Sábado 27, Maio 2023
HomeOutros Unha distopía feita realidade

[Eólica mariña] Unha distopía feita realidade

por Torcuato Teixeira Valoria 

Alguén pode maxinar que o goberno alemán declare a guerra á súa industria do aceiro ou automobilística aínda sendo como son grandes emisores de CO2 directa ou indirectamente, ou que o goberno francés declare a guerra á súa poderosa industria vitivinícola? Distopías, non si? Pero mira ti por onde aquí temos o goberno español declarando a guerra a un sector estratéxico e esencial para o noso País, un sector que produce a proteína animal de menos pegada de CO2, unha proteína recomendable para unha dieta saúdable e de nula pegada hídrica tamén.  

Si, en Galicia temos aínda 52 buques de arrastre de fondo que traballan no caladoiro onde pretenden implantar a eólica mariña. Si, temos aínda máis de 3.700 embarcacións de artes menores, mais de 140 buques cerqueiros, e 21 volanteiros e outros tantos palangreiros de fondo. Si, aínda unha gran frota.  

Para darlle magnitude económica e social a todo isto, segundo o Instituto Galego de Estatística o sector vén sendo case o 2% do PIB da economía galega, cun impacto social de máis de 30.000 postos de traballo, case o 3% do emprego total no noso País.

En ningún país da UE a pesca e a acuicultura son tan importantes, e Galicia cumpre sobradamente os parámetros das que no seu momento se consideraron, a efectos de reparto das cotas, zonas altamente dependentes da pesca. 

Claro, isto fai que Galicia sexa un país singular no contexto europeo. En ningún país da UE a pesca e a acuicultura son tan importantes, e Galicia cumpre sobradamente os parámetros das que no seu momento se consideraron, a efectos de reparto das cotas, zonas altamente dependentes da pesca. Diferente é que cando ingresamos na UE dita consideración non nos fora aplicada, e dende aquela aí seguimos con esta anomalía que leva impedindo que Galicia dispuxera de cotas de pesca axeitadas á súa frota.  

E claro, en Galicia temos concellos como Ribeira, que máis do 32% do seu PIB débese á actividade deste sector, e concellos coma os da Pobra do Caramiñal, Illa de Arousa, Boiro, ou o Grove que superan o 20%. E que dicir da Mariña lucense con dúas vilas como Celeiro e Burela que son punteiras na pesca, e que viven tamén por e para este sector.  

A nivel de emprego relacionado coa produción, por cada millón de euros producidos o sector da pesca xera 12 empregos, 6 da propia actividade e 6 indirectos; si, son cifras apabullantes.

Pois ben, malia todo iso, o Consello de Ministros do goberno español vai e aproba o pasado 28 de febrero os Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM), e atrévese a reservar espazos no mar para a industria eólica mariña en zonas de pesca e en zonas de gran riqueza en biodiversidade. Atrévese a reservar nas augas deste País máis de 2.100 quilómetrosm cadrados , o 43% do total que se reservan nas augas españolas para estes espazos. 

Poderíamos pensar que, de reservar algún espazo, e dada a súa importancia a respecto do peso socioeconómico do sector pesqueiro e a indubidable riqueza das nosas augas, Galicia non sería precisamente a zona na que máis espazos se reservara, pero non. Todo o contrario.  

Os grandes lobbies enerxéticos viron nas nosas costas un gran pastel que repartirse, e marcáronlle ó goberno español as liñas de actuación, independentemente de que en Galicia se puxeran en risco o sector pesqueiro e os seus caladoiros de pesca. 

Os grandes lobbies enerxéticos viron nas nosas costas un gran pastel que repartirse. Viron boas zonas de vento que lles van producir grandes rendibilidades e dividendos ós seus accionistas, e marcáronlle ó goberno español as liñas de actuación, independentemente de que en Galicia se puxeran en risco o sector pesqueiro e os seus caladoiros de pesca. Nin Principio de Precaución, nin outras milongas, aquí hai negocio e hai que ir por el, e así podemos seguir especulando cun ben de primeira necesidade como é a enerxía, e que por enriba nos subvencionan.  

A información previa que se lle esixe ó Goberno 

O impacto socioeconómico é evidente tal como salientamos nos parágrafos anteriores, e o impacto nos nosos ecosistemas está por ver. Planificouse o establecemento de zonas para ser poxadas ás industrias das eólicas mariñas sen saber que stocks pesqueiros había nesas zonas, cal era a súa situación biolóxica, e como podían afectar estas estruturas ós nosos peláxicos, ás nosas campañas da sardiña, da anchoa, do bonito, do xurelo ou xarda, por exemplo.  

E por iso o sector, cada vez que se lle presenta un proxecto para os nosos mares, veu dicíndolle ó goberno español que nos opoñemos a calquera proxecto que non conte como mínimo coa información á que se alude e que concretamos deseguido. 

