SERIES
Les Miserables (GB, 2018)
Dirección: Tom Shankland; Produción: Chris Carey; Guión: Andrew Davies; Fotografía: Stephan Pehrsson; Música: John Muprhy; Dirección artística: Charmian Adams.
Intérpretes: Dominic West, David Oyelowo, Lily Collins, Ellie Bamber, Josh O’Connor, Olivia Colman, Adeel Akhtar, Joseph Quinn, Henry Lloyd-Hughes, Donald Sumpter.
por Yolanda López
Máis de 150 anos despois de ser publicada, na mesma década que a reestrea do musical de Lloyd Weber e a versión cinematográfica de Tom Holland acadaban milleiros de espectadores, a BBC adapta á pequena pantalla unha nova revisión da obra de Victor Hugo. A novela do escritor francés resiste coma un dos clásicos máis revisitados en longas, curtas, ficción televisiva ou seriais radiofónicos. O universo do París revolucionario de 1832 ten reunido intérpretes e directores tan heteroxéneros coma Jean Gabin, Gerard Depardieu, Uma Thurman, Lewis Milestone, Anthony Perkins, Claude Lelouch, Jean-Paul Belmondo, Billie August, Liam Neeson ou John Malkovich.
A pregunta semellaba clara: precisabamos unha nova revisión sobre a loita pola liberdade, sobre a redención de Jean Valjean? Ha contar cada xeración cunha versión de seu? Temos claro que o proxecto encaixaba á perfección cunha das liñas de traballo da televisión pública inglesa: a translación de clásicos da literatura en formato miniserie; pensemos nas recentes Guerra e Paz e Mulleriñas ou nas puntuais entregas cada Nadal ao redor de Agatha Christie (Dez negriños, Testemuña de cargo ou ABC Murders).
A diferenza dos musicais coetáneos, os seis episodios dirixidos por Tom Shankland reflicten con maior detalle os pormenores sobre os seus protagonistas. Coñecemos o noxento Thénardier entre os corpos dos caídos na batalla de Waterloo, asistimos en primeira fila á relación de Fantine e Felix ou comprendemos con maior acerto o levantamento das barricadas durante o funeral do xeneral Lamarque. Nos 360 minutos podemos afondar nos fíos das relacións e na evolución dos propios protagonistas. Encariñamos con Gavroche, choramos a perda de Eponine e tememos a escuridade de Javert.
Como marca da casa, a calidade da presentación formal. Compróbase na riqueza de decorados e exteriores (con localizacións en Gante ou Bruxelas para evocar as rúas e parques parisinos), e na caracterización da fame, da sucidade e da morte nas cloacas, nos prostíbulos ou na prisión. E todo iso apuntalado co solvente traballo actoral de Dominic West (Jean Valjean), Lily Collins (Fantine), Olivia Colman (Madame Thénardier) e Josh O’Connor (Marius). Sorprendinme cantaruxando por momentos o Do you hear the people sing? ou I dreamed a dream pero como testemuña omnisciente nun marco máis fértil e complexo.