Domingo 28, Maio 2023
HomeOutrosLÓXICA (DO) INTELECTUAL POPULISTA

LÓXICA (DO) INTELECTUAL POPULISTA

por Miguel Ángel M. Quintanar

Sobre o populismo, como sobre calquera idea filosófico-política, hai usos interesados e interpretacións erradas. Mais tamén malentendidos e confusións inocentes. “Populismo”, empregado como cualificativo de movementos e partidos, ou como rúbrica mediática, tende a anubrar, se cadra aínda máis, a súa natureza. Para deitar luz é útil acudir aos seus alicerces. A vaga intelectual creada polo impacto d’A razón populista (2005) de Ernesto Laclau, e os debates posteriores, chega até os nosos días. Quince anos de incomprensións, desvíos e disimulos, precisan desanoarse para lograr unha recta avaliación do concepto.

En primeiro lugar, o populismo é, sobre todo, unha lóxica política, non soamente un movemento, asociación, partido. Funda (e se funda) en tres ideas: o “pobo” constrúese (non preexiste na historia, lingua, sociedade, territorio); a “representación” crea o social (non reflexa un todo social previo); a “política” nace na asimetría entre o “todo da comunidade” (sociedade) e a “parte representativa” (vontades colectivas). Populismo é construtivismo: do pobo, na representación, para a política. É contrario ao esencialismo e naturalismo no político e, tamén, ao contractualismo da política. Dito doutra maneira: populismo e nacionalismo, de entrada, non casan ben; populismo e liberalismo político son antagónicos.

O populismo asenta sobre tres premisas filosóficas posmarxistas e posmodernas. Primeira: a acción prima sobre a ideoloxía. Segunda: a articulación formal dos contidos materiais (peticións sociais, reclamacións populares) está por riba das ideas políticas. Terceira: as prácticas políticas constitúen os axentes sociais (non á inversa).

O populismo asenta sobre tres premisas filosóficas posmarxistas e posmodernas. Primeira: a acción prima sobre a ideoloxía. Segunda: a articulación formal dos contidos materiais (peticións sociais, reclamacións populares) está por riba das ideas políticas. Terceira: as prácticas políticas constitúen os axentes sociais (non á inversa). Ideas e premisas desenvólvense na lóxica (do) intelectual populista.

A lóxica do intelectual populista

A lóxica intelectual populista fai tres consideracións. Primeira: a dinámica social (das masas) e a política (vontade política) non coinciden. Por outras palabras, a acción política é unha “parte” da acción social e non hai maneira de reconcilialas. Segunda: a identidade individual non existe. Só hai posicións subxectivas localizadas nun cadro móbil de posicións sociais. O individuo é unha “identidade referencial” que se divide nunha serie de posicións. Terceira: o vínculo social non se funda no contrato social (entre individuos) ou no pacto (dos individuos co Estado). Baséase nas demandas sociais.

Pola súa banda, a lóxica do intelectual populista é unha estrutura. Serve para contemplar o funcionamento da dinámica social e política en tres fases: demanda sobre a falta (agonía); constitución da subxectividade (popular); reivindicación (crise). O seu relato do/no social é como segue. Calquera demanda social insatisfeita (petición e vindicación) xira arredor dunha falta agónica (carencia, necesidade). Pode, e debe, articularse con outras demandas insatisfeitas. A democracia popular nace na insatisfacción da demanda e a súa articulación nunha cadea. Esta articulación ten un carácter anti-institucional: é o resultado dunha apelación non resolta pola orde institucional establecida. A articulación fai xurdir un suxeito popular que non existía: a subxectividade popular constituínte e democrática. É unha subxectividade colectiva que resulta reforzada cando a reivindicación establece unha fronteira interna no social mercé a un discurso dicotómico: inimigo/amigo, arriba/abaixo, caste/xente, poder/pobo.

A lóxica intelectual populista: a democracia popular nace na insatisfacción da demanda e a súa articulación nunha cadea, que ten un carácter anti-institucional -é o resultado dunha apelación non resolta pola orde institucional establecida. A articulación fai xurdir un suxeito popular que non existía, o da subxectividade popular constituínte e democrática.

