[Monográfico O PAÍS POSIBLE] REVALIDACIÓN DO ECOSISTEMA RURAL

| Outros

por Francisco Sineiro García
Profesor de Economía agraria da USC

Os cambios económicos e sociais acaecidos nas últimas seis décadas alteraron de modo abrupto a distribución territorial da poboación e a súa ocupación. O crecemento das áreas urbanas e a formación de amplas zonas periurbanas intermedias, nas que hoxe se concentran as tres cuartas partes da poboación, foi a costa dun elevado descenso na poboación rural. No mesmo proceso de urbanización, o incremento das oportunidades de emprego na industria e servizos levaron á redución drástica da ocupación na agricultura ata uns 50 mil, a décima parte dos que había aínda a finais dos anos 1960s, cando a agricultura aínda representaba o 60% do poboación activa. Aínda que a agricultura tivo unha fonda transformación tecnolóxica neste período, estes cambios teñen o seu reflexo na actividade económica, cun descenso acusado da parte xerada pola agricultura, en consonancia coa caída do peso dos alimentos na cesta da compra e do transvase de alimentos básicos a transformados.

A pesar do alcance destes cambios, sería erróneo que nos levaran  a situar o rural nunha posición secundaria na nosa economía e sociedade. O rural ten un papel importante non só pola produción de alimentos e madeira, senón tamén na xestión do territorio con efectos importantes no medio ambiente, o mantemento das infraestruturas de comunicación, o abastecemento de augas ou a xeración e transporte de enerxía.

Os criterios de delimitación do rural non son uniformes, aínda que hai un acordo amplo en caracterizalo como o territorio asociado a un patrón de poboación formado por entidades de pequena dimensión. Para a súa demarcación seguimos a clasificación dos concellos segundo o grao de urbanización elaborada polo Instituto Galego de Estatística. Nesta clasificación establécense tres tipos de zonas: as densamente poboadas (ZDP), intermedias (ZIP) e pouco poboadas (ZPP), que se poden asimilar respectivamente ás zonas urbanas, intermedias e rurais. Xa dentro das zonas pouco poboadas que identificamos como rurais existen amplas diferenzas na súa situación económica e demográfica que levan a distinguir tres subtipos de alta, intermedia e baixa poboación, sendo este último o que podemos identificar como o rural en situación máis fráxil ou desfavorecida. A súa localización queda recollida na figura adxunta.

Clasificación dos concellos segundo o seu grao de urbanización (IGE 2016)

Comezamos por expoñer a situación actual e a evolución recente do rural, para continuar despois cunhas reflexións sobre algúns puntos que condicionan ou poden condicionar un rural posible para o futuro.

A situación actual do rural

Temos dúas dimensións a considerar no rural: a primeira con respecto ás características socioeconómicas da poboación, e a segunda sobre a utilización do territorio e as actividades económicas realizadas no espazo rural.

O rural concentra un 87% da superficie de Galicia na que vive un 26% da poboación, tendo caído o 1,1 por cento anual na última década, e presenta un elevado nivel de avellentamento. Este retroceso demográfico non é a causa senón a consecuencia das debilidades socioeconómicas existentes no rural: un menor nivel de renda, de oportunidades de emprego e de acceso aos servizos básicos.

O rural concentra un 87% da superficie de Galicia na que vive un 26% da poboación. Unha primeira característica do rural é o elevado descenso demográfico cunha caída do 1,1% anual da poboación na última década e un elevado nivel de avellentamento, como resultado dos elevados fluxos migratorios rexistrados nas décadas anteriores coa saída de boa parte da poboación máis nova. Este retroceso demográfico non é a causa senón a consecuencia das debilidades socioeconómicas existentes no rural: un menor nivel de renda, de oportunidades de emprego e de acceso aos servizos básicos.

