por Manoel Barbeitos
O pasado 11 de abril resultaba vencedor na segunda volta das eleccións presidencias ecuatorianas Guillermo Laso Mendoza, político veterano e vello representante das dereitas ecuatorianas. Confirmábase así un cambio de rumbo no Ecuador que tivera os seus prolegómenos coa vitoria nas anteriores eleccións de Lenin Moreno (2017), co que se produciu unha volta ás políticas neoliberais, que terán agora a bo seguro unha continuidade e unha maior fondura, presumíndose un dominio da política pola banca ecuatoriana e o capital multinacional. Iso será con toda probabilidade o que vai marcar a axenda dos vindeiros anos nese país lationoamericano.
Esta nova victoria das dereitas está sendo explicada dende diferentes púlpitos como un froito lóxico tanto das división das esquerdas -que a pesar diso sumaran unha clara maioría na primeira volta- como da perda por parte das esquerdas de apoio popular, moi especialmente dos colectivos indíxenas que na segunda volta chamaron á abstención.
Volvamos por un momento a vista atrás e repasemos algúns feitos relevantes que marcaron a década do correismo (2007/2017)
Un novo marco constitucional
No ano 2007, Rafael Correa, ao fronte de Alianza País, acadou a presidencia do goberno de Ecuador, iniciando así un mandato que duraría unha década ao prorrogarse por dous periodos máis, dando paso á etapa de maior estabilidade política e democrática da historia do Ecuador. Un período no que o público pasou a ocupar un lugar relevante na política nacional, ao poñer os servizos sociais básicos e a conservación da natureza en primeira fila das prioridades políticas.
É preciso poñer en valor esa estabilidade política, pois que a historia anterior do Ecuador contou sempre cunha presencia moi relevante e presiva na política das Forzas Armadas. O que non pode ocultar, pese a todo, que durante ese periodo correista se produciron importantes intentos desestabilizadores como, por caso, o chamado “chapazo” (setembro do 2010), un intento de derrocamento de Correa da presidencia polos corpos de seguridade, que se saldaría cun balance de 8 mortos e máis de 275 feridos, cun presidente sitiado durante nove horas, e que afortunadamente para a democracia e a liberdade remataría fracasando.
O período de goberno de Alianza País está marcado por indiscutibles avances en materia política, económica, social e medioambiental. En primeiro lugar, cómpre subliñar a aprobación dunha nova Constitución que, apoiada polo 64% do censo, será moito máis democrática, sendo asímesmo a primeira que a nivel mundial recoñeze os dereitos da natureza. Esa opción a prol da natureza causaríalle a Correa grandes pero inevitables conflitos coas empresas petroleiras multinacionais, como a Texaco-Chevron, que estaban contaminando impunemente a Amazonía, afectando gravemente a vida de comunidades indíxenas, nas que se multiplicaron os casos de cancro ao tempo que se deterioraba gravemente a biodiversidade.
Canda estes dereitos mediomabientais, a nova Constitución tamén pasou a asegurar que unha serie de dereitos universais fosen garantidos polo Estado: a saúde, o ensino, a alimentación, o traballo e a seguridade social….
A renegociación da débeda pública e grandes avances sociais
O goberno de Rafael Correa será recordado polo seu éxito na renegociación da débeda, conseguíndoo mediante a declaración de suspensión de pagos dunha grande parte da mesma, a reestruturación do resto e a revalorización dos bonos (de 20/25 centavos por dólar a 35 centavos). Para facerse unha idea do grande atraco que supoñía esta débeda baste saber que durante o período 1990/2007 o Banco Mundial prestoulle ao Ecuador 1.440 millóns de dólares, reembolsando durante ese período 2.510 millóns, o que comportou un beneficio de 1.070 millóns de dólares, que pagou o pobo ecuatoriano. Durante ese período, Ecuador tivo que dedicarlle máis do 40% do seu orzamento público ao pago dos servizos da débeda, sen por elo evitar que fora medrando exponencialmente -241 millóns de dólares en 1.970, 1.700 millóns no 2006- e que saíran do Ecuador 13.500 millóns de dólares con destino aos acredores estranxeiros.
