[Monográfico O PAÍS POSIBLE] CANDO PENÉLOPE VOLVEU A ÍTACA

| Outros

texto Anna R. Figueiredo

O 1997 aínda temía o efecto dous mil, e as diferenzas nas olladas das xeracións eran as propias dunha sociedade afeita a que lle chegase a información a través de poucos canais de televisión e algúns medios de prensa escrita. Internet e os móbiles eran unha promesa e non estaban conectados. No estado presidía Aznar e na Xunta Fraga, e de 75 parlamentarios, 13 (o 17.33%) eran mulleres. Desde o punto de vista do feminismo de rúa, a maior parte das rapazas aínda recoñecen que súas nais “non traballan” e son elas as que mercan, limpan, pasan o ferro, organizan a actividade do fogar… Ese traballo, denunciado no seu momento por Queizán entre outras e rexistrado nos DNIs do pasado coma “profesión: sus labores”. Así viven elas, unha Galicia que tende á migración cara as cidades e o exterior, no 1997.

Leticia Santos

Leticia Santos (LS) cursaba sexto de primaria e practicaba o taekwondo, un deporte pouco común para as rapazas do momento. Dese ano lembra a influencia da súa titora, Asun Beloso, que marcou co seu exemplo a moitas xeracións de nenas e nenos do Morrazo, e que identifica como a persoa pola que ela milita a día de hoxe no nacionalismo galego de esquerdas, no BNG, por darlle xa daquela a importancia que merecía ao noso país, a sermos galegas a ficar e loitar polo noso. Máis ao norte, en Melide, Susana Pedreira (SP) comeza BUP e soña con ser xornalista coma Julia Otero. Na súa realidade o que importa é a sororidade do seu círculo de amigas e acadar boas notas para poder ser a primeira muller da súa familia en acadar un título universitario.

Pola contra, Chus Abralde (CA) conta coa visión da muller adulta que medrou nun fogar onde nai e pai desenvolvían un traballo fóra do fogar, unha excepción neste momento da historia. Neste ano atópase no paro e decide casar. Ao ano seguinte empeza a traballar no ensino público, onde tamén o facía súa nai, e alí atopa unha illa dentro da loita feminista posto que recoñece que a fenda salarial aparente non existe (teremos pola contra que analizar o número de mulleres e homes que no futuro pedirán reducións de xornada para ocuparse de cargas familiares), e que non nota diferenzas nos horarios. No trato, a escola dos docentes adoita ser un reflexo da sociedade civil. Victoria Otero (VO) lémbrase coma unha muller traballadora que disfruta da súa vida persoal, pero moi angustiada polo seu futuro laboral.

A colaboración na investigación con expertos de EEUU esixe desplazamentos que a súa vida persoal coma nai non lle facilita. María Armesto (MA), feminista e loitadora desde sempre, recórdase máis nova, con máis forza que agora, pero menos esperanzada que hoxe no avance do movemento feminista galego e internacional. Recoñece que daquela dicirse feminista era obxecto de burla, paternalismo, incomprensión.

Inicio da odisea: da muller do 97 á muller do 2022

(MA) A muller do 97 vivía bastante peor que agora, pero moito mellor que nos albores do feminismo galego. Tras 20 anos de movemento feminista, sabiamos que aínda había que cambiar o mundo sen ter demasiada consciencia de que a nosa loita estábase a converter na que ía ser a máis importante revolución social e cultural do século XX.

María Armesto

O primeiro paso sería a independencia económica do pai ou marido. Segundo os datos do INE a tasa de actividade (total de activos/poboación de 16 ou máis anos) para as mulleres galegas é dun 39% no primeiro trimestre, e a de paradas (total parados/total activos) dun 25%. A revolución da que fala María leva a que estes datos evolucionen xa no 2001 a cifras arredor de 39% e 15%. Pero a independencia económica non trae consigo a independencia do fogar. Xa no ano 2018 a EPA recolle datos dun 85.9% de abandono do posto laboral por concilia e coidados protagonizado por mulleres.

(VO) Daquela xa eramos conscientes de que tiñamos que loitar polo espazo que nos correspondía e iso facíamos. Penso que a situación non era nada boa, pero que se albiscaba un futuro mellor e aí había unha boa motivación para esa loita, sendo que tamén había contextos onde a igualdade era impensable. (MA) Espazo para medrar había, pero con moitas dificultades. Foi nese ano cando se aprobou no Parlamento de Galicia unha iniciativa presentada polo BNG de man de Pilar García Negro para que as mulleres da agraria puidesen por fin acceder ao seguro. Iso si, a iniciativa aprobouse por unanimidade, inaudito nos tempos que corren.

