por Manoel Barbeitos
A pandemia da COVID-19 está poñendo máis en evidencia a extrema vulnerabilidade de Guatemala, seguramente unha das máis elevadas de Latinoamérica. E iso é así tanto polo elevado nivel de pobreza que afecta a unha porcentaxe moi alta da súa poboación -con especial incidencia na poboación maia- como polos problemas políticos e de seguridade relatados no artigo anterior: pandemia, pobreza, corrupción, violencia…
Os últimos datos coñecidos (decembro 2021) apuntan a que son uns 16.250 os mortos (902,6 por un millón) que provocou a pandemia debido principalmente, segundo fontes de UNICEF, ao enorme atraso que este país leva en vacinación. Unhas cifras que se irán incrementando exponencialmente si atendemos aos informes das autoridades nacionais, e da propia OMS, que subliñan como o número de contaxios se incrementa diariamente. Son cifras espectaculares pois colocan a Guatemala como un dos estados latinoamericanos con maior incidencia mortal en valores absolutos (10ª en Latinoamérica, 1ª entre os estados do Caribe sendo Honduras o seguinte con 10.500).
Fronte á pandemia, Guatemala está poñendo en evidencia a enorme debilidade dos servizos básicos, o elevado índice de pobreza e a extrema desigualdade. Como pón en evidencia os pobres recursos sanitarios cos que conta o país, facendo inevitable que se disparen os contaxios. O gasto público sanitario en Guatemala ascende ao 2,2% do PIB, cando na rexión centroamericana a media está nun 4%. Pero o que sucede co sistema sanitario reprodúcese en relación con outros problemas crónicos: alimentación, empregi, medio ambiente, ensino…
Desenvolvemento humano mediano
Utilizando como fonte os Informes sobre Desenvolvemento Humano (IDH) que elabora o PNUD, sen dúbida os máis fiables e rigorosos, vemos como Guatemala presenta un IDH de 0,663, o que supón situar a este país na categoría de desenvolvemento humano mediano e no lugar 127º entre 189 países. A esperanza de vida ao nacer está nos 74,3 anos (75,6 de medio en Latinoamérica-Caribe), o promedio de escolaridade é de 6,6 anos (8,7 na rexión) e a renda per cápita é de 8,5 dólares (a máis baixa da rexión, que ten 14,8 de media).
Guatemala é un país extremadamente desigual. Presenta un coeficiente de desigualdade (26,9) dos máis elevados da rexión centroamericana (21,5), reflectíndose tanto nunha menor esperanza de vida ao nacer e en maiores niveis de desigualdade de ingresos (35,4 fronte aos 34,9 de media). Ademais, esa desigualdade que ten unha forte compoñente de xénero: as mulleres guatemaltecas están entre as centroamericanas que presentan maiores déficits ao respecto;por caso, en esperanza de vida ao nacer, nos anos prometio de escolaridade e nos recursos estimados. Tamén presentan a nivel rexional as maiores taxas de mortalidade por embarazo (95 mulleres morren por cada 100.000 embarazos: 72,7 na rexión), as maiores taxas de fecundidade entre adolescentes (70,9 fronte a 63,2) e de mulleres sen escolarizar (60,4% fronte ao 38,6%).
Indicadores todos eles que confirman que Guatemala é, hoxe por hoxe, o país de Centroamérica con maior índice de pobreza multidimensional (nivel de vida, saúde, ensino): o 29% da poboación guatemalteca sofre deste tipo de pobreza (7,2% en Latinoamérica, 16,3% en Nicaragua, 19,3% en Honduras). O mesmo sucede coa porcentaxe de poboación que vive en situación de pobreza multidimensional extrema: 11,2%, fronte a 1,9% na rexión, 5,5% en Nicaragua e 6,5% Honduras. En Guatemala case 1 de cada 2 cativos/as padece desnutrición crónica.
Máis pobres e máis endebedados
Por se os males fosen poucos, Guatemala tamén está enrolada na espiral da débeda. A pesar de dispararse os pagos feitos nas últimas décadas, a débeda non para de medrar. Como lle sucede a practicamente toda Latinoamérica, este país enfróntase a unha grave crise de débeda, derivado tanto do seu volume (11.126 millóns de dólares), como do seu elevado crecemento nos derradeiros anos (2000: 304 dólares per cápita, 2010: 514, 2020: 1.194). Crecemento que ten varias causas, como por caso o crecente custo dos xuros -que leva a que os cargos por servizos da débeda cheguen a ser superiores ao valor da mesma, o que fai que as transferencias netas de débeda cheguen a ser negativas- ademais, a débeda está contabilizada en dólares, polo que o tipo de cambio e moi relevante e que, como vén sucedendo, se dispare aínda máis debido ás sucesivas depreciacións da moeda nacional (quetxal).
Esa crise ten a súa orixe na evolución negativa da balanza comercial (se un país compra máis do que vende, ten déficit e, xa que logo, débeda). Guatemala é un país moi dependente da venta ao exterior de produtos agrícolas e materias primas cuxos prezos sufren moitas oscilacións. Por caso, no ano 2021 a balanza comercial negativa duplicouse (+45%) e con ela medrou a débeda externa. Unha balanza comercial que vén agochando unha taxa de cobertura que se move o redor dun 60% (entre un -9 e un -14 do PIB).
Neste marco de circunstancias, Guatemala ten moi complicado, por non dicir imposible, saírse da espiral da débeda, a non ser que se encare un cambio radical no enfoque. Cousa que realmente é moi difícil que suceda dada a fortaleza dos acredores, e só se abriría unha ventá esperanzadora se se afronta o problema mediante unha acción política conxunta de practicamente toda Latinoamérica.
Un país ingobernable?
Hoxe por hoxe, Guatemala parece un país ingobernable. Aos graves problemas económicos e sociais que vimos de expoñer teñen provocado frecuentes conflitos sociais, que son reprimidos con enorme violencia polas autoridades gobernamentais, contando co apoio encuberto de grupos paramilitares, hai que sumarlle a xa citada corrupción sistémica da clase política. É o ue se pon en evidencia á hora de aprobar os orzamentos públicos, que é cando segundo se pode ler na prensa de maior difusión, se xuntan os sete pecados capitais da política en Guatemala: contubernio, clientelismo, opacidade, privilexios, secretismo, risco fiscal e financiamento alleo ao desenvolvemento.
Xúntanse así gobernos que son cualificados como “pactos de corruptos” con parlamentos nos que os deputados practican a extorsión (antes pedían sobres con efectivo a cambio de votos, agora piden pago de cotas para beneficiar a construción de obras). Un mapa político deprimente e depresivo.
Como afirman analistas de Transparencia Internacional “os guatemaltecos enfrontan o reto de superar a cooptación do Estado por grupos de poder… co espolio das arcas públicas convertido en cultura. O roubo practícase dende os máis altos cargos políticos deica o último conserxe. A sabedoría popular resúmeo plasticamente ao sinalar que quen busca un emprego no Goberno non pide un traballo senón un oso ao que se aferra con uñas e dentes… A corrupción en Guatemala é unha ameaza permanente para o sistema democrático. Na medida en que continúe como a matriz do sistema, a inestabilidade continuará”.