MEXICO (e III): HAI MOTIVOS PARA A ESPERANZA?

| Outros

por Manoel Barbeitos

A vitoria de AMLO foi espectacular, pois non só obtivo o 53% dos votos, grazas aos 30 millóns de mexicanos/as que o votaron, permitíndolle alcanzar a maioría absoluta nas dúas Cámaras, senón que pasou a ser o candidato máis votado da historia de México. Un apoio que a día de hoxe se mantén en niveis moi altos xa que, segundo as enquisas máis fiables, a súa xestión conta coa aprobación dun 60% dos/as cidadáns/nas mexicanos/as, o que supón que o actual presidente mantén niveis históricos de popularidade.

Moito por facer a nivel de desenvolvemento

Como en artigos anteriores, imos utilizar os informes do PNUD (IDH) -“unha medida sintética utilizada para avaliar o progreso a longo prazo en tres dimensións básicas do desenvolvemento humano: unha vida longa e saudable, o aceso ao coñecemento e un nivel de vida digno“- para avaliar a situación económica e social mexicana na actualidade. De acordo a estes informes México ten un nivel de desenvolvemento humano alto (IDH: 0,779, que o coloca no lugar 74 entre os 189 países que son obxecto de seguimento), claramente superior á media en Latinoamérica/Caribe (0,766) grazas fundamentalmente a un maior nivel medio de vida (renda per cápita). Ao igual que sucede no conxunto da rexión, o seu  nivel de desenvolvemento vese negativamente afectado por un alto nivel de desigualdade que queda reflectido na caída do IDH cando se axusta pola desigualdade (IDH-D: 0,613, unha caída do 17,9% que a pesar diso e menor que a media rexional: -22,2%).

Unha desigualdade que ten os seus fundamentos principais na desigualdade de ingresos (o 33,4% dos mexicanos viven na pobreza e o 10% acapara o 79% da riqueza) e nos déficits de saúde -unha menor esperanza de vida ao nacer-, e que se fai maior a nivel de xénero. Se, por caso, México ten a nivel medio latinoamericano unha taxa de mortalidade materna baixa (33 mulleres morren no embarazo por cada 100.000), non sucede o mesmo coa taxa de fecundidade entre adolescentes (60,4 nacementos por cada 1.000 mulleres de 15 a 19 anos).

Finalmente, en relación ao IPM (Índice de Pobreza Multidimensiónal) os indicadores mostran que México, polo número de persoas que viven nunha situación de pobreza multidimensional, ocupa unha posición intermedia entre os países de Latinoamérica (39% fronte ao 43% de media na rexión), unha situación que ten a principal causa nas carencias na saúde, e afecta de forma diferente segundo o xénero (maiores índices entre as mulleres). Para rematar este apartado compre destacar o elevado nivel de violencia de xénero en México: no ano 2021 superaron as 3.000 as mulleres asasinadas.

A pandemia da COVID-19 tivo un forte impacto en México, como en toda Latinoamérica, sendo os/as nenos/as os/as maiores damnificados. Así, e segundo informa UNICEF, a pandemia está poñendo en risco algúns importantes avances que se tiñan conseguido, pois 1 de cada 3 fogares experimentaron inseguridade alimentaria (pasan fame), máis do 60% dos/as nenos/as (nunha poboación de 40 millóns) víronse afectados polo peche das escolas e se incrementou en máis dun 50% os/as nenos/as que sufriron violencia no fogar.

Luces e sombras con AMLO

Tomando como referencia os avances conseguidos na loita contra a violencia, a corrupción e a miseria que anteriormente cualificamos como posiblemente as maiores pragas que castigan a México, a xestión de AMLO e o seu goberno presenta luces e sombras.

