[Entrevista] Carlos Barros, historiador

| Outros

“Estamos en vías de superar a visión historiográfica derrotista”  

 

texto Manoel Barbeitos Alcántara foto Fernando de Paz 

 A túa condición actual de historiador non pode ocultar que antes da túa entrega á investigación e á docencia dedicaches moitos anos ao activismo político. Antes e despois da caída da ditadura franquista, cun papel de coprotagonista na toma de decisións como directivo do Partido Comunista. Un non pode se non empezar por preguntarche cando, como e por que fixeches esa transición entre a militancia e a academia?.  

Dedicarse á política antes e despois da transición foron cousas ben distintas. Requiriu diferentes protagonismos. Na clandestinidade, fóra do Réxime, a política supoñía un gran risco, primaban por tanto máis os ideais que o desexo de facer unha carreira política; o que só foi posible en democracia, por certo. Só unha minoría dos que estivemos de xeito destacable na loita antifranquista tiñamos realmente o que hoxe chamamos “vocación política”. Conquistadas a democracia e a autonomía de Galicia, considerei que podía ter xa unha vida familiar e profesional normais. Volvín á universidade, cambiando de carreira da enxeñaría á historia. En 1988 deixen a política orgánica para redactar a tese de doutoramento na USC sobre a tradición oral dos Irmandiños de 1467 a 1674. Parecíame máis importante que o que eu podía aportar naquel intre na política. 

Entendérono ben cantos e cantas te acompañaran ata entón no desempeño das responsabilidades que se che encomendaran durante os anos de militancia e dirección política dentro do partido?  

“Resulta escandaloso que, catro décadas despois, Galicia sexa unha das poucas Comunidades Autónomas que non fixo reforma algunha no vello texto estatutario de 1981, nin sequera meras actualizacións obrigadas polo paso do tempo”. 

Nos anos 80, o PCG ficou moi debilitado en resultados electorais (nas xerais de 1981, o 1,55 %, e nas autonómicas dese ano, o 2,8 %) e tamén en militancia. A ruptura entre Santiago Carrillo e o PCE en 1985 comportou en Galicia a perda da maioría de militantes e parte dos dirixentes en Vigo e Ferrol, algúns deles meus amigos, que despois pasaron ó PSOE. Coido que eu fun o penúltimo membro do núcleo dirixente clandestino do PCG que o deixou. Houbo que esperar logo ós anos 2000 a que xente moza reflotara o PCG-EU cunha nova e venturosa política de alianzas con sectores do nacionalismo galego, o  que deu lugar a  Alternativa Galega de Esquerdas (24 % nas autonómicas de 2012), primeiro, e En Marea (19% en 2016), despois. 

Implicáchete na redacción e posterior defensa do Estatuto de Autonomía como dirixente que eras do PCG. Como recordas aquel tempo?  

A democracia e a autonomía non caeron do ceo, como pensan algúns. O factor decisivo do logro do Estatuto galego de Autonomía, en 1981, foron as impresionantes mobilizacións sociais dos 4 de Nadal de 1977 e 1979, nas que o PCG xogou un papel central, como é sabido. Eventos sociais que fixeron posible que Galicia foxe recoñecida como nacionalidade histórica e accedese á autonomía pola vía preferente do artigo 151 da Constitución, con similares graos de autogoberno que as outras dúas nacionalidades históricas, Cataluña e Euskadi. No referendo houbo unha participación  cativa, así como escasa confianza daquela entre os galegos de que a autonomía funcionase e servise para mellorar a súa vida. Corenta anos despois o balance é ben positivo, mais queda dabondo camiño por recorrer.  

Xa como historiador, e como analista do acontecer, consideras que o actual Estatuto de Autonomía precisaría cambios en profundidade para responder mellor ás necesidades de hoxe en día? 

No PCG histórico reivindicabamos o Estatuto do 36 e viamos na autonomía un paso sobranceiro cara un Estado federal; coido que tamén estaban nisto sectores do PSdeG-PSOE. O camiño era, e é, a reforma dos estatutos. Resulta escandaloso que, catro décadas despois, Galicia sexa unha das poucas Comunidades Autónomas que non fixo reforma algunha no vello texto estatutario de 1981, nin sequera meras actualizacións obrigadas polo paso do tempo. A Xunta do bipartito PSdeG-PSOE e BNG intentouno en 2006, pero o PP de Galicia opúxose ó cabo. O Estatuto require que dúas terceiras partes do Parlamento Galego aproben calquera reforma. Precisaríamos xa que logo dunha nova maioría de esquerdas, pero tamén dun PP menos radical e centralista. Axudaría que Cataluña retomase o Estatuto de 2006 que botou abaixo un Tribunal Constitucional ultra conservador que vén de ser reformado. 

