LIBERTARISMO DE FERIA

| Outros

por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

Nas propostas do ultraliberalismo económico advírtese sempre un problema de escala, de facer da anécdota categoría. O que vale para unha persoa ou un grupo reducido non é automaticamente válido para todo o mundo, o beneficioso para unha maioría pode ser nefasto para unha minoría extensa. Di un dos seus gurús hispánicos, o ameno e intelixente conferenciante Miguel Anxo Bastos, que a desigualdade é un síntoma de prosperidade, proba de que a pobreza acadou niveis de irrelevancia. Sen matizar, nun mundo no que milleiros de millóns de persoas viven e morren na miseria. Afirma estar a favor da discriminación racial porque un camerunés non debe facer de vikingo nunha película, ou a favor da discriminación sexual porque o dono dun bar prefire de camareira unha moza atractiva. Sen comentarios. O mesmo poden atacar o salario mínimo que defender a fenda salarial de xénero ou apoiar o sufraxio censitario en nome da liberdade individual e a meritocracia.

O profesor Bastos coñece o funcionamento do mercado das ideas e o valor das propostas que fai en universidades como a Francisco de Marroquín, en Guatemala, ou en think tanks do capitalismo montaraz co nivel do Instituto Juan de Mariana, foros nos que Bastos provee frases enxeñosas e ambiguas para épater la gauche. No discurso longo acótaas pero sabe cal é o titular que buscan os pagadores e sérvello en bandexa. Como é intelixente, penso que só cre no que di na mesma medida en que un actor cre nos papeis que interpreta, para dotalos de verosimilitude, o seu sorriso de neno traste parece confirmar este carácter camaleónico que nun actor é un activo esencial. Cando actúa para os neoliberais, convénceos. Tanto se deixa querer polo carlismo teocrático coma por Nós diario.

Os economistas liberais obvian as contradicións que lles estouparían nos fuciños cando do caso fixesen lei e logo aplicasen esa lei a cada caso. Cando o criterio do beneficio persoal lles axuda a apuntalar as súas propostas darwinistas, úsano. Cando o que lles convén é o criterio do beneficio maioritario, é este o que fan prevalecer. Nun escenario a persoa é o máis sagrado, no outro esa sacralidade dilúese no beneficio colectivo baixo a falacia de que, se aceptamos que a sociedade está composta de persoas e a sociedade se beneficia, as persoas tamén se beneficiarán, parece obvio. Os números impóñense: máis beneficiados que prexudicados, correcto.

A realidade é outra. O feito de que calquera atleta poida vencer nunha carreira convive coa imposibilidade de que todos os participantes poidan facelo, e coa incomodidade de que alguén ten que ser o último, por moi bos corredores que sexan todos. O liberalismo esgrime como eslogan a posibilidade de vencer e xostrega aos que non o conseguen como a inútiles, lacazáns ou fracasados. Esta selección meritocrática, xeradora de arrogancia e humillacións, é vista como un mecanismo libre de ideoloxías ou condicionantes de partida, unha lei da natureza, cando non lei divina en forma de “cadaquén ten o que merece”, un desideratum de eficiencia e… que carallo! de fermosura! Son a colaboración, a solidariedade e a compensación das eivas do sistema as que serían cutres e antinaturais.

O liberalismo económico vén ser a crueldade do forte co débil, o egoísmo de toda a vida envolto na capa máxica de invisibilidade da ideoloxía meritocrática por obra e graza das fórmulas matemáticas. En realidade, a man que move o mercado pode ser invisíbel, pero que non a vexamos non quere dicir que non exista, é a man dalguén que a move obedecendo aos seus intereses materiais e de lexitimación persoal.

Estes ventrilocuos de capa e espada sérvense das matemáticas coma os feirantes co micrófono pendurado ao pescozo que che venden o edredón, o xogo de sabas de flanela, os manteis lavabeis e os seis pares de calcetíns polo prezo dun cobertor. Aos compradores que levan enriba unhas racións de polbo e orella regadas cuns cacharros e tróspiros de caña, o que de entrada lles suscita escepticismo acaba parecéndolles unha ganga. Abandonan o camión-tenda co lote completo convencidos de ter feito unha xogada mestra, o pobre feirante malvendeullo todo á desesperada e con perdas para non ter que voltar á casa coa mercadoría nas mans. Algo sospeitan cando se ven cargados cun carro de trapallada que non ían mercar nin precisaban pero botan contas de a canto lle sae cada cousa, abducidos pola maneira de razoar do feirante, e convéncense de que polo menos non os estafaron. Un dos obxectivos de calquera especulador é facerlle crer ao estafado que é el ou ela quen lla está a meter dobrada a quen o engana.

O paradoxo destas vendas máxicas é semellante aos de Zenón, tan atractivos para os neófitos da física ou a lóxica. Estes anarcocapitalistas malcriados, ultraliberais de sofá, botan a lingua a pacer porque están afeitos a non pagar polas trasnadas que fan. Imaxinade unha pandemia xestionada polos oligopolios farmacéuticos e seguros privados, a seguridade pública en mans de Prosegur, sen sistema de Xustiza, sen infraestruturas públicas e coa economía a moverse en criptomoedas. Mi ma! Que xolda, nonsi? Pois ese é o ideal.

Aos que citan o Chesterton que lles serve de munición e laminan a súa heterodoxia. Aos que din, poñamos por caso, que os recursos naturais nunca se van esgotar, propoño receitarlles o paradoxo da frecha que xamais vai atinguir o albo porque sempre lle restará unha distancia que percorrer. Ben, queridos libertarios, anarquistos ao servizo das elites, póñanse vostedes no sitio do albo e rían dos mexericas e ignorantes que se afastan supersticiosos da traxectoria da frecha, cando é evidente que a saeta vai ficar suspendida no aire indefinidamente, non é?