MADRID, CAPITAL DO PASADO

| Outros

por Enrique Sáez Ponte

O comercio incentivou a descuberta de novas solucións técnicas de produción e transporte que deron lugar, desde hai dous séculos, ao desenvolvemento industrial. Madrid tampouco está preto de lugares onde haxa materias primas de interese e carece dunha base industrial significativa. Doutro lado, a meseta sur non permite actividades agrícolas e gandeiras relevantes e, ademais, a produción do campo perdeu moito peso económico nos últimos séculos.

A capital do Estado está situada na parte sur do centro da península, o que tamén a afasta das áreas con base industrial. Esa escasa relevancia de sectores produtivos integrados na globalización económica reflíctese no dato de que a Comunidade de Madrid é, xunto a Extremadura, a que ten un menor peso da exportación de mercadorías no seu PIB.

Queda o sector servizos que, como ocorre acotío nas economías avanzadas, é o motor de desenvolvemento, aínda que na capital pesan especialmente os servizos públicos. O sector terciario ten unha participación no PIB da Comunidade de Madrid dun 77%, o máis alto de España; incluso supera á que ten nos dous arquipélagos, Baleares e Canarias, que viven en gran medida do turismo.

Séculos de monarquías absolutas e gobernos militares, moi centralistas, que coinciden coa gran expansión do gasto estatal, concentraron na capital moitas funcións públicas, e  construíron un sistema de comunicacións radial, destinado a corrixir o illamento xeográfico. Un proceso reforzado pola colocación, a carón do poder político, de numerosas empresas estatais ou estatais privatizadas e dos principais bancos, que engaden o seu peso ao sector servizos. Moitas multinacionais tamén elixen Madrid para a súa delegación en España.

O peso do sector da construción complementa o predominio do sector servizos. Unha actividade que se agrupa na estatística económica a carón da industria, pero que obedece a prácticas produtivas diferentes e máis afeitas a situárense preto do poder político.

Emulando a outras capitais europeas, tendeuse a situar alí centros de investigación públicos e grandes equipamentos culturais de carácter nacional (academias, museos, bibliotecas, orquestras, teatros, óperas, ballets…), o que axuda a que a cidade teña máis atractivo turístico e como lugar de residencia.                                   

Unha maior proximidade ao sur

Ademais da base económica da urbe, cómpre analizar a súa visión do mundo e a xustificación legal da súa posición en relación coas estruturas do Estado, porque axuda a entender como selecciona obxectivos e establece prioridades.

A relixión católica ten moito peso na cultura do país, e mantén a influencia a pesar do desgaste que sofre en canto a practicantes. A tradición política católica é moi unitaria. O pobo pídelle todo ao Estado como antes llo pedía á Igrexa. Todos somos iguais ante Deus-Estado. O principio legal da igualdade ante a lei supera á súa orixinal razón xurídica, centrada en garantir o exercicio dos dereitos individuais, e extrapólase a temas colectivos para perseguir a disidencia e a diversidade. O de que todos somos iguais esténdese polos eidos sociais e remata por significar que todos somos uniformes. Os países católicos medianos carecen de exemplos de sistemas federais, desconfían das diferenzas e tenden a velas como herexías que cómpre perseguir.

Séculos de monarquías absolutas e gobernos militares, moi centralistas, concentraron na capital moitas funcións públicas, e construíron un sistema de comunicacións radial. Un proceso reforzado pola colocación, a carón do poder político, de numerosas empresas estatais ou estatais privatizadas e dos principais bancos.

Madrid está ao sur do Guadarrama e considera normal que cousas como o arte flamenco, que ten moitos elementos orixinais de interese, ocupen un lugar central na identidade cultural española. Os medios de comunicación da capital (e a Compañía Nacional de Danza) dedícanlle un inusitado espazo a este tipo de manifestacións artísticas. En particular RTVE, que é pública e moitas veces parece unha rede local polo peso que ten toda actividade cultural que se realiza na cidade onde ten a sede. E menos mal que as touradas van sendo marxinadas polo cambio de sensibilidades respecto ao maltrato animal; ata hai pouco retransmitíanse en horarios de máxima audiencia.