Pero o teu campo de estudo e análise céntrase desde a túa entrada na academia nun pasado histórico de séculos. E o que ata agora tes publicado aporta claves interpretativas certamente innovadoras. Recentemente tes participado en distintos actos sobre os Irmandiños nos que explicas a túa visión deste fenómeno histórico. A que deben o seu nome? Cal foi a orixe do conflito, do malestar social?  

Decidinme pola Historia Medieval en lugar de Historia Contemporánea para non seguir co mesmo que estivera facendo relacionado co PC e o movemento obreiro. Por outro lado, dende neno gustaba dos tebeos do Guerrero del Antifaz, El Jabato y Capitán Trueno. Estaba ademais o meu interese pola identidade histórica galega, cuxa clave está na Idade Media. Por influencia do marxismo, e da miña propia experiencia nos movementos sociais, elixín pescudar unha gran revolta social cun enfoque de historia das mentalidades, por influxo da escola de Annales. Ata ese momento, os Irmandiños eran máis citados e interpretados que investigados a partir de documentos e fontes históricas. Utilicei ante todo o Preito Tabera-Fonseca con 204 declaracións de testemuñas que participaran, viran ou ouviran falar, na casa ou na aldea, do levantamento da Santa Irmandade de 1467. Proporcionáronme datos e estados de ánimo que contradicían patentemente ó nobiliario de Vasco de Aponte, contrario ós Irmandiños. Estando niso, Manuel Rivas fíxome unha entrevista para o Diario de Galicia que logo titulou: “Os Irmandiños non foron derrotados, fronte ó que di a historia oficial”.  

Cal é o argumentario que refrenda esta idea? 

O nome afectuoso de “irmandiños” (que tanto contribuíu a súa popularidade) é unha tradución por libre do termo “hermandino” no tempo das Irmandades de Fala. A orixe da revolta irmandiña é consecuencia, en última instancia, da crise europea do feudalismo que reduce grandemente os ingresos dos señores feudais, que reaccionan facendo malfeitorías para incrementalos. Fórmase en Galicia de seguido unha nova nobreza que transgride o código cabaleiresco, inducindo un sentimento acumulado de agravio ó longo dos anos que estoupa na primavera de 1467. O movemento insurreccional dá lugar á primeira Xunta de Galicia,  que gobernou o Reino de forma case que independente entre 1467 e 1469. 

Quen foron os auténticos protagonistas destas revoltas? Foi unha loita entre vasalos e señores?  

“A revolución irmandiña foi unha vitoria dos vasalos contra os señores. Ademais dunha inédita alianza campo-cidade en todo o Reino para conseguilo. En suma, unha mobilización armada de toda a sociedade contra os señores das fortalezas”. 

A revolución irmandiña foi, máis que nada, unha vitoria dos vasalos contra os señores. Dicían popularmente que os gorrións corrían tras os falcóns. Roi Vázquez, clérigo compostelán, escribía en 1468 que os señores ficaran espidos como viñeran ó mundo, sen terras e sen vasalos. Tamén foi unha rebelión dos pequenos e medianos contra os grandes, tanto na orde nobiliaria (fidalgos e cabaleiros segundoxénitos ou agraviados) coma na orde eclesiástica (clérigos e cabidos catedralicios).  Ademais dunha inédita alianza campo-cidade en todo o Reino. Tratouse, en suma, dunha mobilización armada de toda a sociedade contra os señores das fortalezas, acusados de malfeitores.  

Con protagonismos moi diversos, non? 

