Xoves 30, Novembro 2023
HomeOutrosMADRID: A PÉRFIDA ALBIÓN

MADRID: A PÉRFIDA ALBIÓN

 por Manoel  Barbeitos 

Aínda que o término Albión ten orixe celta, a súa maior divulgación tivo lugar no século XIX cando Napoleón o utilizaba para referirse despectivamente a Gran Bretaña. Uso que posteriormente se xeneralizaría e así sería utilizado por Benito Pérez Galdos nos seus Episodios nacionais, polos irlandeses nas súas cancións patrióticas e polos arxentinos cando a guerra das Malvinas. Co gallo da pandemia, temos agora a un sector do soberanismo galego que atopou unha nova e pérfida Albión, que neste caso sería Madrid, quen segundo eles sería a causa principal da expansión do coronavirus por toda España.

Porén, as evidencias empíricas están demostrando que o impacto da pandemia da COVID-19 non é homoxéneo, senón que varía en función dunha serie de variables máis obxectivas. O impacto estase demostrando inversamente proporcional ao nivel de fortaleza e desenvolvemento das funcións públicas de benestar, e moi especialmente no que ten a ver coa atención sanitaria pública e a atención aos maiores.

Na Unión Europea, os estados europeos que teñen un maior nivel de desenvolvemento da atención sanitaria pública e están empregando máis recursos públicos contra a pandemia (persoal, infraestruturas, servizos, materiais…), como por caso sucede en Alemaña, teñen uns índices de propagación dos contaxios e de mortalidade moi inferiores aos daqueles estados europeos con importantes déficits (España, Italia, Portugal….). O mesmo sucede dentro de España, onde temos o caso paradigmático da Comunidade de Madrid, na que a desfeita que na atención sanitaria pública provocaron as políticas do PP está sendo a causa principal da grande expansión que a pandemia acada nela. Expansión que non é uniforme, por certo.

O impacto do coronavirus tamén aparece claramente relacionado coas condicións de vida e traballo da poboación. As investigacións máis rigorosas mostran como a pandemia está impactando máis nas clases populares, cunha taxa de infección máis alta, que as clases de rendas altas. Máis na poboación que vive nos arrabaldos populares das grandes cidades que nas dos barrios habitados por xentes ricas. Con peores condicións de habitabilidade e vivenda cando non de confinamento habitacional, con menores posibilidades de realizar os traballos na casa e obrigados a utilizar transportes públicos en horas punta con grandes aglomeracións, con peores condicións laborais nas súas empresas…. As clases populares corren moitos maiores riscos de contaxio e, xa que logo, teñen máis afectados.

Así, e volvendo a Madrid,  sucede que o impacto da pandemia se está cebando nos barrios e vilas do sueste da Comunidade, que é onde hai máis residentes pertencentes ás clases populares, emigrantes, minorías sociais, mentres nos barrios do centro, rendas medias e altas, teñen unha moito menor incidencia. O mesmo sucede en Barcelona, con distintas incidencia por barrios segundo nivel de renda: menor nos barrios máis podentes. Evidencias que demostran como hai unha relación inversamente proporcional entre nivel de renda e impacto da COVID-19, e como os virus si entenden de clases sociais.

En sentido contrario, os territorios con amplas zonas rurais, con maior dispersión poboacional, con vilas de tamaño medio ou pequeno coñecen unha menor expansión da pandemia (10% dos casos). Galicia, por caso, ten un menor impacto da pandemia que outras comunidades españolas por estas razóns. Porén, a precaria situación en que se atopan as residencias de maiores fai que a mortalidade entre este colectivo, que é especialmente vulnerable, sexa moi elevada.

Estas evidencias deberían axudar a entender mellor por que a pandemia ten unha distinta expansión, por que a taxa de mortalidade debida á COVID-19 é moi diferente en España, Europa e Occidente, incluso entre estados con niveis de desenvolvemento moi parecidos. Evidencias que desmontan dogmas sen fundamento empírico.