Martes 24, Maio 2022
HomeOutrosGALIZA E AS SEDES DO INSTITUTO ESPAÑOL DE OCEANOGRAFÍA

GALIZA E AS SEDES DO INSTITUTO ESPAÑOL DE OCEANOGRAFÍA

por Enrique Sáez Ponte

Nunca tivo sentido que o Instituto Español de Oceanografía (IEO) tivera as súas sedes en Madrid, a área da península máis afastada do mar. É normal que se pense en mandalas á costa, como xa tiña previsto o anterior Ministro de Ciencia e Tecnoloxía, Pedro Duque. O problema xurde pola falta de práctica de descentralizar. Todas as zonas costeiras parécenlles iguais e daquela teñen dereito a recibir algo, como si se tratara dun servicio sanitario. Confunden descentralizar con repartir, ao revés que cando están no proceso contrario, centralizar, no que teñen moita máis experiencia e tenden a non repartir nada.

Deberían limitarse a aplicar a lóxica xeral para situar centros de investigación e de desenvolvemento de tecnoloxías conectadas a eles. Son fundamentais as economías de escala. Onde hai máis actividade relacionada co que se investiga é onde hai que situar os medios. A sinerxía xera dinámicas moi positivas, como ocorre en Silicon Valley. Se o que se quere é potenciar a actividade do IEO e que este participe na creación e reforzo de competidores mundiais non poden existir dúbidas: todas as súas sedes centrais teñen que estar na Galiza. Aínda que, por suposto, haxa centros especializados onde sexa preciso.

Iso é o que apuntaba a equipa de Pedro Duque, que tiña experiencia en colaboración internacional. A actual ministra da especialidade, una política profesional sen esa experiencia, aborda una oportunidade histórica para desaproveitala. De entrada, dáse un paseo por Santander e di que lles vai enviar a área pesqueira do Instituto. Quizais sexa para asegurar o voto do deputado do Partido Regional de Cantabria no Congreso, en tempos de maiorías xustiñas ou porque alí ten conexións a actual dirección da área.

Unha parvada. Galiza ten o 43% da capacidade de pesca de España, Cantabria o 2%. A frota pesqueira galega opera en todos os océanos. Ten unha dimensión que a sitúa nos postos de cabeza entre os Estados da UE, cando contamos so con 2,7 millóns de habitantes. Bruxelas sábeo, por iso a Axencia Europea de Control de Pesca está en Vigo.

Logo, a señora ministra indica que a sede de Acuicultura irá a San Pedro del Pinatar, onde se investiga sobre a produción do atún vermello. A acuicultura en Galiza, ocupa a unhas 6.000 persoas, con clara maioría de mulleres, contra unhas 300 en Murcia. Aquí se concentran ademais as cinco maiores conserveiras españolas, auténticas multinacionais cos seus propios equipos de investigación. A principal actividade da acuicultura en España é o mexillón. Galiza é a segunda potencia mundial na produción dese bivalvo, só superada por China que ten uns cantos habitantes máis ca nós.

A Ministra de Ciencia e Innovación nin investiga nin analiza datos, parece que di  o primeiro que se lle ocorre ou o que lle suxiren subordinados con ideas propias. Cando recibe críticas, recorre ao vello truco dos políticos: abre a bolsa dos caramelos e promete, por exemplo, un investimento de 766.000 euros para ampliar o centro de investigación do IEO en Vigo. Así conténtanse os nenos difíciles. Asunto rematado.

Na investigación, descentralizar non é repartir. É recentralizar onde radica a capacidade de competencia internacional, para reforzala. Se o fan ben, Galicia será o Silicon Valley da pesca e da acuicultura, porque xa conta con moita experiencia, traballa e vende os seus produtos nos cinco continentes. Me aterra vostede cando lle escoito dicir “Querer a España significa querer a toda España y favorecer las oportunidades en todo el territorio”. No caso do IEO é unha aberración, intente pensar un pouco, analice o que temos, mire o que se fai noutros lugares y sectores e actúe en consecuencia.

Fala dun tema no que España conta cunha pequena potencia mundial que cómpre apoiar. Hai moito que investigar sobre pesca e acuicultura nun planeta moi poboado, que necesita alimento, onde os océanos quéntanse de vagar e algunhas especies esgótanse. Neste curruncho da península contamos con moita experiencia práctica, privada e pública, de investigar sobre elo e de colaborar con outros países. Aprovéitea polo ben de España, onde gusta moito o peixe o marisco.


Enrique Sáez Ponte é economista, ensaísta e autor do blog https://libertadxxi.com/

 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]