por Manoel Barbeitos
A historia deste pequeno país latinoamericano (108.889 quilómetros cadrados que albergan unha poboación de 18 millóns de habitantes) é unha historia terriblemente sanguenta. Guatemala (“a terra da primavera permanente”) posúe varios dubidosos récords: o do conflito armado maáis longo e mortífero de América Central (1960-1996), o de mortes violentas (entre 5.000 e 7.000 homicidios por ano), posiblemente o de expresidentes acusados de corrupción (nove están sendo investigados ou foron condenados a penas de cadea) e o das campañas electorais máis caras de América Latina (segundo cálculos da Acción Ciudadana na campaña do 2011, o custo medio foi de 10 dólares por votante, fronte aos 12 dos Estados Unidos).
A United Fruit entra en escena
Ao igual que sucedeu en Honduras, o devir da historia de Guatemala estivo durante décadas condicionado polos intereses empresariais da multinacional estadounidense United Fruit. Velaí, como xa expliquei (https://temposdixital.gal/outros/honduras-i-unha-republica-bananeira/), o por que de consideralas repúblicas bananeiras.
Poucas multinacionais na historia teñen un currículum tan sanguinario. Esta compañía escolleu a Guatemala como primeira escala nos seus negocios en Latino América “porque o seu goberno era o máis débil, máis corrupto e máis compracente da rexión. A compañía trataba aos seus traballadores sen interferencias do goberno, e declaraba tan só unha pequena parte do valor das súas exportacións para eludir o pago de impostos” (JOSEP FONTANA: “Por el bien del imperio”).
Cando a United Fruit se instalou en Guatemala, a distribución de terras era enormemente desigual (un 2,2% dos guatemaltecos eran propietarios do 70% das terras e o redor de 23 familias tiñan propiedades superiores aos 23.000 acres). A maioría das terras agrícolas eran propiedade de empresas estranxeiras, entre as que destacaba por riba de todas a United Fruit (máis de medio millón de acres, unhas 250.000 hectáreas) dedicada a produción e venta de bananas. Ademais, a UF era accionista maioritaria en empresas de transporte (ferrocarril, navieiro) e servizos (electricidade). Tal concentración de poder económico e loxístico facilitáronlle a esta empresa (denominada o “o polbo” porque os seus tentáculos chegaban a tódolos lados) dispoñer dunha enorme influencia política, a tal punto que se dicía que Guatemala era realmente un estado dentro dunha empresa multinacional.
Pronto os intereses desta entrarían en conflito cos intereses guatemaltecos. Nada máis comezar as súas actividades, United Fruit esixíalle ao goberno de quenda unha conxelación dos salarios por tres anos e nada de normativas laborais que puideran contradicir os intereses empresariais. Todo isto cando o goberno guatemalteco, en cumprimento das súas promesas electorais, tentaba poñer en marcha unha modesta reforma agraria que permitiría, mediante a expropiación das non cultivadas, o acceso á terra a máis de 250.000 campesiños que non as tiñan. Unha estratexia que chocaba directamente cos intereses da UF, que posuía o 85% daquelas terras.
A reacción da UF diante de tales intencións gobernamentais foi a de pedir axuda ao goberno estadounidense que por esas datas estaba elaborando unha nova estratexia para Latinoamérica que fixera fronte ao perigo comunista, un perigo que realmente non existía. A axuda adoptaría tres modalidades sucesivas. Empezaría co illamento de Guatemala que iría acompañado dun brutal cerco económico. A continuación emprenderíase unha guerra psicolóxica utilizando medios radiofónicos que entre outras proclamas lanzaban a de que “a democracia non é unha alternativa realista para Guatemala”. Para finalizar co preceptivo intervención militar.
Unha intervención militar, preparada e apoiada loxisticamente pola CIA, que derrubou ao goberno lexítimo, que foi substituído por unha xunta militar presidida polo coronel e fascista Castillo Armas. Esta xunta militar suspendeu daquela as eleccións que estaban previstas, ilegalizou partidos e sindicatos, anulou o dereito de voto para a maioría do campesiñado, e procedeu a torturar e asasinar a numerosos líderes campesiños e sociais. Unha intervención que, a pesar diso, non lle serviría de moito a United Fruit. Os seus negocios irían de mal en peor, e remataría abandonando Guatemala en 1.972
Un laboratorio de experimentación para a represíon
Nos anos sesenta, baixo a presidencia de J. F. Kenedy nos Estados Unidos, e dentro da estratexia estadounidense de loita contra o perigo comunista en Latinoamérica, Guatemala converteríase “no laboratorio de experimentación para a represión”.
Experimento que supuxo para Guatemala un contínuum de crueis e sanguinarias ditaduras militares, que contaron coa axuda de grupos paramilitares avanzados de loita contra a guerrilla. Xeneralizouse a tortura, aparecendo por doquier cadáveres mutilados e leváronse a cabo accións de auténtico de exterminio no medio rural. “As matanzas eran brutais, ata un extremo inimaxinable. Os soldados asasinaron nenos á vista dos pais, extraeron órganos e fetos, amputaron xenitais e extremidades, cometeron violacións en masa e queimaron vivas a algunhas vítimas” (Plan de Operacións Sofia. Documento militar estadounidense de relato das campañas de exterminio en Guatemala: https://nsarchive2.gwu.edu>Operation_Sofia_lo)).
Actos que serían posteriormente confirmados pola Comisión da Verdade (“Guatemala nunca máis”), cuxas investigacións patrocinadas e financiadas polas Nacións Unidades revelarían que “en 34 anos de conflito armado houbo en Guatemala 161.500 asasinatos e 40.000 desaparecidos (un 93% dos casos investigados son atribuíbles aos militares e só un 3% dos insurxentes) cun total de 659 masacres documentadas e a evidencia de que de 1981 a 1983 o estado levou a cabo unha actuación deliberada de xenocidio contra a poboación maia” (CICIG .Comisión Internacional contra a impunidade en Guatemala: https:// www.cicig.org).
A paz que nunca chega
Neses anos, e como resposta tanto ás campañas de exterminio como ás actuacións do goberno destinadas a arrebatar a escasa terra que tiñan os campesiños, xurdíu unha guerrilla esencialmente campesiña (Unión Revolucionaria Nacional Guatemalteca).
No ano 1996 e logo de dez anos de duras negociacións, o goberno e a guerrilla asinaron un acordo de paz que a pesar diso non serviu para rematar coa violencia. “Hoxendía, Guatemala segue sendo un escenario de mortes violentas, con un exército que, impune polos crimes cometidos no pasado, continúa matando e uns terratenentes (1,5% dos propietarios que posúen o 62,5% da terra) que se negan a calquera reforma. A policía bota das fincas con violencia aos campesiños que se instalaron para cultivala e incendia as súas casas e as súas colleitas” (J.F.)
Pero….a quen lle interesa o que pasa en Guatemala?