Luns 25, Setembro 2023
HomeOutrosMONFORTE: EN DIRECCIÓN CONTRARIA

MONFORTE: EN DIRECCIÓN CONTRARIA

por Gonzalo Rodríguez

Prodúceme una profunda tristura a idea da construción dunha nova ponte no Malecón, non por razóns sentimentais, paisaxísticas ou mesmo ambientais, senón pola reiteración na estratexia equivocada, polo que reflicte de ausencia dunha diagnose certeira e, como consecuencia, dunha alternativa de futuro solvente. Prodúceme tristura ver que como marchamos envalentonados en dirección contraria. Como mínimo, non resolve ningún dos problemas de Monforte e distrae da atención aos que si existen.

De entrada, a razón de base é que unha infraestrutura, cuxo prazo de amortización cómpre pensalo en décadas, debería pensar no modelo de cidade do futuro, na configuración que sexa máis capaz de adaptarse ao retos do desenvolvemento. Apenas erguendo a vista, darémonos conta de que o número de coches tenderá a reducirse cando menos por tres causas que describo de seguido.

A primeira é local: a poboación de Monforte está minguando. Non é que o vaia a facer no futuro, xa o está facendo. A pirámide de poboación amosa unha perda de potencial demográfico que xa non é suplementado polo fluxo de poboación procedente de vilas próximas. A segunda é xeral, canto máis envellecida sexa a poboación, menor será o número de vehículos per cápita, por pura perda de facultades para a condución. A terceira é global: o número de automóbiles vaise reducir en todo o planeta. Entre outras cousas, porque non existen recursos para fabricar baterías suficientes para substituír todos os coches con motores de combustión. No futuro haberá menos coches, non máis, e as diferentes tecnoloxías que hoxe empezan a comercializarse facilitarán esa transición.

A segunda razón pola que a nova ponte é inoportuna é que as cidades que nos resultan máis atractivas, máis amables, onde se vive mellor, son precisamente aquelas que tenden a eliminar os coches do centro en favor das persoas, en favor dos peóns, das bicicletas, do transporte público. Esta é a dirección que están seguindo as cidades europeas. Este é o modelo que podemos atopar (e funciona) en Países Baixos, Dinamarca ou Noruega. Ademais, pola súa xeografía plana, Monforte ten condicións especialmente favorables para este tipo de mobilidade. A redución do tráfico rodado implica cidades máis seguras, sobre todo para maiores e nenos, menos ruído, máis espazo para encontrarnos cos outros. Porque iso é o que define o urbano, non os semáforos, senón a posibilidade de encontrarnos cos outros.

Pola contra, o modelo de mobilidade de Monforte resulta excluínte para unha boa parte da súa poboación. Vai un exemplo práctico. A miña avoa, que camiñou até os 96, estivo varios lustros sen poder saír por si mesma da nosa mazá urbana, porque non lle daba tempo a cruzar os semáforos. Así de simple. Viviu confinada na súa beirarrúa e limitada na súa autonomía. O modelo urbano actual traballa en contra da meirande parte da poboación. Inclusividade, sostenibilidade e resiliencia van necesariamente da man.

Non é de estrañar que o deseño teña que parecerse ao da vella ponte de ferro dos anos 50, porque efectivamente, todo o concepto mira aos anos 50. Ese é o drama.


Gonzalo Rodríguez é profesor de Economía Aplicada na USC