Unha das conclusións máis interesantes do proceso de reintrodución do lobo en Yellowstone, ese inmenso parque nacional que hai en Wyoming (EEUU), coñecido en tempos por ser o fogar dos osos Iogui e Búbu, e do que o lobo levaba ausente máis de seis décadas, foi o de visibilizar en apenas 4-5 anos a trascendencia que ten na natureza o fenómeno das “trophic cascades”.
As “trophic cascades”, ascendentes ou descendentes, virían formarse polas sucesivas influencias que a poboación dunha ou várias espécies dun determinado nivel da pirámide ecolóxica exercen sobre as poboacións das espécies pertencentes ao nivel superior ou inferior, evidenciándose estas influéncias, muitas veces, en modificacións intensas das paisaxes e dos hábitats.
A analoxía máis aparente que se pode encontrar na nosa terra destes procesos observados en Yellowstone é a que vincula lobos e bestas con toda unha série de pequenos e medianos animais, presentes nas grandes chairas e abas dos montes cubertos de toxos e queirugas da Dorsal Galega. Desde pequenos insectos, como a araña tigre Argiope bruennichi ou a avelaíña das queirugas, até lebres, coellos, raposos e gatos bravos que fan vida no mato. Que o toxal estea aberto e se poida camiñar por él é cousa das bestas. Mais deixaremos para outro día a descrición deste aspecto tan interesante da relación de lobos e bestas. Vamos tentar ir máis alá. Trataremos de trazar unha liña que una lobos e bestas con vacas e eucaliptos. E para iso, faremos un percorrido detallado por unha parte da nosa xeografía onde aínda late o pulso dunha natureza singular, mentres esmorece sen remisión un mundo rural onte mesmo fértil e vigoroso: a Serra do Xistral e a súa contorna. Vamos por partes.
Dinámica demográfica recente do lobo
Se partimos dos dados oficiais do último censo de lobos (2014-2015), no norte da provincia de Lugo e no nordeste da de Coruña había constáncia da existéncia de 6 grupos reprodutores1. En 2019, un traballo aínda inédito2 confirmou a reprodución en 18 grupos e unha alta probabilidade noutros 6 casos. Isto significaría un incremento do número de grupos de lobos dun 300% en apenas 5 anos.
Mais a realidade é que o que se censou en 2014-2015 estaba certamente mui lonxe de ser o que en verdade existía nesa parte do país. Hai información anterior a 2014 que certifica a existéncia de non menos de outros 6 grupos reprodutores a maiores dos 6 que aparecen no censo impulsado pola Xunta. Deseñar a curva de crecimento da povoación local de lobos é interesante, mais tampouco é agora o obxectivo. O que sí pode ter valor referencial é coñecer a densidade de lobos rexistrada no território en cuestión. Falamos dos 3.100 km2 definidos por unha liña que partendo de Ribadeo cara A Pontenova virase cara o oeste, unindo Abadín, Vilalba e Monfero, para ascender cara a península da Capelada, delimitando todas as nacentes dos ríos Xunco, Ouro, Landro, Eume, Sor e Mera. E daí, ao mar. Un simple cálculo permítenos estimar a densidade de lobos. Atribuindo a cada grupo de lobos un número medio de componentes e engadindo unha porcentaxe determinada de dispersantes, obtemos unha aproximación ao número de lobos presente neste território. Dividindo este número pola superfície en km2 e multiplicando o resultado por cen temos o valor de densidade, expresado en nº lobos/100 km2. Neste caso, o valor situaríase entre 10 e 15. Senón o máis alto, un dos máis altos do mundo.
Lobos e bestas. Unha relación ancestral
Os modelos da Optimal Foraging Theory sitúan aos poldros sobradamente por riba do ponto exacto de equilibrio entre a enerxía que proporcionan e o gasto enerxético de captura que supoñen para un grupo de lobos. En 1989 formulouse3 o balanceamento dese equilibrio entre enerxía atinxida e gasto efectuado para medir e comprender as eleccións das distintas presas disponíbeis que podían efectuar os predadores (E1/H1 > E2/H2, sendo E1 a enerxía proporcionada pola presa 1 e H1 o tempo que leva a captura desa mesma presa 1). Posteriormente, outros investigadores4,5 repasaron os factores que poden estar involucrados na selección de presa, no tamaño de grupo ou na incidencia da predación sobre a povoación da presa. No 2006 incorporouse ao compéndio teórico as inferéncias e coñecimentos adquiridos na intensa experiéncia de Yellowstone6 e incluso houbo quen contribuiu ao debate achegando información acerca de lobos que depredan sobre grupos migratórios de cervos7. Un estudio recente8 estableceu unha nova hipótese para explicar aparentes contradicións na OFT cos elevados tamaños de grupo observados en casos de lobos que cazan presas perigosas.