Esta maior proximidade ao sur reforza o peso da amizade, dos contactos persoais, fronte ás relacións máis profesionais. É algo habitual en moitos lugares, pero en Madrid é unha característica moi acusada, sorprendente dada a súa dimensión metropolitana. Case calquera co que te encontres alí vai tentar presumir das súas relacións ou de ter información privilexiada a través dalgunha fonte persoal.

Hai grandes cotos de caza preto da cidade (din que esa foi a razón última de Felipe II para situar alí a súa capital, xa que era moi afeito á actividade cinexética) e as relacións informais establécense e refórzanse acotío no marco de cacerías organizadas. Nelas mestúranse con naturalidade políticos, empresarios, xenerais, maxistrados, profesores…, que debaten e chegan a acordos para facer cousas xuntos, que logo afinan en discretas comidas de negocios.

Dentro da política do “café para todos”, de crear un excesivo número de CCAA, Madrid obtivo premio. Non lle chegaba cun estatuto de capital, como adoita ocorrer nos Estados federais, tamén é Comunidade Autónoma. Unha circunstancia que a dota de moita capacidade de desenvolver políticas propias para defender os seus intereses.

España, probablemente o país onde os enxeñeiros de camiños teñen máis nivel de formación e influencia, conta con grandes empresas construtoras. O sector do “ladrillo”, dependente das decisións do poder político, tanto polas grandes obras como, en xeral, polas licencias para construír, e conéctase acotío con casos de corrupción. O peso da construción no PIB español mantén niveis moi altos, claramente superiores aos demais países desenvolvidos. En xeral, máis construción implica máis corrupción.

A pirámide das leis en España está presidida pola Constitución de 1978, que foi un pacto entre os demócratas que saían da clandestinidade e os herdeiros do franquismo, que contaban cun forte apoio nas Forzas Armadas. Nese consenso, en gran medida imposto pola ameaza dun posible golpe militar, o aspecto territorial quedou confuso.

Por unha banda, a carta magna mantén as provincias, o sistema de artellamento do territorio que gusta no centro, conectado coa súa visión xacobina. Doutra, aparecen as Comunidades Autónomas, un elemento de descentralización nunha liña federalista para aplacar as aspiracións de zonas culturalmente diferenciadas, ás que se lles recoñece a categoría de “nacionalidades históricas”, fronte ás “rexións”, que serían o resto. A habilidade do PNV conseguiu manter un elemento foral, o concerto económico, que garante autonomía fiscal ao País Vasco e a Navarra.

O resultado non ten moita lóxica. Establecéronse sistemas superpostos antagónicos e teoricamente incompatibles, o que resulta caro e ineficiente. Nos anos seguintes, a versión unitarista apostou por regar o país de CCAA para diluíren o peso das “históricas” e por equiparar unhas e outras en canto a competencias.

Dentro da política do “café para todos”, de crear un excesivo número de CCAA, Madrid obtivo premio. Non lle chegaba cun estatuto de capital, como adoita ocorrer nos Estados federais, tamén é Comunidade Autónoma. Suma as competencias dunha Comunidade ás que posúe como capital do Estado, unha circunstancia que a dota de moita capacidade de desenvolver políticas propias para defender os seus intereses.

A lei electoral que se acordou, con distritos provinciais e reconto proporcional, dá moito peso á España interior, máis conservadora e afeccionada á protección que sente no modelo unitario, e moito poder ás cúpulas dos partidos. Con estes fíos, desde o intento de golpe de Estado de Miláns-Armada-Tejero no 1981, a teima da capital do Estado vén sendo recentralizar, retirar competencias ás CCAA aproveitando as ambigüidades da Carta Magna e as sentencias dun Tribunal Constitucional infiltrado polos partidos estatais.

