Venres 22, Setembro 2023
HomeOutrosENTREVISTA JUANJO LÓPEZ DE URALDE

ENTREVISTA JUANJO LÓPEZ DE URALDE

“Galicia é a comunidade autónoma onde se localizan as maiores emisións de gases contaminantes para á atmósfera”

ENTREVISTA
JUAN JOSÉ LÓPEZ DE URALDE, Greenpeace

– Os datos sobre os niveis de dióxido de xofre (SO2) na atmosfera ou do pH da choiva dependen en grande medida do momento do ano no que se fagan as medicións. Sen embargo, tendo en conta os datos medios dos últimos anos, ¿cal é o nivel de emisión de SO2 que Greenpeace atopa no estado español?

–A nivel estatal, España é o terceiro país en cantidades de dióxido de xofre emitido á atmosfera, só superada pola Alemaña e polo Reino Unido. Estes son os datos oficiais, sen embargo nós tamén consideramos parámetros como as inmisións per cápita e a súa relación con PIB do país. Estes factores sitúan a España á cabeza dos estados máis contaminantes de Europa. Incluso o estado español ten un forte carácter exportador de substancias acedas a outros países. Dende Greenpeace ciframos nun 36 por cento os contaminantes que se precipitan sobre o solo español, nun 45 por cento sobre mar e nun 19 por cento o que se exporta a Francia e Portugal.

–Dentro do carácter negativo destes datos para a saúde do medio natural, ¿cómo é a situación de Galicia?

–Os informes do Organismo para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) sitúan a Galicia como a comunidade autónoma onde se localizan unha maior emisión de gases contaminantes á atmosfera, seguida de preto por Asturias.

­–¿De onde proceden as principais emisións perniciosas para o medio ambiente?

–Tanto os estudios realizados por Greenpeace como as investigacións publicadas polos distintos organismos oficiais amosan que a central térmica de ENDESA das Pontes é unha das fontes máis importantes en España na emisión de dióxido de xofre á atmósfera, seguida de preto por outra térmica da mesma compañía en Teruel.

–¿Estes datos poden dar lugar á alarma social?

–Sen dúbida ningunha, polos efectos do dióxido de xofre sobre a saúde humana e vexetal. Ademáis, as emisións de SO2 poden limitarse doadamente porque existen os medios tecnoloxicos para facelo, como o cambio no combustible das térmicas, a desulfuración do lignito que empregan ou a utilización de filtros que reduzan a cantidade de contaminantes que chega á atmosfera. É un problema tecnoloxicamente solucionable e que non se pode comparar co do dióxido de carbono (CO2) que tanto se debatiu o pasado mes en Quioto. As reduccións de CO2 implican un menor consumo enerxético, tema onde o propio cidadán pode intervir de xeito significativo. Sen embargo, o cidadán non pode actuar sobre o SO2 e o goberno español non fai nada ó respecto. Por iso, España e Galicia están á cabeza de Europa nas emisións de dióxido de xofre.

–¿Cómo valoran os compromisos de reducción de SO2 adoptados polo estado español?

–España comprometeuse a reducir as súas emisións de SO2 nun 37 por cento para o ano 2003, pero iso é algo que de momento non se está a cumprir. É unha cuestión que lle compete ó goberno español, que debe cumprir os seus compromisos internacionais e obrigar as industrias a cumprir os acordos. A industria non pode seguir obviando como ata o de agora os problemas ecolóxicos que se derivan da súa actividade.

–Hai empresas que aseguran cumprir coa normativa e que destacan a súa colaboración nas investigación científicas para a detección, determinación e resolución dos efectos da súa actividade industrial…

–Nós sabemos que teñen un conocimiento total sobre os efectos perniciosos da súa actividade no entorno físico pero non adoptan medidas de control para evitalo.

–Medidas que precisan inversións moi elevadas…

–Non creo que sexa só un problema económico senón de falta de conciencia ecolóxica por parte dos seus responsables.

–O dióxido de xofe, despois de reaccionar cos compostos fotoquímicos e catalíticos da atmosfera nun período de 3 a 5 días, ¿que efectos produce ó depositarse na biosfera?

–O impacto máis importante dase nos bosques autóctonos. Greenpeace calcula que un de cada tres bosques está enfermo pola conxunción de diversos problemas atmosféricos dos que a choiva aceda é un dos factores máis significativos. Un claro exemplo é o Maestrazgo, en Castelló, onde a relación de causa-efecto entre a choiva aceda e a enfermidade das árbores está probada. En Galicia a perda de bosques autóctonos tamén ten outro gran inimigo como é a política de repoboación con eucaliptos.

–Sen embargo, dende a Administración aponse que non están probados os efectos perniciosos das emisións de dióxido de xofre.

–Realmente nestes temas hai moita controversia. Pero existen casos absolutamente probados. Hai quen di que determinados niveis de acideza teñen un forte impacto sobre a vexetación. Pero hai que ter en consideración a conxunción de distintos elementos contaminantes como o ozono troposférico, que é fototóxico, as deposicións húmidas, as emisións de CO2, a mobilidade dos metais no solo e a súa capacidade de absorción… Todos estes factores inflúen no medio ambiente aínda que as distintas investigacións aseguren que un inflúe e outro non. Sabemos que a choiva aceda ten un impacto negativo e que afecta a vexetación. Se ademais se xunta cunha situación de estrés provocada por unha seca coma a do ano pasado, a vexetación vólvese máis débil e pode producirse a súa morte.

–A choiva aceda tamén ten unha influencia directa sobre o patrimonio histórico…

–Este problema non está cuantificado en España, pero é claro que a choiva afecta ó mobiliario urbano e, en especial, ó patrimonio histórico. De feito hai estudios sobre a catedral de Uvieu que demostran que a contaminación atmosférica afecta de xeito moi grave a súa conservación. A choiva aceda ten un forte impacto sobre o patrimonio histórico e inflúe na degradación tanto dos edificios, que reciben unha deposición directa, coma dos cadros.

–¿Qué solución propugnan dende Greenpeace?

–As emisións de SO2 teñen que desaparecer totalmente porque non hai problemas técnicos que o impidan. Se as empresas non o queren solucionar, dende o estado debe haber un cambio na lexislación que obrigue as industrias a facer esas reduccións. Iso nun principio. No futuro hai que ir máis alá e propugnar unha sociedade na que teñan unha maior presencia as enerxías renovables como a eólica ou a solar para non ter que depender tanto da combustión do carbón ou do petróleo, principais fontes de contaminación.

Esta entrevista forma parte do traballo de investigación sobre chuvia aceda publicado no número 8 da revista TEMPOS NOVOS en xaneiro de 1998