Cun protagonismo coral e complexo,si. E cun reparto dos papeis a xogar por cada clase, estamento ou grupo social. A burguesía urbana, e asimilados, exercía, ou pretendía exercer, unha sorte de dirección política: demandaron a extensión da irmandade a Galicia e tiñan contacto con El-Rei. O campesiñado, que constituía a maioría social, foi decisivo na fase insurreccional, e o derrubamento de todas as fortalezas, indo máis alá do acordado na Xunta de Melide (tomar o control dos castelos, soamente). Os cabaleiros irmandiños dirixiron os exércitos irmandiños, sobre todo nas batallas campais. Escribáns e clérigos forneceron ideas e mentalidades en temas cruciais como o sentimento de xustiza ou o providencialismo do movemento. As igrexas-catedrais distinguíronse polos aportes económicos á arca da Santa Irmandade. Todo isto dunha maneira máis ou menos espontánea e pragmática, probada nas revoltas locais anteriores que serviron de ensaios. No século XV galego non existían, como na época contemporánea, clubs, asociacións, partidos ou sindicatos. Tampouco seitas, sociedades secretas ou vangardas revolucionarias.  

E como se entende entón esa capacidade mobilizadora? 

Todo se facía publicamente nos ámbitos relativamente reducidos dos concellos e parroquias, urbanos e rurais. Transmitíndose entre eles noticias e experiencias oralmente, por proximidade ou contaxio, léndose en asembleas as cartas irmandiñas arrincadas a un Rei afastado, cuxo nome descoñecía a maioría iletrada pero máis que preparada para a acción revolucionaria xusticeira, antiseñorial e antifortaleza.  

Como remataron esas revoltas? Que legado deixaron na sociedade e na historia de Galicia, por caso a súa mentalidade xusticieira?  

Imaxe e realidade: os irmandiños derruban a práctica totalidade das fortalezas do Reino medieval de Galicia.  Xunto co abandono dos vasalos ós seus señores, iso conleva a caída dun réxime social especialmente violento en Galicia ó final da Idade Media. Principio traumático en suma da transición da Idade Media á Idade Moderna, da Galicia das fortalezas á Galicia dos pazos. O legado foi o sentimento de vitoria do que falabamos antes, detectado claramente 60 anos despois, que alcanzou ata o comezo do século XVII, segundo analicei na miña tese de doutorado hai 35 anos. Logo, por falta de soporte escrito, esvaece a memoria oral, triunfal, dunha Galicia medieval xusticeira e rebelde. Cando Benito Vicetto redescobre o feito irmandiño a mediados do século XIX, non ten a man outra fonte que o nobiliario de Vasco de Aponte, que tiña por ídolo a un Pedro Madruga que presumía de ter desbaratado a irmandade louca e escura (fusquenlla, dicían os contrarios). Estamos hoxe en vías de superar esa visión historiográfica derrotista, con documentos e dando voz ós seus protagonistas, á tradición oral que fundaron.  

Esas revoltas parece que non son exclusivamente galegas. Tamén se deron noutros lugares de Europa, por caso en Francia. 

A Baixa Idade Media, marcada pola crise feudal, é a época dourada das revoltas e os conflitos sociais entre vasalos e señores. Varía en tempo e forma nos diferentes países e lugares. Constatamos diferenzas notables entre o ciclo de revoltas do século XIV respecto do  século XV.  A partir da peste negra de 1348, coas fames e a crises agrícolas subseguintes, teñen lugar a jacquerie campesiña en Francia (1358), o levantamento dos campesiños ingleses, coñecido como a rebelión de Wat Tyler (1381), a revolta dos ciompi en Italia (1378). Teñen en común o ámbito local, a pouca duración (dúas semanas polo regular), a non alianza campo-cidade e a represión posterior. No século XV as revoltas sociais máis significativas teñen lugar na Península Ibérica: os irmandiños de Galicia (1467-1469) e os payeses de remensas de Cataluña, que conseguen poñer fin ós malos usos na sentenza de Guadalupe (1486). Estas últimas con características comúns: ámbitos nacionais, longa duración (anos), alianza campo-cidade (Galicia) e ausencia de represión. No caso dos Irmandiños, habería que engadir a crucial creación dun poder propio por parte dos sublevados. Algo que tamén lograron os husitas de Bohemia (1420-1427), coa diferenza de que alí se trataba dunha disidencia relixiosa, herética, que dará pé a unha revolta social, tamén triunfal uns anos. 

Cambiando de terzo. Entre outros estudos que tes realizado tamén están os relativos á formación das nacións. 

