Luns 6, Febreiro 2023
HomeOutros Xabier Vázquez Pumariño, biólogo e consultor ambiental

[Entrevista] Xabier Vázquez Pumariño, biólogo e consultor ambiental

 “Se o consumo total de enerxía non decrece, as renovables non solucionan apenas nada” 

 

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Veu estando vencellado ao movemento ecoloxista desde principios dos anos 80. Traballa desde hai tres décadas na conservación de especies ameazadas, no seguimento da fauna e flora, en procesos ecosistémicos, implantación de programas de sostibilidade e avaliación de proxectos. Foi asímesmo responsable de sentar as bases do turismo ornitolóxico en Galicia. Exerce, ademais, como consultor ambiental en eidos como os da ornitoloxía, o desenvolvemento sostible e a cooperación, tanto entre nós como en diferentes países latinoamericanos. 

 

texto Manoel Barbeitos

Un equipo internacional de investigadores liderado pola Universidade de Cambridge vén de alertarnos dun “final climático catastrófico” provocado por un quecemento global que pode desembocar nunha morbilidade e mortalidade humanas masivas. Tan mal están as cousas? 

En realidade non se están a ter en conta incluso outras cuestións. O quecemento global vai afectar ás colleitas, e a alimentación mundial depende finalmente de cinco ou seis áreas. Un fallo simultáneo, por exemplo, en tres delas traerá fame. Todo isto coincide ademais co pico dos combustibles fósiles, que non permitirá mesmo cultivar ou pescar, sexa cal sexa a escala da que esteamos a falar.  

Neste pasado verán volvemos padecer en Galicia unha nova praga de incendios. As estatísticas indican que temos menos incendios, pero máis extensos -con máis superficie queimada- e intensos. Que está pasando? Está este fenómenos relacionado co cambio climático? 

Simplificar cos incendios sempre sae mal, pero é obvio que hai unha relación estreitísima co cambio climático: temperaturas máis elevadas durante máis tempo e seca. Menos incendios pero máis superficie significa que os sistemas actuais poden controlar os pequenos, pero non as situacións realmente serias. De todos xeitos, os lumes son a consecuencia de determinadas políticas, a consecuencia última dunha serie de problemas, non o problema en si. 

“O de limpar os montes ou os bosques é un dos lugares comúns que xorden despois de cada incendio. Galiza ten máis de 29.000 km2 de superficie, e uns 20.000 deles son monte. Quen pagaría o consumo de combustible que se necesita ou as emisións de CO2 que se producirían? É o populismo desatado na súa peor expresión.”

Cada vez que hai un incendio xorden voces que opinan que os montes deben limparse. Ten isto algunha razón de ser? 

O de limpar os montes ou os bosques é un dos lugares comúns que xorden despois de cada lume. É unha sorte de eslogan populista que non ten razón de ser agás en puntos moi específicos. O primeiro que hai que salientar é que un monte está sucio se hai plásticos, rodas, entullos… Logo, cómpre distinguir o que é bosque ou hábitats naturais ou seminaturais do que son cultivos forestais. Un bosque é un ecosistema complexo no que o sotobosque forma parte del e dos seus procesos e ciclos bioxeoquímicos, é o que alberga biodiversidade e é o que chamamos natureza. O monte baixo é natureza tamén, e moitos dos hábitats baixo esta cualificación están protexidos sobre o papel pola UE. Os cultivos forestais son outra cousa, e aí cada propietario ou empresa que o xestiona entenderá que é o mellor para o seu cultivo, o mesmo que un agricultor entende o que é mellor para o seu campo de repolos. 

Sorprende escoitarlle dicir que esa maneira de buscarlle solucións aos incendios forestais é unha postura populista… 

Cando se fala de “limpar” quérese dar a entender que as administracións teñen que facelo ou, como mínimo, obrigar a facelo. Porén, supoñamos que nos planteamos executalo… Galiza ten máis de 29.000 km2 de superficie, e uns 20.000 deles son “monte”. Pode alguén imaxinar os recursos que habería que empregar para limpar esa superficie? Quen pagaría tamaña barbaridade? Quen pagaría o consumo de combustible que se necesita ou as emisións de CO2 que se producirían? Xa que logo, serviría para algo? Simplemente é o populismo desatado na súa peor expresión. 

