BANDA DESEÑADA
El Fotógrafo. Emmanuel Guibert, Didier Lefèvre, Frédéric Lemercier. Astiberri. Bilbao, 2015. 272 páxinas.
por Manu Barreiro
No ano 1986 o fotógrafo francés Didier Lefèvre viaxa a Afganistán cun equipo de Médicos Sen Fronteiras. O equipo entrará cruzando clandestinamente a través da fronteira con Paquistan para chegar á zona norte do país. A viaxe é perigosa e inclúe atravesar a impoñente cordilleira do Hindukush nun tempo no que Afganistán está invadido pola URSS, que mantén un conflito armado coas guerrillas dos muyahidín. A viaxe de ida, as experiencias vividas na zona de operacións onde o equipo médico desenvolve o seu labor e a viaxe de retorno, que o fotógrafo decide facer en solitario e que a piques está de custarlle a vida, forman o corpus narrativo desta BD que poderiamos definir sen dúbida como epopea.
Lefèvre documenta todo coa súa cámara, retorna a Francia con máis de 4.000 fotos. Emmanuel Guibert e Frédéric Lemercier transformarán o seu traballo fotográfico e diarios nunha BD absolutamente revolucionaria pola hibridación perfecta que acadan entre os distintos camiños de narración e significantes do cómic e a fotografía. Este trío de autores é quen de entretecer unha das Bandas Deseñadas máis realistas, apaixonantes e formalmente innovadoras deste século. Non polo que fan, senón por como o fan.
A capacidade narrativa da BD usada como locomotora dun relato que se enriquece coas imaxes de Lefèvre, algunhas realmente estarrecedoras. Se nas primeiras páxinas do libro pode ser estraña esa mestura de debuxo, negativos fotográficos e texto, a medida que avanza a lectura faise cada vez máis unitaria e remata por naturalizarse. Dous formatos de imaxe que aparentemente poderían ser redundantes, compleméntanse, de maneira que a veracidade contundente das fotografías toma novos significados e explora novos camiños ao verse completada e matizada pola narración gráfica.
Non só é unha obra que poña en relación simbiótica distintos formatos de imaxe, pois navega entre o xornalístico e o narrativo, entre o documental e o mítico; entre o real e o relato, entre a icona e os significantes. Unha obra que afonda no especular da fotografía como reflexo dunha mirada da realidade e a construción da historia a través do texto e a imaxe destilada polo debuxante. Curiosamente, é o debuxo o que ancora a obra á realidade e son as fotografías as que toman unha dimensión case simbólica. As fotos son as fiestras polas que observamos a realidade, máis que a través dos ollos debuxados. Unha curiosa contradición entre as linguaxes e as percepcións innatas a nós. Distintas miradas e formatos en constante diálogo, outro exemplo do potencial formal e narrativo da BD, da capacidade desta de habitar as marxes dos distintos campos da narratividade.
Un libro que hai que degustar con calma, que exixe un ollar pausado polas múltiples virtudes narrativas e visuais que desprega ante nós. Unha historia dura que non deixa de estar de actualidade en calquera ano e en calquera lugar grazas ao empeño dun occidente cada vez máis insolidario, opresor e imperialista. Só hai que cambiar Afganistán por Siria, Palestina ou Curdistán.