México, ao día de hoxe, segue e ser un país moi violento: si 148 periodistas foron asasinados dende o ano 2000, 28 deles o foron dende que AMLO é presidente. Aínda que o goberno puxo en marcha importantes reformas policiais dirixidas á loita contra a violencia, os resultados a día de hoxe seguen a ser moi modestos: se ben é certo que houbo nos últimos anos un descenso (3,5% anual) no rexistro de homicidios por violencia, o número segue sendo moi elevado (33.000 no ano 2021), o que sitúa a este país tanto como o máis violento de Latinoamérica (as seis primeiras cidades máis violentas, con maior taxa de homicidios, de Latinoamérica están en México) como un dos maiores a nivel mundial. O mesmo sucede na batalla contra o narcotráfico. O crecente consumo en Estados Unidos de diferentes tipos de drogas elaboradas en México fai incrementar o negocio dos narcotraficantes mexicanos, e impide que os indiscutibles avances que se están dando co goberno de AMLO -un incremento dos decomisos do 525%- teñan un efecto positivo equivalente pois, por caso, o listado de estados mexicanos con episodios de extrema violencia e controlados polos narcotraficantes non descende claramente -unha media diaria de 100 mortos, cifra que a pesar diso resulta inferior á de anos previos-.

En relación coa corrupción, a prestixiosa axencia Transparencia Internacional afirma que México mantén uns moi elevados niveis de corrupción pública (cun IPC de 31 puntos sitúa a México no lugar 124 de 180 países analizados), apuntando que no ano 2021 máis do 34% dos usuarios dos servizos públicos tiveron que pagar algún suborno. Se ben se mantén un elevado nivel de corrupción, non se pode ignorar a relevancia das medidas que contra esta lacra está tomando o novo presidente e que supoñen un fito na historia mexicana. Por caso, a redución do gasto suntuoso -a venta do avión presidencial, a redución dos escoltas, a eliminación das pensións e outros privilexios dos anteriores presidentes, a redución do salario presidencial nun 30%, a paralización das grandes obras faraónicas que eran un alimento da corrupción…-,  e a aprobación de medidas legais que van claramente dirixidas contra a corrupción como, por caso, a clasificación da corrupción e a fraude electoral como delitos e a persecución fiscal dos bens de procedencia ilícita.

Que o goberno de López Obrador ten maior sensibilidade social que os anteriores resulta indiscutible. O incremento nun 16% do SMI (Salario Mínimo Interprofesional), un notablemente superior número de becas, maiores subsidios para os pequenos agricultores, un incremento do 200% das pensións para discapacitados, maiores axudas para as familias pobres e un plan xeneroso de microcréditos para as pequenas e medianas empresas así como para o comercio polo miúdo, certifican esta maior sensibilidade social.

Os datos da macroeconomía

A nivel macroeconómico, como no conxunto da acción gobernamental hai luces e sombras no actual goberno. Entre estas últimas está a evidencia de que México segue arrastrando a lacra da súa grande dependencia dos Estados Unidos: o 80% das exportacións son a ese país. Tamén sucede que a pesar dos avances na loita contra a fraude fiscal, a economía somerxida México segue a ter unha presión fiscal moi baixa: 16,1% do PIB que queda moi lonxe tanto da media en Latinoamérica (23,1%) como de países veciños (Brasil: 33,1%, Bolivia: 25,4%). Unha realidade que, sumada a unha débeda externa disparada, presenta unha realidade fiscal moi deficitaria.

Pero o goberno tamén presenta luces importantes como, por caso, o Plan de rescate das grandes empresas públicas (carburantes, electricidade…), ou a Reforma do sector eléctrico que busca reverter as privatizacións anteriores e conseguir un control público maioritario da produción e distribución de electricidade (as últimas noticias sobre este obxectivo parecen apuntar a que finalmente o goberno non contará con o apoio parlamentario necesario para poderse levar a cabo).

Un balance gobernamental que, como sinalaba no título, presenta luces e sombras, pero para cuxa xusta avaliación é necesario ter en conta tanto o punto de partida como os condicionantes da súa cubicación territorial (“tan lonxe de deus pero tan preto dos Estados Unidos). Un balance que, como lle sucede á práctica totalidade dos países no mundo, veuse afectado negativamente pola pandemia pero que, a pesar diso, non fixo diminuír o elevado nivel de popularidade do actual presidente: sempre por riba do 60%.