicia (Insuiña foi a primeira planta comercial do mundo), Manolo Rey, investigador da USC, comentaba que algúns biólogos comezaron a cambiar “as ratas por peixes” e que foi así como se abriu unha senda de dominio da tecnoloxía de peixes planos, como antes se abriran outros campos da bioloxía mariña ou a oceanografía. Tamén en termos de coñecemento formalizado temos moito que aportar á xestión de mares é océanos.

En Galicia estamos no mundo a través da pesca e o mar. Abrímonos ao resto do mundo dende o inicio da navegación, aprendemos e ensinamos, incorporamos tecnoloxías e transferímolas, innovamos, fomos pioneiros, comunicámonos, mesturámonos con outras culturas ao norte e ao sur, incorporamos e contribuímos á vangarda a través do mar. Cando viramos para o mar, nunca fomos periferia.