A renda primaria obtida por habitante no rural, como resultado da súa participación na produción de bens e servizos, é un 28% inferior á media galega (e se amplía ata un 40% no rural máis desfavorecido), aínda que estas diferenzas quedan reducidas nuns 10 puntos porcentuais en termos de renda dispoñible (a capacidade de gasto das familias), debido sobre todo a unhas maiores transferencias sociais por medio das pensións, que cobra unha terceira parte da súa poboación, e en menor medida por ter unhas menores cotizacións laborais e impostos

O nivel de emprego tamén é menor no rural; só un 36% da poboación está afiliada á Seguridade Social como consecuencia do seu maior grado de envellecemento e dunha menor taxa de ocupación. Os ocupados na agricultura son unha minoría,  un 12% da poboación rural, debido ao elevado descenso que tiveron nas décadas anteriores; e este declive nos ocupados agrarios non foi compensado pola creación de emprego noutras actividades. Unha boa parte dos ocupados no resto de sectores teñen o seu posto de traballo nun concello distinto ao da súa residencia, sobre todo nas zonas urbanas ou intermedias máis próximas ou no núcleo de poboación máis importante da súa zona.

Así veñen a indicalo os resultados do censos de poboación e vivendas, pois sobre a metade dos habitantes dos pequenos concellos desprázanse habitualmente, a gran maioría deles en vehículo privado pola falta de adecuación do transporte público aos horarios da xornada laboral. Esta maior mobilidade permite seguir mantendo o lugar de residencia na zona rural e desempeñar a actividade laboral nunha zona urbana relativamente distante, unha situación que hai unhas décadas tivera obrigado ao traslado da súa residencia ao lugar de traballo. Estes resultados poñen de manifesto a interdependencia existente entre as distintas zonas territoriais e a influencia crecente do mundo urbano nos modelos de consumo e nas actitudes e comportamentos da poboación rural.

Ademais destas debilidades na renda e no emprego, a poboación rural ten tamén unhas maiores deficiencias no acceso aos servizos básicos de sanidade, educación, á poboación dependente e ás novas tecnoloxías da información e comunicación, que limitan as súas condicións de vida e a actividade económica.

Espazo rural e actividades económicas

Despois de revisar a primeira dimensión do rural coa situación e características socioeconómicas da súa poboación, imos tratar agora a relativa á utilización do espazo e as actividades económicas realizadas no rural.

Hai un uso deficiente do espazo rural, con só un 28% ocupado polos cultivos e pastos. Esta reducida superficie e a fragmentación parcelaria limitan o nivel de rendas da maior parte das explotación e condiciona a súa viabilidade económica futura. Boa parte das terras das explotacións que foron cesando na súa actividade nas últimas décadas non serviron para ampliar a superficie das que permanecían activas, senón que foron quedando abandonadas ou forestadas.

Hai un uso deficiente do espazo rural, con só un 28% ocupado polos cultivos e pastos. Esta reducida superficie e a fragmentación parcelaria limitan o nivel de rendas da maior parte das explotación e condiciona a súa viabilidade económica futura. Boa parte das terras das explotacións que foron cesando na súa actividade nas últimas décadas foron quedando abandonadas ou forestadas.

No rural prodúcese un 23% do PIB galego, un valor case catro veces inferior ao seu peso territorial, como resultado dunha menor actividade empresarial. As ramas de actividade cunha participación superior a ese valor medio son as ligadas á produción agraria e ás industrias extractivas, ambas cun 65% do valor xerado en Galicia, seguidas polas de enerxía e madeira cun40%, mentres que as agroalimentarias se manteñen no valor medio. O número de empresas localizadas nas zonas rurais equivalen a un 24% do total, pero redúcense ao 17% das que teñen máis de 50 traballadores, debido a ser a maioría de moi pequeno tamaño.

