Venres 9, Decembro 2022
HomeOutrosMEXICO (II): LONXE DE DEUS, PRETO DOS EUA

MEXICO (II): LONXE DE DEUS, PRETO DOS EUA

por Manoel Barbeitos

No artigo anterior centrábame no papel de México como país latinoamericano sometido ás consecuencias de ter que lidiar cunha grande débeda externa, o que motivou que as elites mundiais se visen forzadas recoñecer que estaban equivocadas creendo que era un exemplo de estabilidade nunha Latinoamérica moi convulsa.

“Mexico aparece habitualmente no panorama latinoamericano como un caso excepcional de estabilidade política. Unha aparencia falaz, que se conseguiu sobre a base do esforzo dos seus gobernos por manter a calquera prezo a orde social nas cidades e ocultar ao público os case constantes conflitos agrarios”. (“Por el bien del imperio“. Josep Fontana). Unha estabilidade aparente pois, por caso, durante a guerra fría os sucesivos gobernos mexicanos, practicamente todo o tempo en mans do PRI (Partido Revolucionario Institucional), practicaron a miúdo a represión e a guerra sucia especialmente contra as masas campesiñas e  os estudantes.

A equivocada política agraria seguida polos sucesivos gobernos mexicanos durante tres décadas (60/70/80) fixo que México pasara de ser, por exemplo, un país exportador de millo a ter que importalo. Un déficit comercial que se economicamente se compensaba coas ganancias que permitía o petróleo, socialmente agochaba un crecente empeoramento das condicións de vida dos campesiños. Un descontento que nestes anos, visto que a vía pacífica non daba ningún resultado e que os gobernos intensificaban a represión, remataría desembocando na creación de múltiples grupos guerrilleiros rurais. As guerrillas serían utilizadas como escusa polos poderes gobernamentais para perpetuar auténticas masacres como a de Acteal (1997), cando un grupo de paramilitares asasinou a 45 campesiños de Chiapas que pelexaban polas súas terras e se negaban a que foran entregadas á grande industria alimentaria.

O movemento estudantil tamén foi vítima da represión gobernamental. Segundo os exemplos de Francia, Polonia, Brasil…, os estudantes mexicanos quixeron aproveitar a celebración dos Xogos olímpicos (1968) para facer visible nas rúas o seu descontento coa política educativa. A resposta gobernamental foi brutal: o 1º de outubro os estudantes convocaron unha xuntanza pacífica na Plaza de Tlatelolco, no centro da cidade de México, que sería duramente reprimida polo exército co saldo de 44 mortos. Non sería este o único fito de represión gobernamental co movemento estudantil, pois tres anos mais tarde (10 de xuño de 1971) una nova manifestación foi atacada por un grupo de matóns a soldo do goberno co resultado de 25 mortos entre os estudantes (“matanza de Corpus Chistri”).

Campesiños e estudantes, co seu sacrificio, deixaron constancia durante estas décadas da realidade que se ocultaba baixo a aparente estabilidade política. Unha estabilidade que a nivel económico estaba alimentando unha auténtica bomba de efecto retardado, pero de enorme e prolongado impacto: a bomba da débeda externa cuxas causas e impacto explicaba no artigo anteriormente citado.

O efecto Tequila e o libre comercio

 A débeda externa (1982) deixou unha herdanza fiscal de moi difícil xestión, pois os ingresos derivados do petróleo non eran suficientes para cubrir os pagos debidos pola débeda. Unha situación que se vería agravada coa caída dos prezos do barril de petróleo que tivo lugar neses anos.

Os erros na política cambiaria (sobrevaloración do peso), a citada caída do prezo do petróleo e os elevadísimos custos da débeda -os servizos da débeda chegaron a representar practicamente o 50% dos ingresos por exportación mentres as reservas de divisas non chegaban para cubrir nin o 50% das obrigas de pago- remataron no que se deu en chamar “crise do efecto tequila” (1994). Unha crise monetaria que tivo os seus inicios en México, cando o goberno se declarou de novo impotente para facer fronte aos pagos polos servizos da débeda e que repercutiría de inmediato sobre Arxentina, Venezuela, Brasil, Chile…. países cos que México tiña fortes lazos comerciais, e que non foron tampouco quen de facerlles fronte ás fortes subas dos tipos de xuro facilitados polas políticas de liberalización dos mercados financeiros que impulsaba o FMI. Políticas que provocarían a crise financeira internacional deses anos que ademais de Latinoamérica castigara ao Leste asiático, Rusia,..

