Domingo 3, Xullo 2022
HomeOutros INTERNACIONALIZAR O GALEGO

[Monográfico O PAÍS POSIBLE] INTERNACIONALIZAR O GALEGO

por Enrique Sáez Ponte
Economista e ensaísta

Por riba de debates sobre se o galego e portugués son ou non a mesma lingua, para os expertos parece claro que falar ben galego facilita unha boa comunicación oral cos case 300 millóns de persoas da lusofonía. Unha riqueza colectiva que cómpre aproveitar.

Neste contexto, o cadro que se recolle a continuación é moi interesante, porque expresa a valoración que fan agora investidores estranxeiros sobre as potencialidade do capital humano de España, a efectos de seleccionala como destino dos seus investimentos.

Os participantes na enquisa destacan que, xunto coa capacidade de aprendizaxe, a característica que máis puntúa é o “dominio de idiomas”, que é na que peor cualifican aos españois, un desastre vencellado ao monolingüísmo nun idioma con pouca riqueza fonética. Nós somos unha excepción por podernos comunicar en dúas linguas internacionais. O portugués ten máis falantes que o francés, o alemán ou o ruso. Se pomos en valor o acceso a ese idioma, converteriámonos nun espazo privilexiado para atraer capitais que xeren empregos de calidade.

É a maior oportunidade que fornece a cultura galega, cun nesgo moi favorábel ao medio rural no que se fala a nosa lingua con normalidade e necesita aproveitar todo o que ten para manter a súa base de poboación con boa calidade de vida. No espazo da comunicación é fácil sermos máis competitivos que o resto do Estado, só necesitamos aproveitar o que temos para captar investimentos, exportar máis e establecer as nosas empresas en países de catro continentes. Falar o idioma do outro xera unha corrente de empatía que facilita as negociacións comerciais e a creación de equipos internacionais que cada día son máis imprescindíbeis. Eles xa saben que ti es estranxeiro e cometes algúns erros, pero agradecen moito que lles fales na súa  lingua.

Marco legal e obxectivos

Os representantes do pobo galego no noso Parlamento eran conscientes desta realidade cando aprobaron por unanimidade, hai oito anos, a Lei Valentín Paz Andrade, que recolle na súa exposición de motivos ideas moi correctas:

“No actual mundo globalizado, as institucións galegas, comprometidas co aproveitamento das potencialidades de Galicia, deben valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional, algo que indicou no seu debido tempo o autor a quen foi dedicado o Día das Letras de 2012, que chegou a exercer como vicepresidente da Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa.

O portugués, nacido na vella Gallaecia, é idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a Unión Europea, así como lingua oficial de nove países e do territorio de Macau, na China. Entre eles figuran potencias económicas como o Brasil e outras economías emerxentes. É a lingua máis falada no conxunto do Hemisferio Sur.

É preciso fomentar o ensino e a aprendizaxe do portugués, co obxectivo, entre outros, de que empresas e institucións aproveiten a nosa vantaxe lingüística, un valor que evidencia a importancia mundial do idioma oficial dun país veciño, tendo en conta tamén o crecente papel de bloques como a Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa.

A lingua propia de Galicia, polo feito de ser intercomprensible co portugués, outorga unha valiosa vantaxe competitiva á cidadanía galega en moitas vertentes, nomeadamente na cultural pero tamén na económica. Por isto debemos dotarnos de métodos formativos e comunicativos que nos permitan desenvolvernos con naturalidade nunha lingua que nos é moi próxima e nos concede unha grande proxección internacional.

Polo tanto, para a mellora do desenvolvemento social, económico e cultural galego, as autoridades deben promover todas cantas medidas sexan posibles para mellor valorizar esta vantaxe histórica.”

Era boa. Lamentabelmente esas directrices, expostas nunha lei tan importante e aprobada polo 100% dos representantes do pobo galego, non se teñen materializado, en grande medida porque Galicia encádrase nun marco legal que considera o portugués “lingua estranxeira”, como recolle o articulo 2 da devandita lei. Os nosos políticos falaron ben pero executaron mal. Pásalles demasiadas veces.

A vetocracia pesa sobre o noso principal activo cultural

Unha das características máis negativas do funcionamento dos estados democráticos actuais é a súa enorme dificultade para cambiar, para mellorar. Teñen crecido moito e canto máis pesan máis ríxidos se volven. Nesa liña, o termo vetocracia está sendo cada vez máis empregado por diversos autores, entre eles Thomas Friedman ou Moises Naim, para definiren a incapacidade de evolucionar e adaptarse que amosan os grandes aparatos político/burocráticos que nos gobernan. Hai demasiados centros de poder, grandes e pequenos, con capacidade para poñer atrancos ou para demorar eternamente un cambio que consideran que non lles favorece. Hai miles de exemplos de cousas que é urxente modificar e se fai pouco ou nada, desde a lexislación sobre venda de armas nos EEUU á desastrosa planta municipal en España.

A pesares dos escasos resultados da Lei Valentín Paz Andrade, oito anos despois de aprobarse, os políticos teñen que facer unha autocrítica do sucedido e tomar medidas, como a derrogación do innecesario artigo dous da lei, posto alí como un policía que regula o tráfico cara o emprego prioritario do español.

