por Gonzalo Rodríguez Rodríguez
A chegada da civilización ao noso país cadrou nese momento, a mediados dos 70, no que a economía mundial transitaba dende o modelo de benestar keynesiano aos anos da hexemonía neoliberal. Do liderado do estado pasouse ao liderado do mercado. Superado o susto da crise do petróleo, as políticas re-industrializadoras dos primeiros anos foron dando paso progresivamente ao laisez faire.
Varios factores concatenados contribuíron a isto. As empresas manufactureiras trasladaban os empregos a países de baixos salarios e os impostos a sociedades off-shore, socavando as bases do estado do benestar e mesmo do Estado. O circuíto retroalimentábase coa ideoloxía neoliberal que proporcionou a esta dinámica disolutoria o papel de regalo apropiado. E os políticos vían as portas do ceo abertas, xa que se lles descargaba dunha das súas principais funcións. A economía xa non era máis cousa da política. Seica se encargaba o mercado de asignar recursos, traballo, priorizar e o que fixera falta.
Dous momentos particularmente ilustrativos da visión ideolóxica hexemónica deste período foron a afortunadamente falida constitución europea, que no seu artigo II-15-2 declaraba que “todo cidadán da Unión ten a liberdade de procurar traballo…”. A concesión de tal dereito, o dereito a buscar traballo, podería parecer ridículo se non fora porque encubría a substración da política económica da esfera da política, do ámbito do público, para entregala ao mercado. Significaba que xa non era máis obxecto das políticas que a xente tivera emprego, que este non era xa un asunto colectivo, senón puramente individual. Sálvese quen poida.
Entre a herdanza das industrias altamente xeradoras de externalidades e situadas atrás na cadea de valor está tamén a hoxe denominada ALCOA. Dende o seu arranque en 1979, non só foi cualitativamente insignificante a creación de tecido económico ou efecto de arrastre ao redor, senón que co paso do tempo o investimento foi sendo cada vez máis distraído en beneficio doutras plantas.
Tampouco podemos deixar de rescatar as declaracións de Robert Lucas (premio Nóbel de economía en 1995), quen no seu discurso inaugural como presidente da American Economic Association en 2003 sostiña que “o problema central de prevención das depresións está resolto”. Proféticas palabras, tanto que non foron quen nin de predicir o pasado.
O 19 de outubro de 1987 estoupaba a primeira crise da economía de casino, cuxo epicentro se situaba na especulación financeira nas bolsas de valores, e particularmente en Wall Street. A esta crise seguíronlle as de Xapón, México, Sudeste Asiático, Rusia e Brasil, Arxentina e finalmente o estoupido da burbulla das .com en 2000 e, como corolario, a crise de 2008. Iamos refundar o capitalismo, e ás portas da penúltima crise a vida segue igual. As dúas anécdotas que acabamos de comentar ilustran en todo caso o estado do pensamento dominante sobre as políticas económicas durante todo ese longo período. Facerse a un lado era a moda do momento.
Na meirande parte de España, coa salvedade do País Vasco e durante un tempo do País Valenciá, a estratexia foi dar carta de continuidade á onda derivada do plan de estabilización e da entrada na CEE, e con ela ao poder económico asociado. O modelo dá síntomas de esgotamento sen que se observen esforzos para liderar o cambio estrutural.
A case-industrialización galega
No caso galego, as ondas que impulsaron a economía tomaron forza durante o franquismo. É o caso da especialización gandeira, primeiro de carne durante os anos 40, logo de vacún cando nos 60 e 70 se aceleraron os procesos de urbanización en España. Neste período arrancan tamén as primeiras fases de transformación do leite: LARSA en 1947, LEYMA, no 63, COMPLESA (Lugo en 1965), FEIRACO en 1968. Dende entón, o progreso para a xeración de máis valor, para a innovación en produto, ou o desenvolvemento de servizos asociados, segue sendo unha longamente añorada tarefa pendente.