Por outra parte, o acordo de libre comercio asinado cos Estados Unidos (NAFTA) -1992- provocou a ruína dos campesiños e as pequenas industrias autóctonas que non foron quen de competir cos produtos importados dos Estados Unidos. Curiosamente quen si se beneficiarían serían os narcotraficantes que souberon utilizar intelixentemente os corredores comerciais abertos para introducir as súas mercadorías no veciño do norte: “tan lonxe de deus e tan preto dos Estados Unidos”.

Democracia débil, estado falido

Durante todos estes anos, practicamente baixo o mando único do PRI, que duraría máis de setenta anos (1929-2000), foise consolidando un sistema no que a desigualdade acadou niveis superlativos, os abusos e os atropelos dos dereitos humanos fixéronse crónicos, a perda de soberanía aumentou e o poder dos carteis do narcotráfico foi insultante. Por estas razóns, e outras como o nivel e a extensión de corrupción, México converteríase nun estado falido.

Pola súa situación xeográfica, México foi de sempre un territorio de tránsito de migrantes procedentes maioritariamente de Centroamérica con destino aos Estados Unidos e Canadá -segundo fontes oficiais estadounidenses superan as 500.000 as persoas que, legal ou ilegalmente, cruzan anualmente a fronteira-. Un tránsito que para moitos dos migrantes, basicamente para as mulleres e os/as nenos/as se converte nunha travesía do horror pois son vítimas frecuentes de violacións, secuestros, asasinatos, escravización….

A súa condición de fronteirizo (unha raia que supera os 3.000 quilómetros) con Estados Unidos, que vén sendo un dos países de maior consumo de drogas, convertería a México nun centro mundial de comercio e distribución de droga tal que, segundo un estudio mexicano-estadounidense, supón unha entrada anual nos Estados Unidos dun monto cuxo valor oscila entre os 25 e os 40 mil millóns de dólares. Un comercio no que participan e do que se benefician xenerais do exército mexicano, directores e responsables policiais, políticos de alto nivel e altos funcionarios do estado, entre outros. Un comercio que rematou covertíndose en México nun problema de estado, alcanzando tal extensión que fixo que se  chegara a afirmar que o 60% dos municipios do país pasaron a estar capturados ou feudalizados polo narcotráfico. Velaí que se considerara que o estado mexicano se mudara nun “narcoestado, un sistema onde o crime organizado e o poder político son indisociables”.

A pesar dos recursos e o persoal dedicados polos distintos gobernos mexicanos nas últimas décadas a loita contra o narcotráfico, o poder dos carteis fíxose tan grande, que ameaza ao propio estado: son frecuentes os ataques desta mafia aos corpos policiais, convois do exército e da policía, cuarteis e edificios públicos, patrullas de exército e da mariña……Unha violencia sistémica que dispara o número de vítimas da mafia da droga: calcúlase que entre os anos 2006 e 2019 o número de mortos rondou os 275.000, entre os que había dende narcotraficantes ata defensores dos dereitos humanos, pasando por membros do exército e a policía, políticos locais, sacerdotes, pequenos empresarios e autónomos como taxistas…Cifras que amosan que ninguén en México se libra desta violencia.

Evidencias que tanto desmenten rotundamente a tese de que México sexa un exemplo de estabilidade en Latinoamérica como cuestionan a súa soberanía. En relación a isto último, compre subliñar que durante todo o período da “guerra fría” o aliñamento real de México cos intereses xeopolíticos do imperio estadounidense foi constante. Un aliñamento que os expertos cualificaron como “unha independencia na dependencia”. Unha dependencia que vai dende a que comporta o acordo de libre comercio (NAFTA) deica a axuda financeira prestada polos Estados Unidos co gallo das sucesivas crises da débeda, pasando pola loita contra o narcotráfico e o crime organizado.

Unha dependencia que condicionaría decisivamente a política exterior mexicana que, no fundamental, se aliña cos intereses do imperio.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]