Venres 30, Setembro 2022
HomeOutrosGALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA IV

GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA IV [MEDIO AMBIENTE]

por Patricia Iglesias
Ecoloxista

A crise das crises

Cada vez quedan menos dúbidas de que estamos nunha emerxencia climática, xa non só polas evidencias científicas, porque xa o experimentamos no noso día a día (o verán máis caloroso, o outono máis seco, etc). Os grupos ecoloxistas como Amigas da Terra levamos pedindo durante anos a descarbonización da nosa enerxía, o abandono dos combustibles fósiles e que se aposte polas enerxías renovables. Sen embargo, no actual contexto o modelo non muda e trátase de macroproxectos en mans, de novo, do oligopolio enerxético. Debemos apostar pola enerxía comunitaria, a enerxía en mans das persoas e comunidades, polo xa demostrado enorme potencial das comunidades enerxéticas.

Tamén hai que ter en conta que esta transición enerxética e a imparable dixitalización da economía require metais e terras raras para construír microchips, aeroxeneradores, placas solares, coches eléctricos, etc., nun contexto de crise de materiais. A ameaza deste modelo extractivista materialízase na apertura de antigas ou novas explotacións mineiras cando seguimos padecendo os efectos nas minas de Touro-O Pino ou San Fins, pechadas xa fai varias décadas.

Por outro lado, a taxa de xeración de residuos aumenta cada ano, as porcentaxes de reciclaxe caen e o modelo SOGAMA está colapsado. Non podemos seguir enviando a incinerar ou ao vertedoiro materiais valiosos como a materia orgánica ou os residuos electrónicos en lugar de aproveitalos, o que é en esencia a economía circular. Así, as administracións públicas deben apostar pola prohibición de envases de usar e tirar, tanto plásticos como bioplásticos. Tamén pola compostaxe e, en definitiva, pola prevención, redución e a reutilización como eixe central, impoñendo a “alargascencia” e reparabilidade que ademais xeran máis emprego.

De cara ao 2022, seguiremos esixindo a retirada definitiva de ENCE da ría de Pontevedra e a aposta por unha xestión forestal multifuncional como verdadeira prevención fronte aos incendios forestais. A potenciación de sistemas agroecolóxicos de proximidade e gandería extensiva, fuxindo da agricultura e gandería industrial, que non só agravan o cambio climático, senón que teñen graves impactos sobre o noso territorio.

Non podemos esquecer que falar de crise climática é falar da crise dun sistema económico baseado nas desigualdades sociais, incompatible cun planeta que ten límites biofísicos e cunha sociedade integrada por persoas vulnerables, que dependen dos ecosistemas para vivir. Un sistema que é á vez causa e consecuencia doutras crises que se interrelacionan: crise social onde cada vez son maiores as desigualdades, crise enerxética e de materiais, crise sanitaria, crise de perda de biodiversidade, e crise de coidados, entre outras.

En definitiva, dunha vez por todas temos que empezar a mudar o sistema cara un máis descentralizado, democrático, equitativo, ecolóxico, feminista e xusto. Sen deixar de propoñer solucións transformadoras desde o local cara o global.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]