Máis violenta foi a implantación da especialización forestal, mediante a usurpación de montes en man común, e a reforestación mediante especies de crecemento rápido, a fin de lograr divisas que o réxime precisaba para financiar as importacións. De modo análogo ao anterior, o proceso de xeración de valor detense coa chegada de ENCE a Lourizán, en 1958.
Os estaleiros, como é natural, de longa tradición nas nosas costas, experimentaron un notable impulso mediante a Lei de Crédito Naval de 1940 e a súa reedición en 1961 (Lei de renovación e protección da flota pesqueira). Ao abeiro destas medidas creceron significativamente algúns estaleiros vigueses, como Barreras e Vulcano, e se construíu ex-novo ASTANO en Ferrol. O último nacionalizado en 1972, Barreras, sendo obxecto dun bochornoso espectáculo coa súa venda a PEMEX con estrepitoso fracaso, e Vulcano liquidado neste mesmo ano.
A fábrica de Citröen (hoxe PSA) inicia a súa produción en Balaídos en 1959. Este é un dos casos nos que tanto o goberno español (para o conxunto do sector do automóbil) como o galego tiveron iniciativas propias da política industrial. Algunhas máis exitosas, como o CTAG (Centro Tecnolóxico do Automóbil), outras para lamentar como a PLISAN (Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves).
Tampouco foron postos seriamente en xogo outros instrumentos propios das políticas industriais. Podemos falar da I+D, dos mecanismos para a aproximación entre universidade e empresas, da non promoción das enerxías renovables, do abandono do ferrocarril fóra do AVE a Madrid, esquecendo o norte de Portugal e de España por tren, ou dunha FP de primeiro nivel.
Entre a herdanza das industrias altamente xeradoras de externalidades e situadas atrás na cadea de valor está tamén a hoxe denominada ALCOA. Proxecto que arranca en 1974, promovido pola Empresa Nacional del Aluminio SA (ENDASA) e Aluminio de Galicia SA (ALUGASA). Dende o seu arranque en 1979, non só foi cualitativamente insignificante a creación de tecido económico ou efecto de arrastre ao redor, senón que co paso do tempo o investimento foi sendo cada vez máis distraído en beneficio doutras plantas.
Non é cuestión de facer aquí un inventario de fracasos como de ilustrar unha pauta de especialización en etapas de baixo valor engadido, xeración de externalidades e escasa dinámica de cambio estrutrural e innovación. Si que non podo deixar de chamar a atención sobre o caso de Coren, que arranca en 1959 como Unión Territorial de Cooperativas Orensanas (UTECO), e que hoxe é a maior cooperativa agraria española e unha das 300 maiores do mundo. O que nos resulta relevante dende o punto de vista da política industrial (ou de competitividade) é que isto non tería sido posible sen dous tipos de axentes hoxe desaparecidos: as Caixas e os axentes de extensión agraria. Non é que estes último xa no existan, subsisten sobre o papel (ou baixo el), pero non no campo, non como axentes proactivos, non como animadores, promotores ou mesmo líderes do proceso de desenvolvemento, do mesmo modo que fixeron nos anos 70 e mesmo 80. Tampouco os axentes de desenvolvemento local, nacidos ao abeiro do rapida e disolutamente tomado e abandonado plan de comarcalización de Galicia, foron quen de retomar este papel.
As Caixas en cambio xa non subsisten nin sobre o papel, sendo probablemente o meirande fracaso da historia económica contemporánea de Galicia. O éxito de Coren non se pode explicar sen o soporte e financiamento de Caixa Ourense. Disolta primeiro en Caixa Vigo e fusionada despois ate a aínda inexplicada implosión final e saldo.
Mesmo desapareceu hoxendía o impulso a políticas cooperativistas de matriz relixiosa, e non foi retomado seriamente por ningunha administración, observando este tipo de empresas con reticencia e desgana. Sinalamos así tres instrumentos que foron frutíferos no seu momento e que agora están desaparecidos para as políticas: as Caixas de aforro, os axentes de extensión agraria e as cooperativas.
