A comisión institucional do Parlamento de Galicia aprobou a reforma de lei cos votos a favor do PP e o PSOE, rexeitando as 85 emendas presentadas polo BNG ó texto, entre elas a subrogación dos traballadores da CRTVG. Se ben os socialistas rexeitaron na ponencia xunto co PPdeG a totalidade das emendas, na comisión parlamentaria abstivéronse na votación da emenda número 74, relativa ós contratos, e que constitúe unha das grandes demandas dos traballadores da compañía. Segundo explicou o portavoz dos socialistas, pretenden establecer unha “transacción” neste punto a partir da emenda do BNG.
Pedro Puy (voceiro do PP)
“A nova norma permite democratizar o sistema de nomeamento dos cargos de xestión e administración da corporación, xa que o Parlamento de Galicia será o encargado de elixir, por maioría reforzada, ó seu director xeral e ós outros seis membros do Consello de Administración”.
José Manuel Lage Tuñas (voceiro do PSdeG)
“Hai que acabar cun modelo caduco e gobernamental para dar paso a unha corporación pública rexida por directivos independentes do Goberno”.
Ana Pontón (voceira do BNG)
“A reforma representa unha ameaza para o futuro dos medios públicos galegos. A norma incrementa o control político, cuestiona o proceso de normalización do galego e facilita a privatización das televisións públicas”.