Xoves 3, Decembro 2020
Home Outros MENTIRAS E TUNDAS

MENTIRAS E TUNDAS

por Luís Álvarez Pousa

O peor non son as fake news, ou a industria da mentira que está facendo da política e dos medios de comunicación dominantes un estercoleiro. Con ser tan destrutivas, aínda o é máis o que as ten só como unha das moitas ferramentas que utiliza para exculpar as súas culpas. As que fan do mundo e das nosas vidas un tormentoso vía crucis. Con pandemias inducidas que acaban índoselles das mans. Vivimos a contragolpe. Sometidos aos efectos da que Ulrich Beck identifica como sociedade de risco. Esa que asenta nun tempo no que, para facer operativo o sistema económico no que se revalida un capitalismo en crise, somete toda a súa estratexia de resistencia ao que pode dar de si a fe na dogmática neoliberal. Velaí o papel indiscutible, no tempo da comunicación dixitalizada, do que eu chamo industrialización da mentira.

Vímolo coa crise económica do 2008. O investigador Raúl Ríos argumentouno con todo tipo de datos na súa recente tese doutoral: os medios de comunicación dominantes, nos que os bancos e as empresas do Ibex35 teñen poder de decisión ao formaren parte dos seus consellos de administración, lexitimaron a austeridade, e xa que logo a inxusta desigualdade na que derivou, como a única alternativa posible. Todas as voces que ían contra ese discurso foron silenciadas.

Como vén de suceder coa encíclica “Fratelli Tutti”, na que o papa Francisco se manifesta radicalmente en contra do dogma neoliberal. O lobby mediático e xornalístico madrileño, ligado maioritariamente ao nacionalcatolicismo, gardou silencio, negándolle espazo e titulares á encíclica máis anticapitalista e ecosocial do Papa. Algo parecido sucedeu nos medios de comunicación galegos, incluidos os públicos. E o episcopado español, no que apenas hai unha ducia de prelados sen a marca endeleble do noutrora todopoderoso Rouco Varela, está deixándoa pasar sen pena nin gloria. Cos directivos de Trece, a televisión episcopal, felices ao non teren que darlle cancha ao comunistoide (fáltalles o de bolivariano) ocupa do trono de San Pedro.

Ese interesado desprezo quedou de manifesto no Congreso, durante a teatralizada moción de censura dos que se din baluartes da Cruz (dos Caídos) e da Igrexa (dos ricos). Botóullelo en cara Sánchez, poñendo en valor a encíclica ante unhas dereitas que se ven ideolóxica e estratexicamente contrariadas, e pilladas na súa propia salsa, ante os posicionamentos últimos do papa Francisco. Se xa os descolocou coa súa postura a prol das unións civís dos gais, contra as que o PP mantén vivo un recurso no Constitucional, o da encíclica déixaos doutrinal e politicamente apaleados. Por verse retratados na condena que o documento pontificio fai contra os que o fían todo do mercado, primeira tunda, e contra os que non practican a política ao coidado dos máis febles, na cultura do encontro e do diálogo, “como ternura e amabilidade”, segunda tunda.

Derivado do dito: cómpre poñer ao descuberto as estratexias exculpatorias dos principais activos do neoliberalismo; e desarmar a industria da mentira, que ten nos medios dominantes aos seus acólitos.


 

Novidades