Xoves 8, Decembro 2022
HomeOutrosMEXICO (I): A EXPLOSIÓN DAS DÉBEDAS EXTERNAS

MEXICO (I): A EXPLOSIÓN DAS DÉBEDAS EXTERNAS

por Manoel Barbeitos

En agosto de 1982, México foi titular en tódalas portadas da prensa económica internacional porque o seu goberno anunciaba que non era quen de pagar os servizos (amortizacións+xuros) da súa débeda externa. Iniciábase así a crise da débeda nos países do Sur que abriría a porta á crise xeral das débedas en todo o mundo, o que de paso deixaría en evidencia unha das realidades nas que se apoia a mundialización neoliberal capitalista.  

Cando México, un dos principais debedores, se declarou en suspensión de pagos, a débeda externa do Sur superaba os 560.000 millóns de dólares. Unha débeda que a principios dos anos setenta non chegaba aos 70.000 millóns: multiplicarase por 8. No caso de México, a débeda externa pasou de 7.000 a 98.000 millóns de dólares: multiplicouse por 14.

Que pasou? A desregulación e liberalización do mercado de capitais dos anos 70 animou a unha banca internacional que desbordaba liquidez a lanzarse a unha desaforada política de préstamos orientados principalmente a os países do Sur. Unha preferencia que se basea no feito de que a crise que atravesaban os países do Norte non garantía unha taxa de ganancia equivalente.

Esa abondosa liquidez foi ben recibida polos gobernantes do Sur dadas as moi favorables condicións dos préstamos (taxas de xuro iguais a cero cando non negativas). Para maior garantía, tiñan preferencia os países gobernados ben por ditaduras, ben por gobernos  de democracias fráxiles (Marcos en Filipinas, Mobuto no Congo, Videla en Arxentina…) Uns préstamos que, a pesar diso, asumían uns moi elevados riscos, pero aos que se suman os gobernos dos principais países do norte con esperanza de que “os créditos a exportación” favoreceran o auxe da demanda externa nos países do Sur e, xa que logo, a venda dos seus produtos manufacturados, equipamentos….

Co gallo de garantir o cobro das débedas derivadas dos préstamos, os prestamistas do norte -apoiados polo BM e o FMI- impóñenlles aos países prestatarios determinadas políticas económicos (P.A.E.: Plans de Axuste Estrutural) que teñen como un dos seus eixos centrais abrir as economías dos países do Sur e orientalas prioritariamente ao comercio exterior (materias primas, produtos primarios…). Unha apertura ao exterior que conduciría a estes países a entrar na lóxica do intercambio desigual propia da mundialización capitalista.

Esa lóxica forzaría a especialización produtiva orientada á demanda externa e un abandono da produción cara ás necesidades do interior. Para obter éxito, esa especialización terá que apoiarse necesariamente nos baixos prezos -intercambio desigual- para así poder competir con certas garantías cos países do Norte.

A preferencia por países con ditaduras tivo tamén as súas consecuencias. Os ditadores aproveitaron os prestamos para enriquecerse persoalmente. Así, os diñeiros que se prestaban a estes países remataban depositados nos bancos do Norte en contas bancarios dos citados ditadores. Un negocio perverso e criminal que contaba co beneplácito dos banqueiros e os gobernantes dos países prestatarios do norte, conseguindo así que o diñeiro prestado volvera directamente ás súas arcas sen que en ningún momento tivese entrado na economía deses países.

Outro aspecto destes créditos veu xogar en contra dos países endebedados. Eran préstamos que se contabilizan en dólares preferentemente, polo que o seu monto real dependía sempre da cotización desta divisa no mercado internacional de cambios. Unha cotización que, coa implosión das teses neoliberais a nivel internacional, se disparou baixo os mandatos de Reagan nos Estados Unidos e Thatcher en Gran Bretaña. Para combater a inflación deses anos (finais dos 70) e atraer capitais aos seus países, elevaron os tipos de xuro a niveis superlativos, medida que tivo inmediatamente efectos monetarios elevando a cotización do dólar e a libra, o que para os países do Sur comportou que se disparasen os pagos por servizos da débeda -os reembolsos- que, en non poucos casos, chegaron a multiplicarse por 9.

