Luns, Maio 20, 2019

Home Outros Europa, nun océano de icebergs

Europa, nun océano de icebergs

A crise embridou nun océano de icebergs, e a punto está de
facer que Europa, a semellanza do acontecido hai un século co Titánic, afunda
sen remedio tras chocar con eles. Como sucedera daquela, cando centos de
pasaxeiros se deixaran engaiolar pola propaganda que facía do barco un soberbio
e insumerxible transatlántico, tamén agora lle entregamos o noso destino
colectivo a estoutro gran navío continental ao que tamén declararan
insumerxible. Non é tal, e ben farían os mandatarios políticos en apoderarse do
timón que lles subtraeron os mercados, e os investidores privados que os
controlan sen ningún tipo de lexitimidade, para retomar a singradura.
Parándolles os pés na súa demostrada intención de incrementar as súas vantaxes
atacando frontalmente os estados máis fráxiles -entre eles, o español- e desentumecendo
as articulacións da cidadanía. Todo menos morrer de asfixia ou de frío. Velaí
como aquela catástrofe, na que a maior parte das vítimas non morreron afogadas
senón de frío, devén na gran metáfora dos perigos do noso tempo.

Chegados ata aquí, sen que vexamos na apoteose dese
presumible naufraxio institucional e constitucional máis músicos que os da
titánica orquestra, o desasosego e a dor que atenazan o diario vivir de millóns
de familias explícanse na traizón política tanto ou máis que na ditadura dos
mercados. Na submisión da política á economía está a raíz do mal. Nela e nos
egoísmos nacionais que a naturalizan. Case sempre personalizados nos estados
máis fortes, que non son precisamente os que favorecen a conformación dunha
estratexia progresista común fronte á crise. Pola contra, escenifican sen rubor
ningún a súa connivencia cos que a provocaron. Que a UE se pareza máis a un
protectorado franco-alemán que a un proxecto colectivo ao servizo dunha
cidadanía diversa e plural, non é senón unha das consecuencias desa traizón. A
do directorio Merkozy, e a de cantos gobernos, por caso o de Rajoy, asumen os
seus ditados con inusitado e afervoado entusiasmo.

Non doutra maneira se entendería que en só tres meses
puxera o Estado de Benestar aos pés dos cabalos. Daqueles que ao tempo
de esixiren o castigo dos inocentes, con reformas e recortes que empobrecen e
colocan as clases medias e populares ao bordo do abismo, anguriados e
desesperanzados, inducen a que de novo a economía española entre en recesión. Nunha
especie de endiañada espiral que corroe e despeza dereitos (a reforma laboral,
e as que veñen de anunciar para a sanidade e a educación), creando un estado de
necesidade ou de excepción que en absoluto pode ser compatible coa
Constitución. Aqueles que máis se envolven nas páxinas da Carta Magna para
vender patriotismo a cambio de votos populistas, non teñen o menor rubor en
retorcela ata desnaturalizala cando lles interesa partidariamente. Por caso,
facéndoa debedora das políticas coas que os mercados, auxiliados polos
políticos da traizón, impoñen o dogma da austeridade como única alternativa
fronte á crise.

Os resultados da primeira volta dos comicios franceses non
despexaron a incógnita que pende sobre unha das poucas oportunidades que
existen de introducir unha cuña rompedora no directorio que capitanea Ángela
Merkel. A sorprendente subida da extrema dereita lepeniana non permite confiar
ao cen por cento en que a segunda volta das eleccións acabe elevando ao
marcador o 0-1 a
prol do candidato socialista, François Hollande. Conseguirá derrotar
definitivamente a Sarkozy se, ademais de recoller o voto da outra esquerda, se
ve beneficiado pola abstención dos que se identifican na Fronte Nacional de
Marine Le Pen co seu electorado máis mozo. Ese que extremou a súa posición de
cabreo co obxectivo de castigar o hiperactivo presidente dos ricos, que
gozan por iso de inauditos regalos fiscais -en todo caso, de moita menor contía
que o que en España pode acabar representando a escandalosa amnistía fiscal
decretada por Rajoy-, mentres castigaba as clases medias e baixas con recortes
brutais e desmantelaba o Estado de Benestar.

Confírmase, polo demais, que as medidas que concentran
exclusivamente no control do déficit os seus obxectivos non producen o efecto
esperado, cousa que se ratifica na España do PP -todos os índices económicos
polo chan, e dando barra libre para incrementar as alarmantes cifras do paro,
agora mesmo a gangrena máis temida, e cos grupos máis necesitados, tal que o
dos pensionistas, collidos de esguello no festín dos axustes. Pola contra,
remontan os decibelios de penuria e recesión, sen que por outra parte se deteña
o Goberno na case xeneralizada opinión, como vén de argumentar o Manifesto
dos 3.000 economistas aterrados
, de que a austeridade sen crecemento
económico o único que produce é empobrecemento, deserción consumista e
acentuación da crise. Se os escoitase, en tanto que portavoces dos expertos
máis e mellor considerados, anularía os decretos leis -os propios dunha
democracia rápida- que feren a sensibilidade e o corpo de montóns de afectados,
e aceptaría poñerlles fin aos paraísos fiscais, impulsaría unha loita tenaz
contra a fraude fiscal, subiríalles decididamente os impostos ás rendas máis
altas, elevando o imposto sobre sociedades para que as multinacionais paguen
máis, e que o peso das reformas económicas e sociais non as sufran os cidadáns.
“É inaceptable -din- impoñer o paro, a precariedade e o rebaixe salarial para
protexer e preservar as elites financeiras”.

Por certo, ese banco debería ter obxectivos máis ambiciosos
e comprometidos que o da inflación. É unha reivindicación na que converxen
todos menos a Merkel, que o titoriza. Así o reclama Hollande no seu programa,
xulgando necesaria a súa muda a prol do crecemento. Como tamén esixe unha
renegociación na UE do pacto fiscal, en liña co demandado no seu momento por
parte doutros dirixentes socialdemócratas como Papandreu, Sócrates e o propio
Zapatero, todos eles expulsados pese a todo do poder. Como lle vén de suceder
ao goberno holandés, que se viu forzado a dimitir en pleno ao non conseguir os
seus recortes a luz verde da cámara. Como lles pode pasar a Rajoy en Madrid e a
Feijóo en Galicia, que lle viron as orellas ao lobo na pasada folga xeral,
sabéndose cada día que pasa moito máis vulnerables. Talvez por iso deseñan en
Génova, iluminados e apurados polos intereconomistas, o penúltimo asalto á
fortaleza de RTVE, para a que Feijóo reclamou a súa regobernamentalización. Van
a por todas

 

Novidades