Domingo 28, Maio 2023
HomeOutrosFOR SAMA: DIARIO DE DEVASTACIÓN

FOR SAMA: DIARIO DE DEVASTACIÓN

CINEMA

For Sama (Reino Unido, 2019)

Dirección: Waad al-Kateab e Edward Watts; Produción e fotografía: Waad al-Kateab; Montaxe: Chloe Lambourne e Simon McMahon; Música: Nainita Desai.

 

por Yolanda López

O maior atractivo dun dos documentais da temporada é a gravación durante máis de cinco anos (de 2011 a 2016) do asedio e masacre do pobo sirio polo réxime de Assad. A directora Waad al-Kateab refuxiouse primeiro en Turquía e na actualidade vive no Reino Unido onde, xunto a Edward Watts, seleccionou entre as máis de 500 horas de metraxe os fragmentos que compoñen esta carta para a súa filla Sama. Unha misiva gravada durante os derradeiros días da batalla de Alepo onde vivían xunto ao Hamza, médico no derradeiro hospital da cidade controlado por rebeldes. Unha mensaxe filmada para explicar quen eran os seus pais, por que loitaban, por que veu ela ao mundo e, sobre todo, para dar lembranza no caso de que non sobreviviran.

O filme procura narrar tanto o que aconteceu como as causas que os levaron a ela e máis ao seu home a resistir durante anos as atrocidades acontecidas en Alepo. A voz en off condúcenos desde os anos como estudante universitaria durante a Primavera Árabe até a resistencia entre ruínas e hospitais clandestinos. Son frecuentes os saltos temporais intercalados con momentos de esperanza fuxidía, de vida entre tanta morte, que alén de aliviar tanta dor subliñan a fraxilidade da existencia. Xunto a estes sentimentos, o peso do desarraigamento, a loita por non abandonar o seu país malia malvivir nunha penumbra constante.

Non podemos negar a potencia da denuncia ante a represión do goberno e dos aliados rusos, con especial fincapé nos caídos e nas vítimas dos bombardeos. Na desacougante reflexión sobre como poden medrar os nenos nesa rutina do pesadelo. Na pregunta insultantemente retórica de como o mundo permitiu tal horror. Ademais, o emprego da cámara en man abunda nesta sensación constante de perigo, na necesidade de movemento para non ser atrapados. Abafante.

Con estas bazas, valorar a estética, a fotografía ou a montaxe do filme semella unha frivolidade descomunal. Porén, a inclusión dalgunhas imaxes provoca sentimentos contrapostos: son precisos eses primeiros planos do sufrimento dos nenos? É necesario velos morrer diante dos nosos ollos para maior efectividade da denuncia? Os intentos por revivir un bebé acabado de nacer quedaron gravados na retina e descubrinme falándolle á pantalla… pero, onde fican os límites? Podendo non ser os exemplos máis extremos do acontecido en Siria, amólannos pola mala conciencia occidental? A mesma que permitiu que o Mediterráneo fose unha tumba asegurada para os que lograban fuxir? Ou son tan só novos apuntamentos dunha carta escrita desde o inferno? Un averno onde o nome escollido, Sama, fai referencia ao ceo como futuro e esperanza.