O rural posible de futuro

As disparidades de rendas e condicións de vida entre o rural e o resto do territorio corren o risco de seguir ampliándose se non hai un cambio de orientación sobre as políticas públicas e a actividade da sociedade civil das últimas décadas. No caso de non facelo proseguirá a regresión demográfica nas dúas variables que aínda son factibles de corrixir:  a saída da poboación máis nova e a baixa natalidade, polas menores expectativas de renda e servizos que poden lastrar o futuro dos seus fillos; e tamén seguirá aumentando a brecha social e o abandono do territorio, especialmente notable no rural máis desfavorecido, cos efectos negativos dunha maior vulnerabilidade aos incendios e perda do patrimonio cultural.

Revísanse algúns dos asuntos que deberían ser obxecto dunha especial atención.

1.  A ordenación do territorio

A ordenación é un instrumento básico para a toma de decisións concertadas dos factores sociais e  económicos para orientar a ocupación e uso sustentable do territorio. Nas últimas décadas foron notables os efectos causados polos retrasos no establecemento de directrices de ordenación territorial, que non foron aprobadas ata 2011 e de aplicación lenta, con  dous terzos dos concellos que aínda carecen de plans de ordenación. De modo que a maior parte dos investimentos públicos nas infraestruturas de comunicación, os novos polígonos industriais, así como as concesións dos plans de enerxía eólica foron executados sen o respaldo dun plan que tivera en conta os obxectivos da ordenación e articulación territorial do conxunto do País.

Un caso de especial relevancia para o rural foi a ausencia dun plan de ordenación de usos das terras e dun marco legal para fomentar a súa mobilidade, co obxectivo de favorecer o aumento da base territorial das explotacións. Só nos dous curtos períodos de gobernos progresistas houbo dúas iniciativas, as leis de montes de veciños en man común e do banco de terras, que facían fronte a este problema, pero a súa aplicación quedou paralizada na práctica polos seguintes gobernos, tendo que agardar a 2021 para ter aprobada unha lei de recuperación da terra agraria.

2.  A organización do espazo rural

A dispersión da poboación nun elevado número de entidades de poboación, o pequeno tamaño de boa parte dos concellos, e a ampla variabilidade existente entre o rural máis desfavorecido e o que conta con maiores recursos ou ten unha localización máis próxima ás zonas urbanas, son motivos que deberan levar establecer unhas directrices específicas da organización do espazo rural, prestando unha maior atención ás alternativas para a prestación dos servizos públicos e a localización de novas actividades económicas.

Algúns servizos públicos deben seguir prestándose pegados á poboación como a sanidade primaria, a atención aos maiores ou a educación na etapa infantil; ademais, estes servizos poden ser mellorados polas novas posibilidades que chega a dixitalización. Outros poderían ser prestados nun espazo máis amplo, mellorando o transporte público e a cooperación voluntaria entre concellos próximos.

A localización de novas actividades económicas nuns núcleos comarcais poden permitir obter algunhas vantaxes das economías de aglomeración, e establecer servizos especializados de apoio á formación e consolidación de novas empresas.

3.  O acceso as novas tecnoloxías de información e comunicación

É unha prioridade para o futuro, para que as actividades económicas do rural teñan conexións axeitadas cos seus provedores e clientes na cadea de subministros, e para ampliar as posibilidades de traballo online e novos modos de asistencia e prestación de servizos non presencial

4.  O fortalecemento das actividades de produción de alimentos e transformados da madeira.

Para mellorar o futuro do rural, cómpre tamén superar as debilidades existentes na limitada base territorial das explotacións e nunha industrialización incompleta dos seus produtos. Na organización actual da economía, a agro-industria ten un papel clave polos seus efectos de arrastre sobre a produción agraria e pola súa capacidade de adaptación aos cambios nos gustos e modos de vida dos consumidores.

5. A participación da sociedade rural.

A organización da sociedade rural non debera quedar limitada á realización dalgúns traballos de interese común ou a dotarse de representación e defensa dos mesmos. Tamén debería ampliarse á actividade económica, tal como ocorre en Francia coa asociación dos Centros de Economía Rural, da que pode formar parte calquera empresa radicada no rural.