Con esta acción gobernamental, Correa demostroulle ao terceiro mundo que é posible rebaixar a débeda cando se conta co apoio maioritario da cidadanía.
A nivel social, os avances foron realmente espectaculares, destacando por terlles prestado unha moito maior atención aos “piollosos, folgazáns e pobres”, que era como os empresarios ecuatorianos chamaban despectivamente ás xentes que conformaban daquela as clases populares. Esa súa dedicación preferente aos máis vulnerables da sociedade tivo un reflexo nas prioridades orzamentarias, na asignación dos recursos públicos, como por caso se fixo evidente na multiplicación por dous do gasto público en saúde, ensino e vivenda. Todo iso deu de si indiscutibles avances sociais e de benestar.
Nese periodo, o Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) do Ecuador aumentou un 171%, pasando do 0,648 ao 0,759, colocando ao país na categoría de desenvolvemento humano alto (a media IDH de América Latina é de 0,753). Unha mellora que tamén se reflictiu en que a pobreza se reduciu en 12,5 puntos (2 millóns de persoas) e a taxa de desemprego nun 13,4%, cun nivel de paro xuvenil nos niveis máis baixos de Latinoamérica.
A cualificación do estado de benestar dos ecuatorianos derivou da aplicación dun moi amplo abano de medidas sociais: a suba relevante do SMI (de 170 a 354 dólares, cubrindo así o 10% da canastra básica) e dos salarios máis baixos; a creación do chamado salario de dignidade e dunha serie ampla de bonos de axudas para as necesidades máis perentorias por un valor de 1.500 millóns de dólares. En materia laboral, a redución do traballo infantil (do 12,5% ao 3%), o incremento substancial dos afiliados á Seguridade social (de 1.400.000 a 3.450.000 afiliados) grazas á instauración dun Servicio de Seguridade social universal e obrigatoria, e a creación dun Seguro de desemprego.
A todo iso hai que sumarlle un forte incremento das pensións de discapacidade, cuxo número se multiplicaría por case tres (de 5.000 a 12.500). Grandes avances no ensino cun 52,5% das mulleres e un 53,3% dos homes que acadaron o ensino secundario, un incremento da escolaridade media de 2,5 anos grazas a que o número de novas prazas escolares se incrementou en 1.200.000, ampliando asimesmo ata o 0,5& do PIB os orzamentos destinados ás universidades. En materia de saúde a esperanza media de vida ao nacer incrementouse en 2 puntos, e púxose en marcha a Rede Integral Pública de Saúde. En materia de vivenda, o goberno ecuatoriano de Correa entregou máis de 300.00 vivendas sociais.
Todos eses indicadores confirman os enormes avances sociais que se produciron durante os gobernos de Rafael Correa á fronte de Alianza País. É o que fixo posible que a desigualdade social se reducirá nun 31%.
Novos ingresos públicos e ampla aprobación popular
Para poder financiar este gran incremento do gasto público social, os gobernos de Correa utilizaron tres fontes. En primeiro lugar, unha decidida loita contra a fraude fiscal. En segundo lugar, a xa citada renegociación da débeda pública que se reduciu a un 35% do valor anterior e comportou un aforro de 7.000 millóns de euros. Finalmente, unha renegociación dos contratos de hidrocarburos coas multinacionais, conseguindo unha distribución distinta dos beneficios: antes era de 30% para o Estado e 70% para as multinacionais, logo un 70% para o Estado e 30% para as petroleiras.
Non resulta estraño que con este bagaxe económico, social e medioambiental, Rafael Correa mantivera sempre un nivel moi alto de aprobación para a súa xestión, acadando unha media sostida nesa década de entre un 50,8% e un 55,1%, con picos do 70,3%. Como se pode comprobar, un recoñecemento moi alto, a pesares de contar dende os inicios do seu mandato coa oposición tanto das oligarquías autóctonas como dos seus medios afíns, que son maioría, e tamén do Imperio.
Un apoio que tamén tivo o seu reflexo na satisfacción popular co funcionamento da democracia no Ecuador, con índices que se moveron entre o 56,5% e o 51,%, con picos do 68,8%.