Domingo 3, Xullo 2022
HomeOutrosHONDURAS (II): UN PAIS NA PROCURA DUN MILLOR FUTURO

HONDURAS (II): UN PAIS NA PROCURA DUN MILLOR FUTURO

por Manoel Barbeitos

Grazas ás loitas populares, o deposto presidente Manuel Zelaya puido volver ao seu pais (2011) de onde fora expulsado a punta de pistola nun acto indigno para calquera democracia. Os organismos internacionais, a propia OEA rachando con precedentes anteriores, non recoñecerían o último fraude electoral (26.11.2017) e a oposición, por medio do partido LIBRE (Libertad y Refundación) que lidera Xiomara Castro (esposa do deposto presidente Manuel Zelaya) conseguíu finalmente gañar as eleccións do 28 de novembro de 2021. Un triunfo tan claro (20 puntos de diferenza) que o propio candidato perdedor (Yani Rosenthal, do Partido Liberal) non tivo outro remedio que recoñecer.

Un novo escenario

O novo escenario político, económico e social aparece cheo de dificultades e atrancos que o novo goberno deberá intentar superar democraticamente. Un escenario político marcado pola corrupción institucional e por un réxime que veu amparando o narcotráfico: o irmán do último presidente (Orlando Hernández) cumpre unha  cadea perpetúa en cárceres estadounidenses condenado por “actuar de intermediario dos carteis da droga”.

Tamén a violencia forma parte do cotián (38 homicidios por cada 1.000 habitantes). E a pobreza está incrustada profundamente no país: con 7 de cada 10 hondureños no umbral da pobreza, Honduras sitúase como o segundo país máis pobre de Latinoamérica. O IDH (Índice de Desenvolvemento Humano), elaborado polo PNUD, coloca a Honduras na categoría de países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o lugar 132 entre 198 países) inferior ao da maioría de países de Latinoamérica e o Caribe, cunha esperanza de vida ao nacer (75,3 anos) inferior á media na rexión (75,6), e con menos anos de escolaridade (6,6 fronte a 8,7).

Honduras presenta un coeficiente de desigualdade (24,8) claramente superior á media na rexión (21,5), o que se reflicte moi especialmente no ensino (23,3 fronte a 18) e nos ingresos (37,8 fronte a 34,9). Unha desigualdade que se dispara a nivel de xénero, onde o índice hondureño (0,423) tamén é claramente superior á media na rexión (0,389), tendo os seus fundamentos no nivel de emprego (o 52% as mulleres fronte a un 85,9% os homes) e de escolarización (o 32,2% das mulleres teñen menos de 1 ano de escolarización por un 29,6% dos homes). Unhas desigualdades que conducen a un elevadísimo nivel de pobreza multidimensional (22,3% da poboación, 7,4% na rexión).

Un marco económico recesivo

Segundo os informes do Banco Mundial (2021), que actualmente gozan dunha grande fiabilidade, Honduras viña rexistrando as segundas taxas de crecemento máis altas de Latinoamérica/Caribe (4,8% no 2017, 3,7% no 2018 e 2,7% no 2019). Un crecemento (PIB) que a pesar diso non foi quen de impedir os elevadísimos niveis de pobreza e desigualdade  sinalados anteriormente (os segundos mais altos de ALC).

A pandemia viría a torcer ese crecemento (unha contracción do 9% no 2020), afectando especialmente á poboación máis vulnerable: segundo o BM, no ano 2020 o número de pobres aumentou en 700.000.

Un escenario económico que ensombrece aínda máis un problema sistémico (o país importa moito máis do que exporta: unha taxa de cobertura inferior ao 75%) como é o da débeda externa (11.018,1 millóns de dólares: 45% PIB) que arrastra unhas obrigas –servizos externos- que só no primeiro semestre deste ano 2021 supuxeron un desembolso de 1.067, 2 millóns de dólares. Unha débeda que no ano 2009 estaba en 8.649 millóns e que veu medrando a niveis superiores que o PIB –un aumento de 2.500 millóns en 12 anos- o que a fai insostible (25,2% do PIB no 2009, 45% no 2020). Ademais, ao ser en dólares , a débeda móvese ao capricho das autoridades monetarias estadounidenses e cuxos pagos en servizos, que se dispararon nos derradeiros anos (420%), superaron na última década o gasto público en ensino e sanidade. Se  en términos reais o gasto en sanidade medrou nun 47% e o ensino nun 35% -incrementos inferiores á subida da inflación-, o gasto en defensa fíxoo nun 230% e en seguridade nun 117%.  A pesar de tales aumentos, todos tiveron incrementos inferiores ao dos pagos en servizos da débeda.

Unha tarefa xigantesca

O novo goberno que presidirá Xiomara Castro ten por diante unha tarefa xigantesca, dada a dimensión e o número de dificultades a superar para sacar a Honduras da pobreza, reducir a desigualdade e asentar un réxime democrático libre de ameazas golpistas. Un réxime que desterre a corrupción e sexa quen de facer fronte tanto ao narcotráfico como á violencia sistémica.

Unha tarefa para o que precisará de axuda tanto a nivel interno como externo. Unha axuda que debe buscar nos movementos sociais e campesiños que tanto defenderon a democracia como levaron a LIBRE ao goberno nacional. Unha axuda para o que será preciso rematar coa violencia institucional e democratizar os aparatos do Estado, e así poder garantir o cese dos asasinatos de lideres socias e indíxenas.

O novo goberno terá que procurar unha renegociación da débeda externa para, xunto a unha reforma fiscal efectiva, poder destinar os ingresos públicos a cubrir as enormes necesidades (emprego, saúde, ensino, xénero, atención a infancia….) da maioría da poboación.

Finalmente Honduras debe sumarse ás alianzas rexionais que agroman en Latinoamérica, e que teñen como obxectivo central fortalecer a democracia, rematar coa violencia, mellorar o benestar social e mudar o papel desta rexión no contexto americano e internacional.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]