Victoria Otero

Pola contra, a visión da mocidade do 97 observa as frontes abertas das pioneiras e recolle a testemuña do movemento feminista que vén de fóra. O contacto con outras culturas sementa inquedanzas e expectativas de rachar co modelo heteropatriarcal tan arraigado a finais dos noventa. Para LS a lembranza do trato que tiñan ás rapazas as que lles gustaban as artes marciais. (CA) Pola contra, a día de hoxe Ana Peleteiro, Teresa Portela e Vero Boquete abriron tamén novas miradas para a rapazada, escoitas nas aulas que falan de deportistas femininas, que era algo que antes era impensable. Do mesmo xeito Leticia conta que aquelas nenas que tiñan ideas propias e reivindicativas en relación á igualdade e identidade non adoitaban encaixar, pero esa disidencia marcou o seu carácter como persoa e os obxectivos que reivindica como muller e como muller na política. (LC) As mulleres somos quen de reinventarnos e de buscar solucións alternativas aos problemas máis complexos, estamos entrenadas para superar constantemente estereotipos, espectativas… Para SP o ano 1997 era unha promesa para medrar, e recoñecía no seu entorno unha posibilidade infinita para facelo, pelexando e reivindicando igualdade ou xustiza nos espazos que no seu círculo de vivencias observaba en desacordo á equidade.

Marta Seoane Abraldes

Xaora, nestes 25 anos moitos dos avances acadados pola loita feminista universal tiveron o seu espello en Galicia. A incorporación masiva das mulleres á educación media e superior, ao mercado laboral, á cultura, á política ou ás palestras nas que se lles outorga voz propia como expertas (falamos de plataformas coma Xornalistas Galegas ou as Xornadas As mulleres que opinan son perigosas). Desde o ámbito das ciencias demándase durante anos a igualdade da presenza das mulleres na investigación e nas ciencias A Marcha das mulleres (entre outras) consegue que ano tras ano marzo se vaia convertindo no mes no que somos as mulleres as que temos voz e tomamos as rúas para denunciar e esixir un cambio que require que a outra metade da poboación perda parte dos seus privilexios e, claro, iso molesta.

A través de cambios lexislativos coma a  aplicación en Galicia da lei contra a violencia machista, a lei de igualdade, a lei do aborto ou a modificación da lei da violencia de xénero para recoñecer a violencia vicaria, a creación dun Ministerio de Igualdade e das Concellerías de Igualdade a nivel municipal (ou a Secretaría Xeral no caso da Xunta de Galicia) pasan os anos permitindo o xusto crecemento e desenvolvemento das mulleres. Gran parte dese labor vén dado polo aumento da presenza das mulleres na política e na toma de decisións. Por citar algunhas das recollidas na conversa con estas cinco mulleres, nomeamos a Ana Pontón, Carmela Silva, Susana López Abella, Encarna Otero, Carme Adán, Mercedes Queixas, Ánxeles Cuña Bóveda, Laura Seara, María Xosé Porteiro, Dolores Vilariño ou Lidia Senra.

Chus Abralde

Pero non só nos parlamentos se visibiliza e reivindica o cambio, no só alí se fai posible. A cultura é un estamento voceiro privilexiado á hora de espallar e concienciar tanto os problemas como os posibles medios de acción. (CA) A nivel social de cambio, o primeiro nome que me vén á cabeza é Carmen Avendaño e a súa loita contra o narcotráfico, pero se penso en mulleres que me influísen a min e que reflictan esa influencia desde as aulas teño que recurrir á literatura, ás autoras principalmente. Neste caso coinciden as cinco en nomes coñecidos e referentes que a través das vivencias na obra e nas súas vidas inspiran aínda hoxe á creación dun modelo de muller forte e libre, dunha sociedade feminista: Ledicia Costas, Marina Mayoral, María Reimóndez, Fina Casalderrey, Arantza Portabales, Xela Arias, Ana Romaní, Anxos Sumai. Ou no eido da música Sés, Goadi Galego, Susana Seivane, Ana Kiro…

Susana Pedreira

(MA) No eido das artes escénicas a situación era tan dramática e discriminatoria para as creadoras como para as labregas. A modo de exemplo: o CDG dende que nace en 1984 ata 1997 só produciu o texto dunha muller, Rosalía de Castro (1985).Outro dato aterrecedor é que dende que a RAG crea en 1963 o Día das Letras Galegas ata 2022 só 5 mulleres das nosas letras foron homenaxeadas. A día de hoxe non é sorprendente pensar en dramaturgas ou directoras de escena, nen sequera en escenógrafas. Hai poucas pero haberá máis. Tamén é salientable o traballo feito pola AAAG sobre a perspectiva de xénero na creación audiovisual e os modelos aos que se somete á muller actriz neste ámbito no que tanto no exterior como no país hai moito no que mellorar e as demostracións de forza e talento levadas a cabo por actrices galegas coma Mabel Rivera ou Mela Casal, non só no ámbito artístico.