Por último, está a Monarquía, a clave de bóveda do sistema, a garantía de que o Estado vai seguir sendo unitario. Unha institución que non se sente cómoda dentro de ordenamentos federais, a pesar de que existe o precedente de Bélxica, un país pequeno con dúas comunidades moi diferenciadas.

Os tres poderes básicos (Executivo, Lexislativo e Xudicial), a burocracia e as actividades económicas veciñas constitúen o principal medio de vida e de influencia da nosa cidade máis importante, que conta cunha longa tradición de mando único.

A imaxe de España como patria uniforme é difundida sistematicamente por un sistema de medios de comunicación centrais que conta con moito poder. Madrid é a propietaria real da España que nos vende. Ata tal punto, que a Asemblea de Madrid séntese na obriga de pedirlle ao Goberno que ilegalice aos partidos independentistas que atenten contra a unidade da empresa, perdón, da nación.

Pero agora estamos nun Estado de dereito no que a diversidade tende a emerxer, especialmente en Cataluña, reforzada pola relevancia de Barcelona como modelo de cidade alternativo ao da capital (1). Sempre que houbo democracia en España, a tensión entre o norte diverso e máis industrial e o centro-sur máis agrícola e próximo ás ideas da capital foi difícil de xestionar, e está na base de fracasos anteriores na consolidación dun Estado democrático. Se queren investigar sobre isto, analicen, por exemplo, a porcentaxe de voto a Vox por provincias.

Doutra banda, a evolución do mundo, que conta con 7.500 millóns de persoas cada día máis conectadas e onde, por primeira vez, non existen imperios coloniais, tende a facer máis porosas as fronteiras sobre as que se asentan os Estados. Especialmente en Europa, onde estamos construíndo un novo tipo de artellamento colectivo para adaptarnos a unha contorna máis aberta e competitiva. O novo marco da posmodernidade pon nerviosos aos que teñen un poder ancorado nun Estado moderno, e xustifica o crecemento de posicións nacionalistas radicais que nadan contracorrente.

O escenario, en España e noutras partes, somete a fortes tensións as identidades nacionais dificilmente construídas, como a nosa. Increméntase así o fraccionamento social, unha tendencia que se ve reforzada nestes tempos pola dose de confrontación que engaden as redes sociais ao debate político, e a capacidade de manipulalas coa que contan Estados pouco ou nada democráticos, que procuran empurrar os enfrontamentos para debilitar o modelo europeo de protección das liberdades.

Asemblea de accionistas de España S.A.

A pesar dos desafíos internos e externos que enfronta, a capital vai ben, crece, séntese segura. Para conseguilo, apóiase nun comportamento colectivo que se coordina con sorprendente facilidade.

Madrid defende unha idea de España que ten moito que ver cos seus intereses, pero que é asimilada con naturalidade por grande parte dos españois. A idea de país único é aceptada por moita xente, promove unha mensaxe positiva de solidariedade compartida para afrontar problemas reais ou imaxinarios. Un esquema que reforzan os que se benefician del, botándolle a culpa de calquera dificultade aos diferentes, sexan estranxeiros (invasores que transmiten virus culturais, practican a delincuencia e fan competencia desleal), sexan partes da poboación que queren ter máis capacidade de decisión autónoma (alcumados de traidores, egoístas e insolidarios).

A imaxe de España como patria uniforme é difundida sistematicamente por un sistema de medios de comunicación centrais que conta con moito poder. Madrid é a propietaria real da España que nos vende. Ata tal punto, que a Asemblea de Madrid (asemblea de accionistas de España S.A), a proposta do partido franquista e co voto dos seus aliados da dereita dura (2), séntese na obriga de aprobar unha moción pedindo ao Goberno, na penúltima sesión antes das eleccións xerais de novembro, que ilegalice aos partidos independentistas que atenten contra a unidade da empresa, perdón da nación.

