A gran banca, os grupos exerxéticos e as construtoras non poden seguir abducindo ao Estado
texto Manoel Barbeitos
A pandemia está acelerando unha crise sistémica con grandes movidas. Unha das máis sonadas ten lugar no sistema bancario español coa anunciada fusión de Caixabank e Bankia. Que reflexión che merece este proceso?
Teño escrito en Tempos Dixital que é un disparate que empeora a competencia e a concentración xa excesiva en España. Tamén crea un novo banco sistémico en España, agora xunto co Santander. Deses demasiado grandes para deixalos caer. Os neoliberais (do BCE, do Banco de España, etc.) son así. Moito mercado e risco moral para os demais, e viva o oligopolio e o diñeiro público –desgravacións fiscais incluídas- para min.
O BCE ao través do su vicepresidente Luis de Guindos afirma que estas fusións son non só necesarias senón inevitables no entorno económico creado pola COVID-19. Outro tanto vén de afirmar a vicepresidenta Calviño. Compartes esta opinión?
Creo que están pensando en situarse ben para rescates nunha probable crise financeira. O Banco de España di no seu último informe sobre o impacto da COVID-19: “un elevado volumen de quiebras empresariales originaría un aumento de la morosidad crediticia, con implicaciones adversas para la capacidad de intermediación de las entidades financieras”. Adversas aquí é falar de insolvencia, e daquela, de que te rescaten.
Sorprendentemente, o Banco de España denunciou non fai moito tempo os riscos e perigos que para o negocio bancario teñen as fusións ao facilitar rendas de monopolio ou oligopolio e lesionar a competencia. Son un perigo para a competencia?.
En España, a concentración dos cinco maiores controla máis do dobre de cota de negocio que en Alemaña. O sensato para desfacer ese oligopolio é facer que, por exemplo, Kutxabank teña presencia en Andalucía ou Galicia. Ou Abanca fóra de Galicia. Ou Liberbank. En vez de absorbelas por outros.
[…]
Que impacto esperas que teñan estas fusións no mercado bancario e de crédito galegos?
Pois espero que Abanca non sexa absorbida por un dos tres grandes, e daríalle a benvida a unha expansión de Kutxabank (que inviste case todo o seu beneficio en obra social) por estes pagos. E viríanos ben que Xunta e Concellos nos explicasen con quen operan e a cambio de que. Estaría ben que cooperativas de creto e caixas rurais conformasen co IGAPE un instituto de creto sen ánimo de lucro. Cousa que xa é, de facto, Kutxabank.
[…]
Terapia de shock en España e na UE
A recesión da que se fala é tan profunda que fai tambalear dogmas económicos que ata o de agora parecían estar escritos en pedra. Pensas que o abandono por caso dos obxectivos fiscais fixados no PEC será temporal, ou acadará formas definitivas? Será suficiente para iniciar a desexada recuperación?
Se hai vacina ou tratamento, o abandono será temporal. O neoliberalismo campa as súas anchas en Bruselas e no mundo que eu chamo Chimericano. A recuperación do crecemento do PIB pode darse cun acelerado proceso de exclusión social. A tecnoloxía en mans do 1% permite que así sexa.
Un dos dogmas europeos que se deixaron temporalmente de lado é o do financiamento das débedas. Agora tamén se acepta o financiamento común dunha parte das mesmas, algo parecido á súa mutualización. Como avalías estes cambios? Son oportunos? Terán continuidade e serán ampliados?
Non debe confundirse a mancomunización dun préstamo (o que se aprobou) coa mutualización da débeda pública. A ortodoxia ordoliberal alemá non o permitirá na eurozona. Eles creen a cegas na disciplina dos mercados financeiros, das calificadoras e da prima de risco. O orzamento europeo non é federal, e o BCE non é a Reserva Federal dos EE.UU.
Como avalías as medidas que vén tomando o goberno bipartito en España para facerlle fronte ao impacto da pandemia sobre o sector privado (empresas, familias….) que está sendo duramente castigado?
[…]
Terapia de shock en Galicia
Pensando en Galicia: tendo en conta os déficits que se puxeron en evidencia coa pandemia, e que seguen formando parte das reivindicacións de sanitarios (sanidade) e comunidade educativa, que entendes que sería prioritario urxir de quen ten as competencias, o goberno galego, para poñer eses dous sectores básicos a salvo de futuras emerxencias?
No ensino, a presencialidade con precaución debe contar con máis aulas e máis profesores, e con espazos de uso común polivalentes. Nas residencias de maiores o modelo debe ser público, de tamaño menor e con marxe de folgura ante shocks. No SERGAS hai que rachar cunha “optimización” que en cada onda anual de gripe xa colapsaba as urxencias. A produtividade e a eficiencia teñen como trastenda o deterioro do servizo.
A pesar das insuficiencias informativas, parece haber coincidencia en que coa pandemia e as súas consecuencias se disparou a violencia de xénero. Como explicas isto, como poñerlle freo?
A violencia de xénero … e as mortes indignas dos nosos maiores …, que na súa maioría son mulleres tamén. Unha crise de saúde pública fai aboiar todas as exclusións sociais que andan agochadas tras do consumismo rampante.
En plena pandemia, Galicia celebrou unhas novas eleccións autonómicas que fixeron aínda máis ampla a maioría absoluta do Partido Popular e confirmaron o liderado de Alberto Núñez Feijóo. Tendo en conta o sucedido e tamén as circunstancias socioeconómicas actuais, en que direción terían que ir os discursos e as propostas de acción política para que se poidera acabar producindo unha alternativa real de goberno?
Na miña opinión, en Galicia hai unha maioría alternativa xa nas cidades e vilas que só por unha lei electoral, na que os votos non valen o mesmo en cada provincia, permite a actual maioría do PP&Baltar no Parlamento. Se se evitase que o PSOE perdese aceite das xerais ás autonómicas, unha proposta federal e non neoliberal tería que ser acordada co actual BNG.
[…]
Pode ler esta entrevista completa no número de outubro da revista TEMPOS NOVOS.