O certo é que, tal como observan algúns destes investigadores4, cando unha relación depredador-presa é ancestral, poden surxir determinados mecanismos de defensa para amortecer o efecto dos depredadores na povación das presas. Por exemplo, o mecanismo de “swamping”, que é “inundar” ou “encher” de súpeto o territorio onde campa o depredador dun número mui elevado de crías através da sincronización dos partos. Esta estratexia persegue favorecer a supervivencia dos exemplares novos e, así, incrementar o recrutamento á povoación adulta. Mentres os leóns ou os lobos están ocupados en depredar unhas crías (de ñú ou cebra nas chairas do Serengeti ou de égoa no Xistral), outras crías medran rápido e fanse menos vulnerábeis cada día que pasa.
Contamos, ademáis, cun dato adicional que certifica a existéncia milenária dos cabalos sobre o chan galaico. Os petróglifos característicos que retratan equinos, montados en escenas de caza ou sen montar, teñén máis de 4000 anos. E, a pesar da entrada de sangue foráneo, a relativa boa conservación dos caracteres raciais no poni galego fai que podamos sentirnos orgullosos de conservar un património xenético e ecolóxico que entronca directamente cos cabalos retratados nas covas neolíticas da Cordilleira Cantábrica.
A lei do duplo equilibrio
Ás veces na natureza podemos encontrar relacións de equilibrio que vinculan pares de variábeis. A concentración de ións de hidróxeno na solución do solo marca a acidez desta, que se mide através do pH. A acidez da solución do solo determina a posibilidade de disponibilizar ou non os catións existentes no complexo de intercambio catiónico, como por exemplo os catións Mg++ ou Ca++. A maior acidez, menos magnésio disponíbel para as plantas e máis ferro. O pH é o que determina que se “despeguen” ou non os catións de magnesio ou calcio das moléculas de arxila dese complexo de intercambio. As relacións de equilibrio entre acidez e alcalinidade da solución favorecen ou non a adquisición de nutrientes fundamentais para as plantas.
A relación depredador-presa, ou o que nos interesa neste momento, lobo-besta, pode ser descrita através da estima de vários parámetros, pero o fundamental é a taxa de predación (en inglés kill rate), que ven sendo a cantidade de biomasa da presa que un depredador retira do ecosistema por unidade de tempo. Cando un depredador somete a presión predatória contínua a povoación dunha determinada presa, esta pode entrar nunha dinámica depresiva e iniciar unha curva descendente que reflicte o baixo recrutamento de crías á súa povoación. Neses casos, o lobo e calquera outra espécie de depredador, no caso de teren á man unha outra espécie de presa, desprazan a súa preferencia predatória cara os indivíduos máis vulnerábeis da povoación desta. É o que en inglés se denomina “switching”. No caso dos lobos que depredan sobre as bestas do Xistral, o alimento alternativo pasan a ser os xatos e becerros das vacas que pastan ceibes no monte ou en semiextensivo. Alí onde as bestas escasean, debido a que os seus proprietários se desfixeron delas ou debido a que a elevada taxa depredatória impide o recrutamento e favorece o avellentamento da povoación equina, o lobo vai procurar en maior medida o seu alimento nos grupos destas vacas. E, en determinadas circunstáncias, convértese nun factor de primeiro orde que condiciona o manexo e o balanzo económico dunha explotación.