A Fundación Franz Weber cifra en 250.000 os animais mortos -gando, cans, gatos, roedores, aves…- como un dos efectos colaterais dos incendios. Algo do que non se fala. É tan grave o impacto dos incendios forestais na vida animal? 

A cifra dada pola “fundación da que Vd. me fala” é unha cifra completamente arbitraria. Os exemplos citados son só de vertebrados. Aventurar cifras deste tipo é facer populismo con números. É incuantificable. En calquera caso, non só hai que considerar as mortes directas, senón que o deterioro dos hábitats supón un impacto tremendo sobre todos os ecosistemas e os seus compoñentes. Por outra banda, depende do que arda. Os cultivos forestais intensivos ou industriais teñen unha biodiversidade moi baixa, polo que non son equiparables os lumes noutros lugares e medios.  

Entre a xente do mar medran as queixas sobre o impacto que os incendios teñen sobre o cultivos mariños por mor dos arrastres de cinzas que as augas interiores conducen deica as rías. Que hai de certo nisto?  

Máis que polas cinzas, que obviamente poden ter un impacto puntual, o que está documentado en Galiza é a contaminación por hidrocarburos no medio mariño como consecuencia dos incendios forestais terra adentro. De todos modos hai moito que matizar co tema das cinzas, porque moitas delas simplemente acaban en diferentes encoros. Logo quen xestiona os encoros posiblemente desembalse auga en diferentes momentos. É un tema máis complexo do que parece. En calquera caso, os danos no medio mariño son unha externalidade máis que provocan  determinadas políticas territoriais. Externalidades, por certo, que non teñen que pagar aqueles que si sacan beneficio das decisións tomadas co territorio.  

Veñen de fracasar as negociacións que tiñan lugar na ONU destinadas a alcanzar un acordo internacional de protección dos océanos. Greenpeace sinala que “será complicado cumprir o obxectivo de protexer o 30% das áreas oceánicas para o 2030”. Que nivel de gravidade ten este fracaso?  

Os mares no seu conxunto están a día de hoxe sobreexplotados, moitos gravemente. Teñen ademais outros problemas como a contaminación crecente e a acidificación como consecuencia do cambio climático. A protección dos mesmos é indispensable dado que non somos capaces de parar o nivel global de depredación ao que os sometemos.  

Cada ano aparecen máis toneladas de peixes mortos, na maioría dos casos por falta de oxíxeno -aí temos por caso o Mar Menor-. Os expertos consideran que 245.000 k.c. dos océanos xa se poden considerar como zonas mortas (ONU). Que está pasando? Por que e como se podería evitar esta catástrofe?. 

É gravísimo. Simplemente son áreas que non teñen oxíxeno como consecuencia da eutrofización, que á súa vez está provocada polo emprego masivo de fertilizantes para a agricultura. Pode solucionarse deixando de empregar fertilizantes masivamente. Co teito dos combustibles fósiles e a oferta minguante de enerxía, cada vez van ser máis caros e escasos. Ironicamente, o declive da civilización humana mellorará estes ecosistemas. 

Non son poucos os agricultores e gandeiros que subliñan que o cambio climático está provocando cambios meteorolóxicos (sarabiadas, xeadas, vendavais, secas, choivas torrenciais, furacáns…) que provocan cada vez maiores destrozos nas explotacións. E que a cousa vai a máis. Por que? 

O cambio climático trae como consecuencia o que podemos chamar caos climático. É mera física: simplemente hai moita máis enerxía na atmosfera e o clima do Holoceno está deixando de funcionar tal e como o coñeciamos.  

Se o campo está sendo vítima do cambio climático, tamén parece que determinados tipos de actividades agrarias aportan o seu impacto. Por caso, estamos vendo na provincia de Ourense como a calor e a seca están deixando ao descuberto nos pantanos o efecto contaminante dos xurros das macrogranxas. Como impactan as macrogranxas?  