Por se os males foran poucos, neses anos tamén se produciu unha moi forte caída dos prezos das materias primas que exportaban os países do sur, que viron así como se deterioraba a súa balanza comercial. A conxunción dos déficits na balanza comercial co incremento dos pagos por reembolso das débedas deterioro enormemente a balanza por conta corrente, obrigando aos países debedores a solicitar novos préstamos que agora lles eran concedidos a tipos de xuro moito mais elevados. Os países do Sur entraron así na espiral da débeda: segundo cálculos da CADTM, entre 1980 e 2000 o Sur devolveu máis de 6 veces o que debía para atoparse 4 veces máis endebedado. A principal, que non única razón, está en que con tipos de xuro tan elevados, os países endebedados tiveron que contraer novas débedas para poder pagar as antigas: as taxas de xuro que tiveron que pagar os países en desenvolvemento chegaron a multiplicar por máis de catro as existentes nos países máis desenvolvidos.

Velaí as principais razóns que explican a explosión da débeda nos países do Sur. Unha explosión que entre outras consecuencias supuxo, a nivel internacional, que os fluxos de capitais que se transferiron do Sur para o Norte foran, e sigan sendo, moi superiores ao  fluxo destes para o Sur. A débeda pasou así a ser un mecanismo máis de transferencia de capitais da Periferia ao Centro do capitalismo mundial que se enriquece a conta de empobrecer a aquela.

México como vangarda

México, xunto con Arxentina e Brasil, estaría a vangarda deste intercambio desigual de capitais entre a periferia e o centro do capitalismo mundial.

Durante os anos 70, e confiando nos elevados prezos do petróleo -México é o cuarto produtor mundial- que permitían unha elevado incremento dos ingresos por divisas             -triplicaríanse os ingresos neses anos-, os organismos financeiros internacionais -liderados polo Banco Mundial- incrementaron exponencialmente os seus préstamos ao país mexicano, ao tempo que animaban á banca privada a que fixera o mesmo: entre 1973 e 1981 os préstamos multiplicáronse por 6. Todo elo a pesares do deterioro que estaba experimentando a balanza de pagos. Deterioro que o Banco Mundial escondía detrás de informes sobre a economía mexicana e que presentaban un panorama que contradicía totalmente a realidade do que estaba pasando. Unha descrición optimista que non cambiaría nin cando se produciu a citada elevación do tipos de xuro pola Reserva Federal (1979): o Banco Mundial afirmaba que México debía seguir endebedándose. Cousa que fixo o goberno mexicano. No ano 1981, o Banco Mundial concedía a México o préstamo mais elevado da súa historia: 1.100 millóns de dólares, utilizando como xustificación unhas previsións de crecemento da economía mexicana desorbitadas (8,1%)-

Pero…. como sinalaba ao principio, chega o ano 1982, México decreta a suspensión de pagos e declara que non está en condicións de facer fronte aos pagos da débeda. As súas reservas de divisas non chegaban nin ao 50% das súas obrigas de pago. Tres factores conduciran a México a esta situación: a elevación dos tipos de xuro, a caída de ingresos procedentes da venda de petróleo e a elevadísima carga que supoñía a débeda.

Pero houbo tamén outra razón poderosa. A banca privada diante da caída de divisas por mor dos novos prezos do petróleo pecharon o glifo. A mesma banca que fora tan xenerosa na concesión de créditos, agora mudaba de política. A caída dos préstamos, sumada a suba dos pagos pola débeda e a caída de ingresos procedentes da venda de petróleo, precipitarian a crise.

Unha crise que lles permitiría aos organismos financeiros internacionais (FMI, BM) esixirlle ao goberno mexicano, que estaba prostrado de xeonllos -a débeda externa ascendía no ano 1982 a 87.400 millóns de dólares (130% PIB) o que significaba un incremento do 240% con relación a 1976-, a aplicación das xa citadas políticas de axuste estrutural se quería recibir novos créditos.

Será o tema do vindeiro artigo.


(*) ERIC TOUSSAINT, A bolsa ou a vida. As finanzas contra os pobos.
(**) ERIC TOUSSAINT, O Banco Mundial e a débeda mexicana.

 

 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]