Grupos e supergrupos
Ás veces, cando o tamaño das presas potenciais é grande e hai risco dos lobos sufriren feridas nos ataques ou cando hai abundancia de alimento, algunhas agrupacións de lobos poden alcanzar un número verdadeiramente elevado. Son coñecidas as cifras de 40, 50 e incluso 60 e máis lobos en concentracións que se forman espontáneaente a partir de grupos non territoriais que migran canda os grandes rabaños de caribús no Yukon9. Mais sen ir a terras remotas, hai grupos de lobos que matan cervos uapitís ou alces que poden normalmente estar formados por entre 15 a 20 lobos. Algo similar pode tamén acontecer en determinados grupos do noroeste ibérico que depredan sobre cabalos, égoas e poldros. Hai constáncia de grupos formados por 12-14 lobos no período de outono-inverno. Mais non todos os grupos de lobos que matan equinos salvaxes ou semi-salvaxes son tan numerosos. O por qué uns grupos medran até se converteren en poderosas agrupacións familiares e outros son apenas un trazo das anteriores é, polo de agora, descoñecido.
O caso é que cando surxe un destes “supergrupos” a taxa de depredación de poldros se dispara até valores inesperados. Os ataques a poldros de 10-11 meses sucédense nos meses finais do outono e no inverno. Ás veces apenas 2-3 días separan os ataques. Incluso, cando o grupo se fragmenta, pode acontecer que na mesma noite maten en dous sítios distintos, separados vários quilómetros entre sí. Entón, a taxa de predación é tan elevada que o número de días entre ataques sucesivos se reduce enormemente durante períodos prolongados, desatando un grave descontento social entre o colectivo propietário das reses. Se estes grupos numerosos non encontran poldros, entón serán os xatos e becerros os que lles proporcionen o alimento. Nesas circunstáncias e nesas épocas do ano, hai gandeiros que perden o 10 ou 15% dos xatos.
Un rural en catatónia
No lugar do Carmen, parróquia de Miñotos, Ourol, hai unha casa na que mora unha família con dúas nenas, Irene e Xiana. Teñen 12 e 8 anos. No lugar da Torre hai outra nena, Lucía, tamén de 12 anos e en Leborín tamén hai un neno. No Viveiró naceu hai case 3 anos outra crianza. Son como as últimas pebidas de ouro do río Miño en Montefurado. Despois delas, nada. Nalgunhas zonas do Xistral, máis do 70% da povoación son persoas maiores de 60 anos e en muitos lugares só viven vellos. Cando caia a cortina das súas vidas comezará outra conta atrás. Os ecos apagados dos rueiros e corredoiras nos que hai anos brincaba a rapazada darán paso ao silencio das hedras. Os eidos coñecerán o ferro das máquinas desbrozadoras. Nuns anos, as sombras irán medrando e o sol deixará de quecer nas paredes e patíns, para se impór a nova xeografía da traxédia que se escrebe cada día nas aldeas da montaña galega que mira para o mar cantábrico. Outro mar, de eucaliptos éste, asulagará outro anaco da nosa terra. Pasaremos por alí e xa non acertaremos a vislumbrar as hedras que nos recordan a agonía. Mais na seguinte curva da estrada, unha procesadora rescatará para a vista unha aldea soterrada vinte anos atrás por ese verdor cincento cobizado por Ence.
Indalécio, xubilado da Marina Mercante, viciño do Albardo, no Valadouro, estende unhas mans como as dos vellos dos retratos de Castelao ao tempo que fai un aceno metade impoténcia e metade comprensión. Ven do pasteiro onde acaba de encontrar os restos de dous xatos. O lobo matounos a media mañán protexido polo barruzo e a néboa. Ten 190 vacas. Cada ano, o lobo mátalle entre 40 e 50 xatos e becerros. Él é un caso aparte. Non lle tén ódio. Vai deixar escrito no testamento que 25 vacas serán para o lobo.
Cando non lle mata os xatos a Indalécio, os lobos visitan os poldros de Javier Fraga ou de Ramón Seijas, nos pastos de Madriñán ou Sinás, onde os nosos antergos deron sepultura hai 4000 anos a un chefe local. Javier ten 60 bestas. Cada ano nacen sobre 45-50 poldros. Ao rematar o ano, a Javier non lle restan máis que 4 ou 5 poldros. Así desde hai máis de 5 anos. Teimudo, hai 15 anos deulle por recuperar xunto con outros viciños a rapa das bestas de Miñotos, que se celebra nun curro no monte de Madriñán. Afirma que desde hai 10 anos a povoación de bestas caeu máis dun 50%, entre as greas que se venderon polo abandono dos propietários, xa vellos, a falta de recrutamento polo elevado número de poldros que matan os lobos e, finalmente, porque as égoas van morrendo de vellas. No Pereiro, no Cadramón e na Balsa, a tendéncia é a mesma.