O artigo dous da lei Valentín Paz Andrade é un gran exemplo: deriva dun marco normativo estatal dentro do cal a única lingua con conexións internacionais é o castelán. Se os políticos, que son capaces de redactar unha exposición de motivos tan boa, foran consecuentes co que din nela (a nosa lingua é intercomprensible co portugués) non terían metido o artigo dous, porque para nós o portugués non é unha lingua estranxeira. Pero cómpre escoitar aos asesores académicos, aos colectivos de profesores de galego e portugués, ao medo da capital do Estado a perder o control sobre as relacións internacionais, aos políticos que pensan que o galego é só un idioma litúrxico…

Lei moi difundida, alcumada de transcendente, aprobada por unanimidade. Pero magros resultados, tiña verme, non serve para achegarse aos seus ambiciosos obxectivos. Os responsábeis da educación láianse do pouco éxito que ten o ensino de portugués nos nosos centros educativos, ao contrario do que pasa en Estremadura. É normal, alí o portugués si é unha lingua estranxeira, aquí os rapaces e rapazas que falan ben galego xa saben ou intúen que non necesitan cinco anos para aprenderen portugués, como se fora chinés, e non se apuntan.

Abrir as mentes, xerar dinámicas novas

Mais non se debe caer no pesimismo. Hai que insistir en lograr obxectivos ambiciosos. A pesares dos escasos resultados da Lei Valentín Paz Andrade, oito anos despois de aprobarse, debemos evitar o desánimo porque hai moito en xogo. Cómpre teimar en internacionalizar o galego. Os políticos teñen que facer unha autocrítica do sucedido e tomar medidas, como a derrogación do innecesario artigo dous da lei, posto alí como un policía que regula o tráfico cara o emprego prioritario do español. Algo no que traballan moitos con éxito notábel, como amosan as investigacións sociolóxicas que imos coñecendo e recollen a caída de uso do galego, convertido en minoritario nos espazos urbanos que cada ano que pasa pesan máis na Galiza.

O noso é un caso especial. Necesítase algo de imaxinación, unha capacidade escasa e moitas veces perseguida, sobre todo en espazos burocratizados, pero imprescindíbel para afrontarmos desafíos estratéxicos en temas fundamentais para a sociedade que non respostan ben a solucións estandarizadas. Hai que buscar sistemas para achegar ao portugués, desde o galego, aos xóvenes dos últimos cursos de ensino medio. É o mellor salvavidas para asegurarlles un futuro próspero á lingua e ao país.

Necesítase algo de imaxinación para afrontarmos desafíos estratéxicos en temas fundamentais para a sociedade que non respostan ben a solucións estandarizadas. Hai que buscar sistemas para achegar ao portugués, desde o galego, aos xóvenes dos últimos cursos de ensino medio. É o mellor salvavidas para asegurarlles un futuro próspero á lingua e ao país.

Se non se pode facer coa lingua escrita, onde forzas enfrontadas están enrocadas nunha guerra de relixión, centrémonos na comunicación oral con iniciativas desenvolvidas en actividades extraescolares, mentres siga aí ese artigo segundo. Ofrezamos premios aos alumnos que destaquen na lingua propia para que podan pasar dúas ou tres semanas en campamentos ou cursos de verán en países lusófonos, incorporemos as principais canles portuguesas e brasileiras á televisión dixital e series de éxito deses países á programación da TVG, co audio orixinal e subtituladas en galego normativo para dar seguridade inicial aos espectadores, facilitemos o intercambio de grupos musicais e de teatro… É fundamental que os galego falantes adquiran a percepción de que entenden portugués.

Pódense facer moitas cousas para aproveitar a principal oportunidade de desenvolvemento dun país cuxa economía empezou a crecer por riba da media do Estado desde que desapareceu a artificial fronteira sur e volvemos sentirnos norte, como xa expuxen en Tempos Novos noutras ocasións. A fronteira da lingua é moi artificial, como comprobei nos doce anos nos que unha parte da miña tarefa profesional transcorría no Porto. As barreiras que protexen espazos de influencia política ou profesional son resistentes. Se as derrubamos, creceríamos aínda máis.

Mais non só é unha oportunidade para mellorar nos planos económico e cultural. Contar cun bilingüismo operativo desde a infancia desenvolve a capacidade de aprender outras linguas e protexe durante toda a vida do deterioro cerebral, como os estudos científicos teñen demostrado. Cómpre facer todo o posíbel para logralo e, se o entorno do ensino oficial e normativo non é quen de cambiar, será a sociedade civil a que debe moverse, coordinarse e continuar xerando iniciativas, aínda que lle leve máis tempo que se contara co apoio do sector público.

Por último, dentro das liñas de dinamización do galego, tamén sería importante dispor de programas de achegamento á variante galega da lingua familiar dos inmigrantes procedentes de países da lusofonía, que se senten excesivamente premidos para aprenderen castelán e non son moi conscientes de que unha variante do seu idioma é oficial na Galiza. Así axudarían tamén á mellora do seu novo país, moi necesitado de fortalecer a fala que compartimos.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]