Proba do poder da creación cultural é o xurdimento a nivel mundial da iniciativa #MeToo difundida en gran medida pola labor de Alyssa Milano, e que supuxo un paso adiante contundente ante a visibilización dunha inxustiza que non podía taparse ou tolerarse máis, non só denunciando senón tendo consecuencias reais a favor das mulleres e en contra destes abusos. (SP) O movemento #Metoo foi sen dúbida importantísimo porque fixo destapar unha situación de violencia, de abusos, de trato machista heteropatrical contra as mulleres en todo o mundo, tamén en Galicia, aínda que probablemente aquí en moita menos medida do que se podería chegar a contar. Foi como dar pulo a todas as que tiñan a necesidade de dicir “a min pasoume isto” e temos que contalo para que non lle pase a ninguén máis. É algo inxusto coas mulleres que deron a cara, pero gustaríame que esas mulleres soubesen que axudaron a moitas outras que quedaron caladas.            

Reconstruíndo un tapiz cos fíos da sororidade

As cinco concordan en que a Galicia do futuro a constrúen as mulleres con esforzó, pero tamén con ilusión. Coñecémonos a nós mesmas moito mellor que hai 25 anos, pero tamén somos moi conscientes de onde están as dificultades. A gran vantanxe do traballo das mulleres é romper ese mito do patriarcado no que non traballamos de xeito colaborativo. As mulleres que constrúen a Galicia do futuro fano desde a liberdade de escoller quen queren ser, reivindicando unha igualdade que confira unha conciliación, real e non as obrigue a desenvolver dous traballos a un tempo coma condición para se desenvolveren no eido profesional. A muller da Galicia que vén está disposta a reclamar, tomar e exercer postos de responsabilidade, e de saír á rúa ou a onde sexa preciso desde o activismo pacífico do feminismo para facer ver que somos quen de facer o que sexa igual ca os homes, de que ante o discurso da ultradereita non daremos un paso atrás. A muller que constrúe a Galicia do futuro ten claro que a súa vida persoal ten valía e faino valer pelexando moito e educando moito no ámbito familiar e laboral.

Na Galicia das mulleres trabállase a prol da igualadade e tratando de mellorar a nosa autoestima como pobo, empregando os recursos materiais e personais na creación dun país de noso, envoltas nun activismo constante e sen que importe que a cea quede sen facer ou a mesa sen recoller por mor de saír á rúa e berrar ben alto contra o que nos fire ou nos resta independencia. Sen culpabilidade e con orgullo.

Entón, que cambiariamos? Se hai un camiño de mellora no acceso a educación, no activismo, na procura da concilia, na concienciación da necesidade de novas masculinidades… Qué cambiaríades?

(LS) O primeiro que faría sería dotar dos recursos necesarios a lei da violencia contra a muller para perseguir a lacra dos maltratadores machistas, e poría todos os medios a disposición das mulleres para que, se elas o decidisen, non tivesen que preocuparse de nada máis que de recuperarse e de saír adiante.

(SP) A atención médica e sanitaria que recibimos as mulleres. Con tantas enfermidades e patoloxías propias das mulleres nas que apenas hai investigación e nas que apenas hai atención médica, cabe dicir que a nosa situación é precaria.

(CA) Dar máis postos de responsabilidade ás mulleres. Está demostrado que cando a muller acada o poder, non só político senón tamén empresarial, todo funciona mellor porque a nosa mente coido que é máis clara e sabe xestionar igual de ben que os homes.

(VO) O primeiro é influír na educación das nosas fillas e dos nosos fillos dende o berce, unha educación en igualdade e para a igualdade en todos os ámbitos (non só en asuntos de xénero), unha educación na responsabilidade persoal e colectiva, unha educación para conseguir persoas comprometidas.

(MA) Se fose presidenta do goberno, promovería máis cotas, máis axudas, máis paridade. Non quedaría nin un só órgano do goberno sen equilibrio 50/50 de paridade, no cine, no teatro, na xustiza, na universidade… Galicia leva nome de muller.

Telémaco ten nome de muller: Marta Seoane Abraldes

Para a xeración do 97 considero que o maior obstáculo puido ser que se consideraba aínda que a muller tiña que estar relegada ao ámbito do fogar, que tiña que ter fillos obrigatoriamente e que se os tiña non podía ter outra vida, así que se quería estudar ou traballar todo iso quedaba relegado á condición de que primeiro tiña que ser nai e ama de casa. Considero que a maior conquista para elas foi que puidesen estudar o que quixesen e puidesen empezar a ter títulos universitarios, a ser armadas coa educación.

Para construír unha Galicia na que eu querería vivir fai falta seguir loitando como estamos facendo ate a o de agora, e ver como as novas ondas do feminismo están insistindo no progreso e na mellora das condicións do mundo para obter todas máis equidade e igualdade. Creo que o que fai falta agora mesmo é seguir concienciando ás novas xeracións, porque o cambio ten que vir de persoas que sexan participativas, sen interese non haberá revolución. Pola nosa banda, a da xente nova, precisamos sobre todo escoitar á xente maior, por exemplo á xeración da miña nai ou das miñas avoas para saber e continuar no camiño das conquistas que elas empezaron.