A linguaxe sempre é importante. Agora, uns son constitucionalistas, os outros son secesionistas ou cómplices deles. Observo que, nos últimos meses, tenden a empregar outra vez a palabra “rexións” para referirse ao conxunto das Comunidades Autónomas. Hai cousas graciosas se non fora pola mensaxe que agochan: ultimamente TVE informa do tempo en diversas zonas do continente e un pode ver o prognóstico para Chisinau ou Skopie, por se quere pasar por alí, pero non aparece o de Istambul, a cidade que lidera o Mediterráneo oriental desde hai máis de 2.000 anos, e que ten máis de 11 millóns de persoas. A quen lle importa unha cidade que non é capital dun Estado?

O papel dos medios “nacionais” é moi importante para, desde unha visión compartida, dar cohesión á acción política dos axentes que operan na capital. Esta percepción – o que é bo para Madrid é bo para España- facilita a cohesión entre os grupos de poder. A coordinación refórzase en actividades que comparten (xa se falou das cacerías, pero están os actos da Corte, as reunións empresariais, o palco do Bernabeu…) e que logo materializan en almorzos e reunións específicas. Están moi afeitos a facelo.

A xeografía: a situación no interior das mesetas centrais inflúe no sentimento de solidariedade colectiva, e reforza a vontade de traballar xuntos, de apoiarse. Séntense nunha illa, a pesar de non estar preto do mar e precisamente por iso, por estar lonxe dos espazos que medran coa globalización e constrúen o mundo actual.

O papel dos medios “nacionais” é moi importante para, desde unha visión compartida, vertebrar a acción política dos axentes que operan na capital. Esta percepción – o que é bo para Madrid é bo para España- facilita a cohesión entre os grupos de poder. A coordinación refórzase en actividades que comparten (cacerías, os actos da Corte, o palco do Bernabeu…) e que logo materializan en almorzos e reunións específicas. 

A capital é capaz de actuar de xeito máis coherente que os axentes que promoven unha España máis descentralizada. Estes, ademais do obstáculo que supón a propia diversidade, non dispoñen de aparatos políticos fortes nin de grandes medios de comunicación.

O éxito de Madrid na defensa dos seus intereses constitúe un obstáculo para a modernización de España. Primeiro, porque defende un Estado moi centralizado, que é menos eficiente, especialmente dentro da UE. Francia, o modelo de referencia para a nosa capital, está facendo grandes esforzos para descentralizarse. A súa economía non atura o peso do gasto público que supón (2017) o 56,5 % do PIB, mentres que en Alemaña, un país federal, representa só o 43,9 e non funciona peor. Tamén en España un modelo federal sería máis eficiente.

Madrid: concentración de poderes fácticos

Estes feitos contradín a lóxica implícita na “venda” dun sistema moi centralizado, pero hai outras eivas para a nosa sociedade derivadas dos elementos produtivos e culturais que antes se sinalaron. O clientelismo e o intercambio de favores, a baixa cultura de competencia profesional, déixanos un regueiro de títulos universitarios de pouco valor ou directamente falsos, e un gran feixe de enchufados e de postos públicos (embaixadas, consellos retribuídos…) permanentemente repartidos entre castas de políticos e executivos.

A gran coordinación que teñen, e a proximidade que os leva a auto-protexerse, marca moito o que pasa na capital. A pesar dos niveis de corrupción, compadreo e desprestixio, os medios de comunicación tenden a destacar outras cousas e os madrileños seguen a votar aos mesmos partidos. No fondo porque pensan que son dos “nosos” e xa se arrepentiron. As marabillas da absolución católica.