A lóxica intelectual (do) populista prescinde de tres elementos. O primeiro é a complexidade das sociedades posmodernas: non é posible a atención e satisfacción total das demandas sociais por parte das institucións socio-políticas. O segundo é o suxeito democrático: é un suxeito constituído e anómico, incapaz de mobilizar as forzas constituíntes que fornecen o conflito institucional, a crise orgánica. O terceiro é o discurso consensual democrático: a súa función é encubrir a infinitude agónica das demandas.

Esta maneira de ver a dinámica social e política define o populismo: estratexia política. Facer política é elaborar estratexias. Baseadas en que? En tres condicións. Primeira: totalizar o poder que se opón ao conxunto das demandas que constitúen a vontade popular. A lóxica dicotómica (amigo/inimigo), tomada de Carl Schmitt, ergue un opoñente: ancien régime, oligarquía, establishment, caste, entre outros. Segunda: activar a hexemonía. Concepto acuñado por Gramsci, mais modificado polo populismo, invita a converter unha demanda particular en representante da cadea de demandas. Por exemplo: “soberanía”. Terceira: conducir ao límite a expresión extrema da subxectividade popular, homoxeneizando no nome do líder a heteroxeneidade das demandas. Inspírase no liderado ideado polo leninismo de corte idealista.

O populismo denuncia dúas grandes formas de desactivación da política entendida como estratexia. A primeira é a eliminación das dicotomías. Por exemplo, a substitución da política por un proxecto de nación (“independencia”) ou por solucións administrativas (“xestión”). A segunda é cambiar o signo político da estratexia (a dereita ou esquerda). Por exemplo, re-articular as demandas cívicas sobre unha soa demanda (“Poder popular”, por dicir unha) ou a re-apropiarse da lóxica da equivalencia por unha forza instituída (“America first”, entre outras).

As críticas ao populismo

Entre as variadas críticas ao populismo así entendido, destaca a realizada desde o republicanismo por José Luis Villacañas en Populismo (2015). Axuda a formular serios interrogantes. O elemento anti-institucional do populismo: faino eficiente no exercicio diario da gobernación cando os “movementos populistas” logran o poder executivo nas democracias liberal-parlamentarias? A retórica dicotómica do populismo: tende a manterse no exercicio do poder executivo a través da semiótica da confrontación civil e rotura social para continuar, por outros medios, a construción do “pobo”? A condición constituínte do populismo: é capaz de aceptar (e mellorar) o exercicio estabilizador do dereito (xurisprudencia) e a función reparadora da xustiza (material), ou aliméntase de perpetuar crises institucionais? A activación do liderado e identificación co líder (concentrado de forzas afectivas ligadas a demandas sociais): é avalada polo principio democrático de participación, reitor en calquera organización política actual? Villacañas lanza unha sospeita: o populismo (como réxime político) é o verdadeiro espello, invertido e deformado, do neoliberalismo (como réxime social)?; a devastación dos vínculos comunitarios executada polo neoliberalismo: é a condición de posibilidade do populismo, quen o atrae, e refai, como un burato negro sen contido, con signos baleiros que poden encherse con calquera mensaxe?

Aparecen, ademais, dous problemas que Villacañas non aborda. Primeiro, a cuestión nacional. Se para o populismo o pobo é unha construción a posteriori: que son os pobos de seu, as nacións sen estado, as comunidades con lingua minorada e historia deturpada? Segundo, o fin da ideoloxía. Se para o populismo a política é só estratexia: que sucede coas ideas e mercadorías políticas que deforman a realidade e menten?; e, tamén, coas políticas da liberdade e igualdade tal como as conciben as filosofías políticas nadas no liberalismo, republicanismo e nacionalismo democráticos? O populismo podería ser, entón, o síntoma dunha das pretensións do neo-liberalismo triunfante: facer desaparecer no social a dimensión política (crítica e emancipadora, construtiva e plural) do humano? O principio de realidade ditará a validez, ou non, da lóxica (do) intelectual populista.