Sábado 10, Xuño 2023
HomeOpiniónEu chorar, chorei,...

Eu chorar, chorei,…

Carolina Sertal

Eu chorar, chorei, o domingo á tarde cun Celta histórico

Tan só quixen estar soa. Cando o señor da camiseta amarela soprou o chifre no minuto 92, tan só quixen estar soa. Coa bufanda celeste cubrín a cara e descansei no asento no que levo media vida compartindo penas e alegrías. Balaídos lanzaba ao aire o berro de guerra, o berro de “xa estamos aquí” e mentres os célticos bicaban e abrazaban aos seus irmáns, eu permanecía allea á celebración. Mentiría se digo que non sei o que sentín, que non sei no que pensei ou que non sei como describilo. Sabedes cando alguén vai morrer nunha película e lle pasan pola mente os momentos máis importantes da súa vida? Pois a min sucedeume o mesmo no momento no que souben que acadabamos a gloria.

Un lustro, cinco anos, 60 meses, 260 semanas, 1820 días, 43680 horas, 2620800 minutos e 157248000 segundos. Son as cifras do sufrimento, as cifras de todas as batallas libradas e as dun ascenso. Valorei todo o que custou alcanzar a meta, non houbo sangue (aínda que contra o Hércules algún que outro rematou coa) cabeza aberta ou co nariz ensanguentado pero si houbo suor, e moito. O domingo en Balaídos, fomos poucos os que entendemos o que significaba o asubío do árbitro, cada un saberá o que padeceu ou non polo equipo, pero estou segura de que eses poucos, os que non cambian ao equipo pola praia, os que lle esixen ao equipo e saben ser críticos con el, os que levan ao Celta por bandeira, en primeira, en segunda e case en segunda B; para eses poucos só houbo un sentimento e foi o gozo persoal de ver que os valentes que loitaron por un soño eran quen de facelo realidade o 3 de xuño de 2012.

Non quero falar do encontro contra o Córdoba, quizais foi o partido máis aburrido, xa non da tempada, senón da historia. Tan só recordar os bos momentos. A grada de Marcador foi a encargada de iniciar unhas cantas ondas de felicidade que contaxiaron ao resto das gradas. Despois, as ondas transformáronse en ondiñas que viñan e que ían polo estadio adiante. E por último, as suaves ondiñas deron paso a unha marea celeste que percorreu a rúa de Fragoso ata inundar Praza América.

Pero este ascenso non pasará desapercibido. Falamos dun Celta histórico. Cando caemos dende o máis alto, tivemos que facer e refacer, unha e outra vez, o equipo ata dar cos heroes que nos levarían de volta a casa. Sergio, Hugo Mallo, Roberto Lago, Oubiña, Túñez, Vila, Dani Abalo, Bermejo, Aspas, Yoel, Bustos, Oier, Bellvís, Joan Tomás, David, Orellana, Toni, Álex López, De Lucas, Catalá, Insa e o míster Paco Herrera. Son os nomes que pasarán á historia, así que gardádeos ben na memoria. Eles son os guerreiros que nunca tiraron a toalla, foi a canteira a que fixo do Celta o equipo máis goleador a nivel nacional, despois do Barça e do Madrid. Bateron as marcas dentro do propio club con 83 goles a favor e o de Moaña foi quen de esta a piques de converterse no pichichi cos seus 23 goles. Este equipo ten mérito, a partir de agora, eles marcharán entre reis e nós estaremos aí para apoialos coa bandeira celeste no ar. Sempre Celta.