  • Cal é o impacto do cambio de hábitat nas fase de larvas, xuvenís e adultas das citadas especies asociados coa construción e operación desta instalación. Por caso: perda de hábitats de fondo duro e ondas de area debido á sedimentación e a erosión, a adición de hábitats de alto relevo ó redor das turbinas, a redistribución/desprazamento de hábitats importantes de desova, cría e alimentación… 
  • Cales son os impactos dos cambios na superficie marítima e os patróns de circulación do fondo mariño asociados co desenvolvemento desta instalación sobre os patróns de desprazamento e asentamento de larvas, por exemplo, na cabala ou a sardiña, ou en relación ós xuvenís de pescada con importante presenza na devandita zona.
  • Cales son os impactos dos cambios nos xurdimentos e os ciclos de produtividade que impulsan a produción de peixes, os procesos de turbidez e sedimentación que inflúen na estrutura do conxunto das especies e as interaccións tróficas.
  • Cales son os efectos físicos e de comportamento relacionados coas actividades de construción desta plataforma de enerxía eólica mariña. Por caso, actividades de alto impulso como a perforación de pilotes e a exploración sísmica, nas etapas de vida larval/ adulta das especies de peixes referenciadas. 
  • Cal é o impacto da fuga de enerxía electromagnética da instalación eólica mariña proxectada, incluídos os cables de transmisión no fondo mariño, nas especies de elasmobranquios, que utilizan campos electromagnéticos para navegar e cazar alimentos.
  • Información de se existe un maior risco de introdución de especies invasoras, tanto durante a fase de desenvolvemento como de construción do devandito parque. 
  • En canto ao aumento do ruído e a vibración asociados coa operación do desenvolvemento deste parque, así como o aumento do tráfico de embarcacións, unha resposta á pregunta seguinte:  implicarán un aumento da mortalidade de larvas de especies de peixes e invertebrados explotadas comercialmente, o desprazamento ou a interrupción dos patróns de migración e os comportamentos reprodutivos, a alteración da distribución das especies e as lesións ou a mortalidade de peixe na zona de afectación do devandito parque? 
  • Cales son as respostas adversas (ciclo de vida, funcións biolóxicas) das etapas larvaria, xuvenil e adulta das especies de peixes e invertebrados á posible contaminación dos desenvolvementos das turbinas eólicas deste proxecto (por exemplo, estruturas, pinturas, ánodos de sacrificio)?
  • Cales son os impactos nas diferentes poboacións de peixes e outros crustáceos e mariscos, tanto na zona de implantación dos parques como en augas menos profundas próximas á costa onde se leva a cabo o tendido de cables? 
  • Cales son os impactos sobre os xuvenís de pescada, dada a afectación a unha das principais zonas de presenza de xuvenís desta especie?
  • Que zonas lle constan ao IEO froito das diferentes campañas realizadas como zonas especiais de posta da sardiña, anchoa, xurelo, cabala e lirio, e que afectación podería ter a implantación dos parques sobre a devandita especie? 
 Galicia, Terra de sacrificio 

Son preguntas incómodas para o Ministerio para la Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, pero tamén moi necesarias, preguntas que debera haber contestado a Administración e que debería telas  presentes antes de proceder a reservar espazos nos nosos mares para estas industrias.  

Científicos de diferentes países europeos advirten da necesidade de saber como poden afectar estas estruturas ós ecosistemas marítimos en relación cos recursos pesqueiros, os mamíferos mariños e as aves, xa que a nosa costa é tamén un importante corredor para estas especies. 

Científicos do CSIC e de diferentes países europeos están advertindo da necesidade de saber como poden afectar estas estruturas ós ecosistemas mariños. E non só en relación ós recursos pesqueiros, porque tamén hai grandes dúbidas a respecto de como se van ver afectados os mamíferos mariños e as aves mariñas, xa que a nosa costa é tamén un importante corredor para estas especies.  

Pero claro, aquí a planificación do espazo mariño non se fai pensando no ben común e no interese xeral. Estamos ante unha planificación ditada polos oligopolios enerxéticos que, por suposto, pagarán despois estes favores como ben sabemos que se pagan a quen teñen tomado esta decisión política, que por enriba tentan vendérnola a prol da loita contra o cambio climático e a transición verde.  

Sacrificar a pesca galega e os seus ecosistemas para pagar favores futuros, e darlle o protagonismo da transición ós oligopolios enerxéticos en lugar de apostar polas comunidades enerxéticas, polo autoconsumo, por democratizar en definitiva o acceso a este ben de primeira necesidade, aínda é mais mezquiño se todo isto se fai asumindo como danos colaterais para Galicia a posible expulsión de buques dos seus caladoiros históricos, e a posta en perigo de ricos caladoiros de pesca e da rica biodiversidade que temos fronte ás nosas costas.  

O mellor da sociedade galega esta mobilizado contra as agresións ó noso territorio, por terra e por mar. O mellor desta sociedade vai defender que Galicia non volva ser Terra de sacrificio para beneficio de empresas nin asentadas no territorio, nin involucrados co desenvolvemento da nosa terra.  

Son as que por riba tentan vendernos milongas de miles de postos de traballo e outros manás que seica ao parecer caerán do ceo para estes indíxenas que vivimos na indixencia total por non apostar por este futuro luminoso; por non apostar por este novo capitalismo verde, que pretende perpetuar un modelo de sociedade e de economía incompatible co reto de asumir por fin que o noso planeta non é renovable, e que polo tanto o crecemento perpetuo debe pasar á historia. 


Torcuato Teixeira Valoria é Portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños.