Martes 28, Novembro 2023
HomeOutrosEstado de excepción económico e laboral

Estado de excepción económico e laboral

Grazas ao ataque de marianismo que sufriron tódolos asistentes ao cumio neoconservador de Sevilla, o que un sociólogo como o alemán Ulrich Beck describiría sen rodeos chamándolle a canto nos está poñendo ao bordo do abismo ‘estado de excepción económico’ non pasa de ser para eles un camiño seguro cara á salvación. Os autores de semellante falacia aproveitaron ese tempo de espectáculo e de euforia partidista para desfacer dúbidas e promover entre os delegados, a maior parte deles con mando directo sobre a militancia e sobre a subvencionada industria española da comunicación, un sentimento patriótico, acrítico e ágrafo, que nada ten a ver coa lóxica social e si coa da lealdade ás orixes ideolóxicas e de clase. Para atar máis en curto ese adoutrinamento, e conseguir a neutralización dos que aínda así puidesen cuestionar a máis alta dirección, desbravaron unha retórica de campanario, aínda supoñendo un oprobio para cantos sofren a forzosa baixada aos infernos da crise.

Acristianan a teoría do medo e do sufrimento ata facer dela o argumento que con máis radicalidade xustifica unha reforma laboral que, analizada globalmente, queda a un tris de institucionalizar o despido libre. En véndose os traballadores tan ameazados, amedrentados e inseguros, dise na memoria económica que acompaña o texto presentado no Congreso, xurdirá o milagre. Retomarán o valor do esforzo, virtude que segundo os ideólogos do PP abandonaran os asalariados porque a desincentivou o reducidísimo risco de despido que existía até agora, o que segundo a ministra do ramo incrementará a produtividade e evitará a destrución de emprego, e mesmo a diminución das cifras do paro. Tamén pensan que con esa espada de Damocles colgando sobre as súas cabezas, os traballadores retomarán a virtude da submisión que, á parte de santificar a quen a practica como predicara Escrivá de Balaguer antes da súa sorprendente subida aos altares, tanto pode entenrecer o corazón solidario e patriótico dos empresarios.

A política mellor pagada de España, Dolores de Cospedal, que exerce simultaneamente e sen apenas distinción como presidenta da comunidade de Castilla-La Mancha e secretaria xeral da forza política que sostén o goberno do Estado, proclamara de praza en praza que era o PP e non o PSOE o verdadeiro partido dos traballadores. Como queira que posúe unha especialísima arte para mentir coa cara de non romper nunca un prato, e producíndose semellante aserto co goberno de Zapatero e co socialismo por el representado en caída libre, sen outra esperanza para milleiros de amedrentados cidadáns que a do cambio polo cambio, ese disparatado discurso calou en moita xente. Que ocupen e controlen a práctica totalidade da arquitectura institucional do Estado ten nesas circunstancias a súa principal razón de ser. Ora ben, a xente asalariada que entrou nese discurso e se deixou levar pola ilusión de experimentar con outros actores fórmulas de salvación excepcionais -velaí a indiferenciación ideolóxica ao votar- coñece xa en carne propia as consecuencias. A partir do mesmo 20-N o partido dos traballadores mutou no partido dos empresarios.

Tempos Novos nº178

O que a resolutiva Soraya cualificou de reforma laboral profunda e equitativa deixa os traballadores fóra de xogo fronte aos empresarios. Velaí a limitación da ultraactividade dos convenios colectivos, con prioridade para os de empresa, satisfacéndolles ademais a súa demanda de sempre: facilitar e abaratar o despido. Incluído o colectivo, o dos ERE, que non necesitará autorización previa. E aínda máis: o de carácter obxectivo non terá en conta os beneficios, senón o simple estancamento da produción. Será un coadoiro. Por iso está xustificada a folga xeral que se anuncia para o vindeiro día 29. Calar nestas circunstancias sería outorgar e lexitimar a deconstrución de dereitos que se asentaran como unha conquista do Estado de Benestar e da democracia. O que vai en contra dos grandes principios constitucionais.

Polo demais, detrás deste inverno de frustración e medo non albiscamos un contradiscurso que cando menos nos axude a comprender por que, pese ao que aseguran os Nóbel de economía, os expertos keynesianos e ata o sentido común, os recortes de antes e de agora, e as reformas financeira e laboral que entraron na axenda parlamentaria, seguen orientados exclusivamente polo dogma da austeridade, cada vez máis agresivo e inxusto, e non pola lóxica da incentivación económica, do emprego de calidade e do consumo. Co compromiso de non superar no 2013 o tres por cento do déficit, os dous próximos orzamentos non van traer máis que malas noticias. Empezando polas que despois das eleccións andaluzas e asturianas nos informen de onde sacará Rajoy os 35.000 millóns de euros que nos vai custar non superar para 2012 o 5,3 por cento do déficit. Xa puxeron Rajoy e Feijóo a venda antes que a ferida, anunciando que pese á que está caendo e pese ao que vai chegar despois de marzo teremos que seguir deconstruíndo dereitos e emprego. Sen que ofrezan un plan de choque que cando menos desacelerase esa escalada.

Ninguén pode sintetizar mellor as contradicións nas que está instalado o poder político que o xenial El Roto nunha das súas máis incisivas viñetas: “Se imos cara atrás, por que nos din que hai que mirar cara diante?” Na acelerada e agresiva contrarreforma iniciada polo goberno de Rajoy non hai practicamente nada que anime a desafiar o medo que transpiramos, o medo que nos mantén pexados. Pola contra, penetra en nós ata acabar fracturando a nosa condición social: en relación coa familia, co colectivo laboral no que estamos integrados, coa participación cívica a prol das causas xustas. E tamén a nosa fe na democracia, sometida como a teñen a todo tipo de trampas e estrañas componendas.

Son, en efecto, unha esixencia de Bruxelas, o FMI e o BCE. Estamos en Europa e hai concordancias ás que nos habemos de adherir. Pero isto non obriga a un goberno democrático como o de Rajoy, tan atado xa polos poderes internos da CEOE e a Igrexa, a esgotar a gobernanza e a xestión da crise nunha cega submisión a eses poderes. As reformas, por máis que as bailasen en Sevilla, non saen dese carril. Que é o dos mercados, non o da cidadanía e a democracia. Calar sería outorgar.