José M. Aznar é un referente sobranceiro. Debería estar na cadea por meternos na guerra ilegal de Irak en base a informacións falsas (instintivamente gustaba dos americanos e desconfiaba da Europa que lle quería quitar competencias). Foi un experto en colocar en postos de responsabilidade a todo tipo de personaxes xulgados por corrupción. Pero segue tranquilo, dando doutrina e marcando liña política. A cadea é para políticos cataláns que tentaron facer un referendo non autorizado. Pero toparon coa xustiza, para iso está en Madrid o Tribunal Supremo.

Aznar aparcou ao desprestixiado Rodrigo Rato á fronte do desastre de Bankia. Manobrou para poñer a Francisco González, un home con antecedentes pouco claros, como presidente do BBVA e traer a entidade a Madrid; tentouno tamén con Iberdrola por medio de ACS, pero aí xa colleu máis preparado ao PNV e non o conseguiron. Rematada aquela etapa cos vascos, agora están aproveitando os problemas en Cataluña para desprazar cara ao centro ás empresas catalás. A cousa é reforzar a illa central con todas as empresas “nacionais”.

Nesa tarefa destaca o Banco de España, que non sabía o que pasaba preto da súa sé, porque todos se coñecían e se tiñan confianza sen mirar moito os números. Ademais dos casos citados, a el débense outros como o do Popular. O banco emisor segue ampliando persoal, a pesar de que xa non emitimos moeda e o número de entidades a supervisar tense reducido radicalmente. É un “aparato” grande, con poder e bos salarios. Esas cousas na capital son sagradas, pero quizais habería que pechalo.

A Comunidade Autónoma de Madrid emprega a capacidade económica que lle dá a capitalidade de España para combater ás outras comunidades no plano fiscal. A efectos prácticos, procura converterse nun paraíso fiscal no centro do propio Estado do que vive ao que prexudica. Un caso único no mundo. Patrimonios xerados noutras partes son succionados polo centro, un escenario novo para reforzar unha vella tendencia dos ricos “provincianos”.

A Comunidade Autónoma de Madrid emprega a capacidade económica que lle dá a capitalidade de España para combater ás outras comunidades no plano fiscal. A efectos prácticos, procura converterse nun paraíso fiscal no centro do propio Estado. Un caso único no mundo. Patrimonios xerados noutras partes son succionados polo centro, un escenario novo para reforzar unha vella tendencia dos ricos “provincianos”.

O poder das empresas construtoras constitúe unha eiva específica. Teñen demasiada presenza nos circuítos de corrupción e de financiamento dos partidos políticos. Nas prioridades do Estado sempre está a obra pública, especialmente a que beneficia á capital. Todo o que ten que ver co AVE é unha desmesura. Nunca se vai recuperar a maior parte do investimento nesa tolería radial, como os miles de millóns que costou Bankia ou o rescate das autoestradas de peaxe de Madrid. O grave é que se o Estado inviste en obra pública, non ten capacidade para facelo en investigación ao nivel que necesitamos, e lastra a nosa capacidade de ter unha economía avanzada.

Hai algún problema máis sutil que o “ladrillo”: é un axente fundamental para manter altos prazos de pago entre empresas. En España a media está en 81 días (2018), esmagando a capacidade de investir e crecer de moitas PEMES. Ese mesmo prazo en Alemaña é de 17 días, por isto as súas empresas investigan máis e teñen máis peso industrial.

O modelo económico, cultural e institucional predominante en Madrid vén do pasado. Deberiamos facelo evolucionar cara unha modernidade máis aberta, máis diversa, máis investigadora, menos corrupta. A propia capital beneficiaríase dos cambios nesa liña. Xa é unha gran cidade internacional e posúe moitas capacidades que pode desenvolver, non debería obsesionarse pola acaparación de competencias políticas. Pero non hai que confiarse, a modernidade non vén soa, hai que pelexar por ela e, como tamén vemos noutros países, o atraso está enraizado e volve coller pulo.


Enrique Sáez Ponte e autor do Blog libertadxxi.com