A agricultura e a gandería son desde o neolítico as actividades que máis impacto teñen sobre o planeta, ata tal punto que “consumen” o 38% da superficie terrestre. A turbo-industrialización de ambas actividades supón un impacto meirande debido ao input de enerxía fósil que ten como consecuencia máis consumo de superficie, monopolizar a produción primaria, máis consumo de auga e un incremento dos residuos. As macrogranxas impactan a todos os niveis. Podemos continuar coas emisións de CO2 no transporte de toda a cadea de ensumos e distribución e por suposto nos residuos, que acaban tarde ou cedo na auga. A nivel socioeconómico destrúen as explotacións máis pequenas, xeran menos traballo e acaban coa desfeita do rural.   

“O caso da balsa de Alcoa en San Cibrao é moi rechamante e supón un gran risco. Todo o fiamos a que non pase nada. Pero non podemos esquecer que outro polo industrial é o de Ence, na ría de Pontevedra, e todo o mundo coñece como está a situación. Nin moitas outras industrias medianas que efectúan verquidos de todo tipo.” 

En Galicia temos o caso de que non só son os residuos gandeiros os que provocan impacto na natureza, senón tamén os industriais. Así, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) avisa da inseguridade que presenta a balsa de lodos vermellos da factoría de alúmina de Alcoa en San Cibrao. Como está a situación dos residuos industriais en Galicia? 

O caso da balsa de Alcoa en San Cibrao é moi rechamante e supón un gran risco. Todo o fiamos a que non pase nada. Pero non podemos esquecer que outro polo industrial é o de Ence, na ría de Pontevedra, e todo o mundo coñece como está a situación. Menos coñecidas son situacións de industrias medianas por todas partes que efectúan verquidos de todo tipo, algúns pouco controlados, outros mellor. 

O quecemento climático xa é un feito que non ten discusión. En xuño, a AEMET -Axencia Estatal de Meteoroloxía- alertaba dunhas temperaturas extremas, sen precedentes -que este ano estamos tendo a segunda onda de calor máis prematura da historia.  Outros científicos (CSIC) avisan, pola súa banda, de que este verán que pasou posiblemente sexa dos máis frescos no que nos queda de vida. Tan grave é a situación? Seguirán as ondas de calor? 

Abonda con ler os informes do IPCC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático). Parece que non o fai moita xente. Unha das cuestións que chama a atención é que a realidade adianta as súas previsións lustro a lustro. Non me atrevo a chamar a isto “situación”, máis ben habería que chamarlle “futuro”. As ondas de calor seguirán, e serán máis, máis serias, máis longas.  

Científicos do CSIC avisan tamén de que “Europa seca” -o 60% da superficie europea atópase en risco de seca e a Península Ibérica na súa totalidade atópase en alerta de desertización-. Que está pasando? 

A situación actual é da que se leva falando dende hai varias décadas. Non debera ser unha sorpresa para ninguén. Non se trata de compartir ou non o aviso: simplemente a ciencia discútese con ciencia e nisto hai consenso.  

A Comisión Europea afirma que a actual crise enerxética, cunha suba descontrolada dos prezos, vén provocada pola guerra de Ucraína. Co gallo de facer fronte a esta crise, vén de etiquetar o gas e a nuclear como enerxías verdes, equiparándoas así ás renovables. Ao tempo, parecera que Bruxelas estea turrando das enerxías máis contaminantes e relaxando o control das emisións. Que opinión che merecen estas decisións? A que poden obedecer e que consecuencias traerán? 

Parte dunha postura negacionista: non é unha “crise”, senón o devalo enerxético do que se vén advertindo tamén desde hai moitas décadas; aí están os informes da Axencia Internacional da Enerxía para quen queira lelos. Simplemente, é o teito dos combustibles fósiles ou peak oil. A guerra de Ucraína o único que fai é precipitar a situación. Polo tanto, achacar a esta guerra a situación é negacionista ou infantil, ou ambas cousas. O da UE con isto: é unha cesión (anticiencia, antidemocrática) ao loby fosilista e nuclear. As consecuencias xa as estamos a ver. Por exemplo, non hai gas, e Francia agora mesmo produce 1/3 do total que podería producir coas súas 56 plantas nucleares, así que os demais estamos mantendo este país enerxeticamente. A consecuencia é atrasar a posta en marcha doutras medidas como por exemplo consensuar e programar o decrecemento.  Resulta tan pueril como deshonesto: se se chegara á conclusión de que se necesita empregar gas e nuclear, pois dise claramente, pero non por chamarlles verdes ou coloradas vai cambiar a realidade do que son, nin a nosa realidade enerxética.   

