por Luís Álvarez Pousa
O realizador Oliver Laxe ben podía reproducir en imaxes, como fai na aplaudida O que arde, o estado de excitación ao que conducen as actitudes temerarias dos políticos que cortan o bacallau en España. Non contentos con facer do 10N un novo día da marmota, que o interino vocacional Pedro Sánchez levou á súa axenda a mesma noite do 28A, volven a Catalunya en son de guerra nas vésperas da sentenza polo Procés, e xa non saben como competir en demostrar quen ten a bandeira máis longa. Costa-Gavras, o mestre do cinema político, podía darlle pistas ao realizador galego, como a el llas deu a ex do FMI, a señora Lagarde, á hora de entender a razón do viacrucis que sufriu o daquela ministro Vaurufakis durante as sesións maratonianas negociando cos da troica comunitaria unha saída digna para Grecia. Porque, como entón en Bruxelas, tamén aquí houbera sucedido outra cousa ben distinta de estaren máis adultos no cuarto (título do filme do director grego) das negociacións.
En efecto, non é descubrir nada novo dicir que estamos pasando por unha época na que a diario se pon de manifesto unha visión infantil da política. A propia de políticos inmaduros, que se revelan como tales nos vellos e nos novos partidos. Vímolo plasmado nas tácticas utilizadas para construíren o PSOE e Unidas-Podemos un relato culpabilizador sobre o outro. E un non sabe se chorar ou se rir a gargalladas escoitando as memeces que saen da boca da presidenta da comunidade de Madrid e do alcalde desa mesma cidade. Porén, aínda dándolle un certo valor á causa dos egos, quedármonos niso sería unha simplificación. Non se desperdician así como así décadas de experiencia democrática. Ten que haber causas moito máis estruturadas que sexan quen de impoñerlle a Sánchez o discurso da razón de Estado por enriba do que é propio de quen quedou lonxe da maioría absoluta e ten a obriga de negociar un pacto de gobernabilidade.
Hai serios indicios de que no PSOE optaron desde un principio por salvar o réxime do 78, do que é parte vertebral, e non quixeron un goberno con Podemos porque ven nel o representante da ruptura que abandeirou o 15M. Autoidentifícase por iso como un partido/sistema, fiador do pacto da transición ao que se sumaran as clases dirixentes que en maneira ningunha estaban polo acordo. Mellor volver ao bipartidismo, sen tolerar nada á súa esquerda. O 10N podería favorecelo se conseguían botarlle o morto do bloqueo a Iglesias, e se ao tempo conseguiran tamén facer crible un xiro cara ao centro-centro e cara ao centralismo, buscando o comodín oportunista de C’s. Velaí como se explica que enarbore nesta nova campaña electoral tanto o discurso das dereitas sobre España como o fantasma do 155 sobre Catalunya. Coincidindo, ademais, cunha escura operación policial/xudicial contra nove independentistas CDR acusados de terrorismo. E coa sentenza á porta.
Polo de agora todo son cábalas. Pero unha cousa está clara: botar máis
leña ao lume non é o mellor aval.
________