As bestas e as vacas de Manolo das Folgueiras, José da Caxigueira, Carlos de Leonte, Elvira de Caraceiro ou Olga da Carballeira padecen con maior ou menor frecuencia os ataques dos lobos. Non todos os ataques son cubertos económicamente polas indemnizacións da Xunta. Cando non se encontran os restos, algo frecuente en poldros e xatos de poucos días, o propietário non recebe máis resposta que unha negativa. Quen sabe diso xa nen se molesta en denunciar unha nova perda nesas circunstáncias. Poldros ou xatos de dúas ou tres semanas apenas pesan 15-30 kg. Mata-los, come-los ou leva-los para seguir comendo neles en lugar seguro é doado para un grupo de lobos. Encontrar os restos nestes casos é ben complicado. Algúns que se din expertos reclaman que hai que baixar as bestas antes dos partos, ou ao pouco tempo de pariren, para prédios próximos ao lugar. Mais cando a besta é retirada do monte e se lle priva de roer no mato, a eficiéncia da súa nutrición a base da herba dos prados non é como a da vaca. Axiña hai que mercar rulos de herba para darlles de comer. O gasto dispárase. E, ademáis, quén concibe baixar 150 ou 200 bestas desde o monte viciñal para innumerábeis prédios pechados, mantelas a herba e, chegado setembro ou outubro, botalas outra vez para o monte a pasar o inverno? É precisamente nos meses de primavera e verán cando estes animais se nutren de vizosos pastos de altura, bebendo nas fontes de agua fría da serra como hai miles de anos, para poder despois enfrontar as galernas e invernías.
Qué futuro…
Pancha é unha poldriña de 3 semanas. Nacida o pasado mes de Abril virulento nos pastos da Pena dos Camiños, é filla dunha égoa que non a quería. Na mesma grea, unha égoa ruana de máis de 25 anos e cega acaba de ter o seu último poldro. Con 6 días de vida, o poldriño segue a nai entre penedos através de carreiros nos matos, apenas se separa dela. A Pancha, en cambio, houbo que baixala. Agora ocúpanse dela Xiana e Irene, que lle dan leite por biberón, aínda que xa vai roendo na herba.
A xente que ten bestas e que sabe que van a menos non se cansa de repetilo. “Así que van a menos as bestas, os lobos van polos xatos. Entón qué? Qué nos queda? Marchar para un piso en Viveiro?” Desa opinión é Javier, que se resiste a abandonar a súa casa nas Cernadas, Miñotos. Ben sabe que o abandono trae consigo o medre do eucalipto. Boa parte da zona baixa da vertente norte da Serra do Xistral está xa cuberta por masas de eucalipto que ocultan nas súas tripas máis de 60 aldeas abandonadas. Delfina, que era a nai de Javier e que faleceu o pasado mes de Febreiro, nacera en 1928 e lembraba con todo detalle a vida daquelas aldeas, algunhas cheas de nenos e nenas que corrían polos eidos e brincaban nas leiras, rapazada que barullaba nas corredoiras de camiño ás festas. Unha vitalidade que se medía nas transaccións de gando, acordadas no mesmo monte ou en feiras como a de Gontán. Eran os anos prévios á catarse que viveu o noso agro nos anos 60 e 70, momento no que se podería situar o início da hecatombe. Hoxe, a inercia é inexorábel. O abandono non cesa. Viveiro, Burela, Cervo foron os destinos da maioría da xente que marchou das aldeas. Instaladas en pisos, centos de famílias renunciaron á vida no campo e abrazaron os salários do alumínio e a comodidade das vilas. Venderon as vacas e encheron de eucaliptos as leiras. O proceso segue hoxe. Ence gaña a batalla por goleada.