En Galicia a implantación de parques eólicos está sendo moi contestada por unha ampla maioría de cidadáns, organizacións sociais e políticas, e por concellos, que esixen para estas concesións unha planificación previa. Está xustificado este rexeitamento condicionado? 

Daría para varios cuestionarios monográficos. É un tema extraordinariamente complexo que se aborda xeralmente dende a simpleza. O principal coa enerxía non é poñer o foco na cabeza (a produción) senón na cola (o uso ou o consumo). Por moito que actuemos na cabeza, non solucionamos o conxunto. En termos xerais (con moitos matices, por suposto) o incremento da enerxía renovable só serve para cubrir o aumento da demanda. É dicir, se o consumo total non decrece, as renovables non solucionan apenas nada. Poñer o foco na cabeza, a produción, convénlles ás grandes corporacións enerxéticas e, lamentablemente, aos que fan seguidismo delas: unha boa parte da clase política (por avaricia en ocasións, por ignorancia na maioría dos casos). Por outra banda, cométese o mesmo erro que con outras fontes de enerxía: pasan de ser unha solución a ser un problema, basicamente porque se fai un desenvolvemento intensivo, non extensivo. O que quero dicir é que outros modelos son posibles. Pero volvemos ao que xa dixen antes: non interesan ás grandes enerxéticas.  

E os impactos son tan fortes como se denuncia? 

Os impactos son tremendos. Desde a perda de biodiversidade, paisaxe, diminución da calidade de vida (hai que lembrar que onde se implantan eólicas se incrementa a taxa de suicidios), contaminación acústica… É un tsunami que modifica a peor todos os aspectos do territorio. Por iso hai que ir con pes de chumbo e pensar o que se fai con moito detemento, non poñer o territorio ao servizo de intereses moi concretos, ou pedirlles un par de informes e adiante. Tamén é certo que hai lugares nos que, polo seu deterioro ambiental previo, poñer eólicos pode resultar pouco impactante. 

“É posible a redución da demanda enerxética? O que non é posible é seguir igual, ou pretender incrementala. Se o facemos de xeito planificado, consensuado, e atendendo aos máis altos estándares democráticos, iso chámase decrecemento. Se nos deixamos ir sen máis, chámase colapso, e a súa consecuencia é o ecofascismo.” 

Dennis Meadows afirma que as renovables son unha alternativa moi importante, pero que non poden aportarnos a cantidade que nos ofrecen os combustibles fósiles, polo que non hai outra solución que unha redución drástica das nosas necesidades de enerxía. Coincides con este diagnóstico? Ves posible a súa plasmación? 

Pois é que é unha evidencia. É o muro de realidade co que se choca. A substitución das fósiles por electricidade é simplemente inviable. Por exemplo, non hai materiais para extraer no planeta que permitan un cambio. De existir, o costo en emisións para a súa extracción precipitaría un punto de non retorno catastrófico a nivel climático. Hai un concepto, non moi popular, que é o de densidade enerxética. Nada ten a densidade enerxética dun simple litro de gasolina. Facerse trucos ao solitario non é compatible cun ser intelixente. É posible a redución da demanda? O que non é posible é seguir igual, ou mesmo pretender incrementala. Se o facemos de xeito planificado, consensuado, e atendendo aos máis altos estándares democráticos, iso chámase decrecemento. Se nos deixamos ir sen máis, chámase colapso, e a súa consecuencia é o ecofascismo. 

Hai conciencia social en Galicia sobre todos eses riscos e sobre a necesidade de atoparmos alternativas sostibles, non destrutivas? 

Cando en Galiza se fala de medio ambiente, chama a atención que o asunto da biodiversidade ou non está presente ou é mínimo. Creo que somos unha sociedade biofóbica en xeral. Neste aspecto, o uso que facemos do territorio foi lamentable: desde ter a súa maior parte cuberta por especies exóticas invasoras pirófitas ata o urbanismo megadisperso cun altísimo custo ambiental. Ambos dependen dunha altísima inversión en enerxías fósiles, co que recomendo volver ao inicio da entrevista para entendelo.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]