En 2020 a editorial de Barcelona, El Viejo Topo, publicou un libro meu, La base material de la nación, que vén sendo a tradución ó castelán, revisada e actualizada, dun traballo anterior, publicado en 1985 por Edicións do Castro, Dende Galicia: Marx, coordinado por X. Vilas Nogueira e máis eu, onde participaran ademais X. M Beiras, Ramón Máiz, J. López Facal, X. R. Barreiro Fernández e outros. Libro estrañamente ignorado fóra do ámbito académico. Nesa investigación utilicei as obras de Marx e Engels, tanto económicas como filosóficas ou históricas, teóricas e políticas, así como artigos de prensa e cartas, a fin de  reconstruír o concepto de nación do marxismo orixinal. Algo que o marxismo posterior non fixo, salvo excepcións, ó dedicar toda a súa atención ó internacionalismo proletario e á revolución mundial, esquecendo a obriga da clase obreira -dicía Marx- de converterse antes de nada en “clase nacional”. 

Diso derivou que se falase en relación co marxismo do “problema nacional”… 

 Si. Durante moito tempo interpretouse ese fenómeno aludindo ó “problema nacional” ou á “cuestión nacional”. Non obstante, segundo escriben os fundadores, clases e nacións nacen ó mesmo tempo, de forma interrelacionada, as primeiras definidas polo modo de produción e as segundas polas condicións de produción, naturais e históricas (económicas, sociais, políticas e culturais). Este último concepto, de carácter explicativo e procesual, é esencial para entendermos os fenómenos nacionais que os eséxetas ulteriores deixaron de lado. Malia a chamada de atención do bolchevique xudeu Ber Borojov, morto en 1917, ó que Stalin non foi quen de ter en conta cando determina de modo descritivo, estático e pechado, os criterios (territorio, etc.) para poder falar dunha nación, sen interconectar e dosificar as condicións obxectivas e subxectivas nunha liña temporal. As nacións non son eternas: nacen, desenvólvense e poden incluso desaparecer ou estancarse, como calquera realidade humana.  

Sen diferenciar entre nación e nacionalidade… 

Marx e Engels non distinguen entre nación e nacionalidade, e aplican a noción de nación/nacionalidade a todas as épocas históricas: nación antiga, nación medieval, nación moderna, nación capitalista, nación socialista. Na política do seu tempo, Carlos Marx e familia decláranse simpatizantes do nacionalismo irlandés (fenianos). Incluso Engels chega en 1882, despois de Marx, a poñer a liberación nacional de Polonia como condición previa para unha futura revolución obreira en Europa.  

Encadras nese aserto a Galicia? Cando se tería constituído como nación galega? Con que baseamento material? 

“As catro nacións da Penínsua Ibérica perduraron ó longo da Idade Media, desenvolveron as súas linguas, dispuxeron de institucións propias, porque tiñan sistemas feudais específicos e diferentes do castelán, moito máis militarizado”.  

Todo fenómeno histórico importante ten ou depende dunha base material, xeográfica e económico-social. Preguntémonos senón como na Galicia da época moderna sobrevive oralmente e durante séculos a identidade nacional sen escolas, literatura e outros medios de comunicación. Porque se sostiña nunha cultura popular, monolingüe e rural de pequenos propietarios autosuficientes. Na Idade Media fórmanse en toda Europa a maior parte das nacións/nacionalidades agora existentes, e algunha que xa non existe como o País d’Oc ou Occitania. Na Península Ibérica: Galicia, Pais Vasco (o idioma é anterior, non romance), Cataluña e Castela. Esta última impúxose ó resto grazas ó seu poder militar, que lle permitiu facerse no século XIII coa parte maior do territorio peninsular na chamada Reconquista (algo semellante ó que fixeran en Francia os francos respecto do país d’ Oc). As catro nacións perduraron ó longo da Idade Media, desenvolveron as súas linguas, dispuxeron de institucións específicas, porque tiñan sistemas feudais específicos e diferentes do castelán, moito máis militarizado. 

En relación co anterior teño a impresión de que nos derradeiros tempos en Galicia se intenta reescribir a nosa historia con obxectivos políticos. 

En rigor, a historia reescríbese continuamente dende cada presente, tanto polos historiadores coma polos axentes sociais e políticos de todo tipo. Para ben e para mal, o nacionalismo é dende o século XIX a ideoloxía política que máis se veu preocupando pola historia. Benito Vicetto descubriu, debido ó seu protonacionalismo, que existía unha Historia de Galicia, antes subsumida na Historia de España, pero ó tentar escribila, mestura historia e ficción. Por caso, o asunto do Mariscal Pardo de Cela, a quen lle atribúe cousas non  probadas e/ou desmentidas documentalmente.