Martes 24, Maio 2022
HomeOutrosHONDURAS (I): UNHA REPUBLICA BANANEIRA

HONDURAS (I): UNHA REPUBLICA BANANEIRA

por Manoel Barbeitos

Poida que algúns lectores de Tempos Novos ignoren que o termo despectivo de “república bananeira” tivo un dos seus bautizos en Honduras -o outro seria en Guatemala-. Un cualificativo que facía referencia tanto ao enorme poder de influencia que en Honduras tiñan as maiores multinacionais do plátano  -United Fruit Co e Cuyamel Fruit Co- canto a como utilizaron ese poder para promover e financiar crueis e sanguinarios golpes de estado, que se acompañaron hasta o día de hoxe do asasinato de miles de lideres campesiños e sociais que se opuxeron as súas prácticas escravistas.

Porque este pequeno pais (112.500 quilómetros cadrados e algo menos de 10 millóns  de habitantes), que apenas é noticia na inmensa maioría dos medios de comunicación e opinión, ten unha historia terrible en materia de dereitos humanos e violencia institucional.

O amigo americano

Para mellor entendermos a realidade de Honduras e, de paso, a de Centroamérica, é necesario ter en conta que esta rexión durante o período da “guerra fría” foi o obxectivo dun plan estratéxico dos Estados Unidos que lle esixía “ós veciños continentais que eliminasen a ameaza interior do comunismo e calquera outra subversión antiamericana, producisen materias primas e colaborasen na defensa do hemisferio” (Josep Fontana: “Por el bien el imperio”).

Nos anos cincuenta do século pasado, Honduras foi elixida pola administración Eisenhower como centro de operacións na loita do Imperio contra o perigo comunista que ameazaba Centroamérica. Unha administración que consideraba que “a democracia non era unha alternativa realista para Centroamérica”.

Segundo esta estratexia, a actuación política do Imperio en Honduras prestoulle especial atención a preparación dos militares hondureños para afrontar o perigo comunista. En que consisteu? Tanto no ensino de “prácticas de interrogatorio de sospeitosos” como na creación de “escuadróns do morte” e mesmamente na “eliminación física de sospeitosos”. Hoxe en día hai unha considerable evidencia de que en 1981 un escuadrón da morte secreto -coñecido como Batallón Prónay 3-26- foi creado co coñecemento e asistencia do goberno estadounidense. Durante os anos oitenta, ese escuadrón materializou unha campaña sistemática de secuestros, torturas e asasinatos de supostos subversivos (atribúenselles unhas 184 desaparicións). Estes subversivos resultaron ser lideres sindicais, activistas dos dereitos humanos, periodistas, avogados, estudantes, profesores….. Máis tarde Honduras convertiríase nun centro de operacións clave na loita contra as guerrillas nicaraguana e salvadoreña.

A paisaxe logo da axuda americana

A actuación do Imperio en Centroamérica durante o período da chamada “guerra fría” deixaría tras de si unha paisaxe desoladora: corrupción rampante, guerra de bandas, contrabando de drogas, unha grande pobreza humana, sobrepoboación e esquecemento por parte da comunidade internacional (Josep Fontana op.cit.)

A superación da guerra fría non supuxo un cambio relevante na política do Imperio en relación con Centroamérica, como así puxo en evidencia o sucedido con Manuel Zelaya, quen fora elixido presidente de Honduras (2006). Este dirixente liberal tivo o atrevemento de pedir axuda (petróleo barato, investimento) á Venezuela de Chaves, de poñer en marcha medidas dirixidas a mellorar a situación de quen peor o estaban pasando, que era a maioría da poboación, subir o SMI, iniciar cos campesiños a negociación dunha reforma agraria para que aqueles puideran recuperar as terras que lle foran roubadas, promover unha reforma constitucional, incorporar a Honduras ao ALBA e invitar a visitar o pais a Hugo Chavez e Daniel Ortega.

Demasiado atrevemento. O exercito hondureño, co apoio da oligarquía local e asesorado pola administración Obama, deu un golpe de estado (28 de xuño de 2009) e destituíu a Manuel Zelaya, ao que acabaron expulsando do pais a punta de pistola.

Honduras volvía así, grazas a axuda americana, á normalidade: xornalistas, sindicalistas, dirixentes campesiños….foron asasinados, bastantes xuices foron destituídos e multiplicáronse os arrestos e torturas de dirixentes sociais. Dirixentes como Berta Cáceres (dirixente da COPINH: Consello de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras) que, o 3 de marzo do 2016 foi asasinada por ter o atrevemento de defender o medio natural e opoñerse á venda por parte do goberno hondureño de terras e augas a empresas estranxeiras para construír nelas pesas hidroeléctricas que subministren enerxía as empresas mineiras. “Matárona por ambientalista, por insubmisa, por defensora da natureza, por oporse ás multinacionais, por reclamar dereitos ancestrais dos indíxenas” (I. Ramonet, Le monde DiplomatiqueI).

A resposta internacional

En contra do que era á tradición e poñendo en evidencia que as cousas estaban cambiando en Latinoamérica, o golpe de estado ocurrido en Honduras tivo un forte rechazo tanto pola maioría dos países latinoamericanos como pola propia OEA. Rechazo que se reflectiu nunha ruptura de relacións e na esixencia de restitución do presidente derrocado.

Esa volta ao poder do presidente non tería lugar por mor tanto da forte oposición dos militares hondureños e as oligarquías locais como da extrema dereita republicana dos Estados Unidos, con grande poder de influencia na política exterior do Imperio. Axudou tamén a debilidade das forzas democráticas hondureñas moi divididas e incapaces de artellar un proxecto político de superación da crise.

Porén, esa crise deu paso á celebración dunhas novas eleccións xerais (29 de novembro do 2009) que gañaron as dereitas (por medio do Partido Nacional que lideraba Porfiro Lobo). Unha vitoria que aseguraba a protección dos intereses das oligarquías locais e as multinacionais internacionais e que, segundo estas últimas e os seus medios, supuxo que Honduras recuperaba a normalidade perdida.

Unha “recuperación” da normalidade que sería temporal.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]