Unha nova perspectiva dos lobos e os cabalos
Ben avanzado o século XXI, e máis alá do debate acerca do seu carácter salvaxe ou doméstico, aínda está pendente o recoñecimento da relevancia ecolóxica dos cabalos que pastan libres nos nosos montes, co conseguinte despregamento dunha estratexia que protexa, fomente e reforce a presenza dos équidos galegos, apoiando económicamente os proprietários para favorecer o seu mantemento, conservación e selección racial. Se na Irlanda de 1926 máis de 5000 persoas asistiron ao “enterro” e “funeral” de Cannon Ball, o ilustre semental de Conamara Pony que tanto contribuiu á recuperación desta raza de poni10, na Galiza de case cen anos despois esbara sobre as nosas conciencias o progresivo deterioro xenético e mesmo a desaparición física dos nosos garranos nos montes do país. En serras como as do Suído, Faro de Avión, Castrove, Xiabre ou Testeiro, e nos montes da Costa da Morte e amplas áreas da Serra do Xistral e contorna, o número de bestas non para de baixar. Matadoiros como o de Tomiño déronlle pasamento a milleiros de cabalos nos piores anos da crise iniciada en 2007. E o declive demográfico do noso rural, sobre o que cabalgan a incidencia do lobo e o desenfoque da PAC en relación aos cabalos, ameaza con barrer a medio prazo a persisténcia da tradición ancestral da cría das bestas nos montes. Qué facer ante este perigo, sendo conscientes de que a existéncia dos nosos cabalos vai ligada á das nosas aldeas?
A pesar das analoxías, Galiza non é Yellowstone. En zonas como o Xistral, balancear o equilibrio ancestral dun territorio de sempre manexado implica asumir a necesidade de regular e limitar a poboación de lobos. Matar lobos pode ser necesario, ainda que nos produza unha enorme dor. Mais non é suficiente. Deseñar todo un conxunto de medidas transversais destinadas a construir o último dique de contención da extinción do noso rural é algo máis que unha urxéncia. E o Xistral pode ben ser un campo onde experimentar plans inovadores. Trátase de evitar a perda definitiva de porcións enteiras da nosa terra para entregarllas a unha multinacional perversa sempre disposta a seguir devorando cachos do país. Porque iso non só tería un custe ecolóxico que conlevaría a desaparición de cabalos, vacas, xente e lobos. Engadiríamos outro pesado elo a esa cadea que nos sumerxe nese inmenso océano da história onde tantos povos afogaron e desapareceron para sempre. Estamos a tempo de evita-lo?
Referencias:
-
-
Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Consellería de Medio Ambiente (2016): Censo de lobo ibérico en Galicia. 2013-2014-2015. Resumo. 11 pp.
-
Alonso, P. e D.Martínez (2019-2020): Información propia
-
Krebs, J. R. e N.B. Davies (1989): An Introduction to Behavioral Ecology. 4ª ed. Oxford: Blackwell Scientific Publications.
-
Mech, L.D. e L. Boitani (2003): Wolf social ecology. Pp 1-34 in Behavior, ecology and conservation. (L.D. Mech e L. Boitani, eds.), The University of Chicago Press, Chicago.
-
Mech, L.D. e R.O. Peterson (2003): Wolf-prey relations. Pp. 104-130 in Behavior, ecology and conservation. (L.D. Mech e L. Boitani, eds.), The University of Chicago Press, Chicago.
-
Stahler, D., DW Smith y D. Guernsey (2006): Ecología de búsqueda y alimentación del lobo gris (Canis lupus): Lecciones del Parque Nacional Yellowstone, Wyoming, EE. UU. Journal of Nutrition 136: 1923S-1926S
-
Loveless, K. (2010): Estrategias de alimentación de los lobos orientales en relación con las presas migratorias y la hibridación. Tesis de maestría, Universidad de Trent, Peterborough: Ontario, Canadá.
-
Barber-Meyer, SM, LD Mech, WE Newton y BL Borg (2016): Persistencia diferencial del tamaño de una manada de lobos y el papel del riesgo al cazar presas peligrosas. Comportamiento 153 (2016) 1473–1487
-
Hayes, B. (2010): Lobos del Yukón. 278 págs.
-
https://www.oughterardheritage.org/content/topics/connemara-ponies-and-cannon-ball
-