Domingo 26, Xuño 2022
HomeOutrosFLORENCIO DELGADO GURRIARÁN Poeta sentido e construtor de galeguidade

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN Poeta sentido e construtor de galeguidade

por Camiño Noia

Delgado Gurriarán escribe poesía desde a adolescencia. As primeiras composicións aparecen en xornais e revistas a partir de 1931 e o primeiro libro, Bebedeira, publícao en Nós en 1934 con versos «de forte alento xeórxico, dun ruralismo animista moi vigoroso e sanguíneo» sobre a frondosa natureza da terra de Valdeorras, que tanto amou. En 1943, coordina no exilio mexicano a antoloxía Cancioneiro da loita galega con varias poesías súas moi críticas e burlescas contra Franco e os asasinos do réxime. Lonxe da terra de orixe, escribe, cheo de soidade, poemas sobre os eidos natais e lembranzas da súa vida sen descoidar vivencias e paisaxes dos lugares que habita. E en 1963 publica en Galaxia Galicia infinda sen limiar ningún de presentación do autor (quizais evitando a censura).

Souben do poeta DG estudando a Historia da Literatura galega de Carballo Calero, onde se analiza a obra sen referencia ningunha ó autor, a non ser a de que nacera en 1903 e que residía en América. Xa como profesora na UVigo, falaba nas aulas de Galicia infinda e líamos unha selección de poesías. É un poemario sen unidade temática no que hai poesías de estilo e temas moi diferentes. DG volve cantar a terra valdeorresa en poemas animistas na liña de Bebedeira, algo menos ledos e coloristas, inserindo reflexións sobre a vida (Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros). No apartado de «Varia» sitúa «A galega en París» e «Vello almanaque», dous poemas que me gustan especialmente; un fala da situación sociolingüística das criadas galegas que traballaban para a burguesía francesa, que eu observei tamén en París. O outro é a lembranza que me volve á cociña da miña casa, onde había calendarios como o que describe o poeta valdeorrés. O derradeiro apartado do libro dedícao a cantar aspectos da terra de acollida; son poemas sobre aspectos da paisaxe e da cultura popular mexicanas, algúns deles mesturando no discurso galego palabras da lingua azteca nunha especie de crioulo. Textos que mostran outra faciana de DG, a do home que valora a cultura popular do mundo no que se integra.

Na terceira viaxe que fai a Galicia, en 1981, Ediciós do Castro saca unha antoloxía de poemas seus, a maioría publicados xa en libro e prensa. No derradeiro ano de vida, sae O soño do Guieiro (1986), tamén no Castro. E en 1996, Díaz Pardo publica unha edición facsímile cun amplo limiar de Xesús Alonso, un dos maiores difusores da obra do valdeorrés, do Cancioneiro da loita galega.

Os libros citados e algunhas poesías máis non incluídas en libro están recollidas na obra Florencio Delgado Gurriarán. Obra poética publicado por Xerais, cunha unha ampla introdución sobre vida e obra do poeta de Xosé Ramón Pena. É un libro esencial para coñecer ben a obra do poeta, no que se analizan con rigor académico as súas poesías nas súas liñas temáticas e nos movementos poéticos que segue.

Para ampliar o coñecemento da vida de Delgado Gurriarán hai outros dous libros de Galaxia: Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista de Ricardo Gurriarán e Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio de Xesús Alonso Montero. Estes autores levan anos investigando a biobliografía de DG, e os seus traballos son básicos para quen busque información sobre a vida e a obra deste poeta republicano.

Ricardo Gurriarán, historiador valdeorrés e parente de DG, publicara en 1999 unha extensa biografía do poeta sobre a súa primeira creación literaria e a súa peripecia vital. Este traballo suscita a publicación de artigos e a organización de conferencias, de recitais poéticos, a representación de obras de teatro, etc. a maioría por iniciativa do Instituto de Estudios Valdeorreses. Promoveron así a súa candidatura ás Letras Galegas en diferentes lugares de Galicia, en Barcelona e mesmo en México. E foi vinte e tres anos despois cando a RAG elixe a FDG na celebración das Letras Galegas. Ricardo Gurriarán reedita a súa biografía con poucas modificacións respecto da anterior, que están sinaladas no limiar da edición. A biografía está feita con datos en documentos, en escritos e comunicacións verbais sobre a vida familiar, social e política de DG en terras valdeorresas, castelás e no exilio en México, a onde chega o libro despois de dous capítulos dedicados á guerra e á fuxida a Francia. Quizais para facer máis áxil a lectura, Gurriarán insire nas páxinas de datos biográficos o texto das poesías ás que fai referencia no texto.

Xesús Alonso Montero, un dos que mellor coñecen o autor valdeorrés, fixo unha obra moi persoal, escrita coa admiración do amigo e correlixionario. Componse de dúas partes e unha selección poética. Na primeira, despois de dar a cronoloxía biobibliográfica do poeta, Alonso fala da defensa que fai da lingua, da súa militancia política no galeguismo republicano, da relación cos escritores galegos en México e remata falando da súa poesía. A segunda parte son dez incursións na obra literaria do poeta valdeorrés, nas que o autor do libro fala con espontaneidade da obra, da vida e daqueles que conviviron con el. A antoloxía final ten poesías de diversa intención e tonalidade.

Remato con estes versos do poema «A Galiza asolagada» (Vieiros 1968) sobre os embalses: «e van pór irtos aramios/a darlle forza aos alleos», moi acaídos hoxe en que son as macrotorres eólicas as que asolagan os nosos montes coas mesmas intencións e, como dixo o poeta: «na Galiza de arestora/xa non caben os galegos.»


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]