Tampouco foron postos seriamente en xogo outros instrumentos propios das políticas industriais. Podemos falar da I+D (cuxo exiguo orzamento adoita quedar sen executarse ate nun 30%), do escaso énfase da creación de mecanismos para a aproximación entre universidade e empresas, da ausencia dunha consistente política de promoción das enerxías renovables, do abandono do ferrocarril fóra do AVE a Madrid, moi particularmente o inartellamento co norte de Portugal e de España por tren, ou dunha formación profesional de primeiro nivel.
Non é que non houbera outros casos de éxito, que os houbo, pero tiveron pouco que ver coas políticas públicas. Tampouco é que non houbera iniciativas públicas na dirección correcta -por caso, AIMEN e Iniciativa UAVs nas Rozas (Lugo)-, pero de momento carecten do alcance, consistencia e instrumentos de acompañamento necesarios para impulsar o cambio cara sectores avanzados da economía.
Política industrial e estado do benestar
O camiño seguido ate aquí non foi trazado ao azar, utilízano como modelo. En xeral, existen dous grandes paradigmas de política industrial: seguir o mercado ou liderar o mercado. O primeiro significa que as administracións públicas van apostar a cabalo gañador, apoiando investimentos que empresas lucrativas ían facer de calquera xeito (Wade, R. H. (1990b) Governing the Market. Princeton, NJ: Princeton University Press). Significa agardar a que ditaminen as forzas do mercado e dar por bo o que se nos presente. No noso caso, darlle curso de continuidade á herdanza recibida. Para mostra, as tres iniciativas que o goberno de Núñez Feijóo acaba de adoptar como estratexia electoral do PP: unha planta de tratamento de puríns para axudar a gandeiría extensiva e sen base territorial a eliminar as súas externalidades; unha planta para dar saída ao exceso de produción forestal, e un terceiro proxecto de produción de hidróxeno a medida das necesidades da industria eléctrica tradicional. Os vectores de cambio, unha vez máis, non aparecen por ningures. Acentúase, pola contra, a pauta de especialización tradicional.
As políticas industriais: dar por bo o que ditaminen as forzas do mercado. Para mostra, as tres iniciativas electorais adoptadas por Feijóo: unha planta de tratamento de puríns para axudar a eliminar as externalidades da gandeiría extensiva, unha planta para dar saída ao exceso de produción forestal, e un proxecto de produción de hidróxeno a medida das necesidades da industria eléctrica tradicional.
Liderar o mercado significa axudar ás empresas a asumir riscos ou a asignar recursos en actividades que se entenden motrices do desenvolvemento, nas que isto non acontecería sen o respaldo público necesario. Este é o enfoque que, por exemplo, seguiu o goberno dos EE.UU. tanto respecto da emerxencia de Silicon Valley en particular como, máis amplamente, do desenvolvemento e liderado mundial da industria do software (Mazzucato, M. (2019). El Estado emprendedor: Mitos del sector público frente al privado. RBA Libros).
Máis aínda, as alternativas non se limitan á promoción económica, senón a propia idea de desenvolvemento. As políticas industriais son ao estado do benestar o que a plataforma á Opera de Sidney. Esas espectaculares cubertas non só adquiren a súa forza expresiva recortándose no horizonte sobre a plataforma, senón que esta permítelle incorporar á maquinaria as funcións de produción que materializan o seu propósito. Máis aínda, sobre a base industrial asentan elos críticos para as ganancias da produtividade e xeración de emprego.
Sexa como for, a día de hoxe atopámonos nunha nova encrucillada. Por unha banda, o modelo de especialización galego amosa síntomas de esgotamento; pola outra, o propio modelo de globalización baseado na deslocalización a países de baixos salarios parece estar en cuestión. De feito, o impacto económico da expansión da COVID-19 subliña en verde fosforito as debilidades dunha economía mundial cuxa principal fábrica está en China. Polo contrario, en múltiples ámbitos das institucións internacionais percíbesese un cambio de paradigma tanto respecto da necesidade de recuperar a política industrial (EU, por exemplo), como respecto da necesidade de transcender os indicadores de produción (PIB) para avanzar cara o efectivo benestar (a OCDE, por exemplo). Tal vez sexa un bo momento para tentar algo novo e para non chegarmos tarde.