Domingo 19, Setembro 2021
HomeOutrosECUADOR (e II): UN PASO ATRÁS

ECUADOR (e II): UN PASO ATRÁS

por Manoel Barbeitos

Remataba o artigo anterior sinalando que os mandatos de Rafael Correa (2007/2017) gozaron dunha enorme popularidade. Unha evidencia indiscutible que non pode ocultar que, como todo mandato que se apoia nun moi amplo movemento de masas heteroxéneas, pasou por momentos delicados debidos fundamentalmente aos conflitos e desavinzas entre os distintos movementos (sindical, indíxena….) que viñan apoiando ao seu goberno.

Desavinzas que afectaron, por caso, á política enerxética, á produción agrícola e á explotación dos recursos naturais. Amortecidas dalgún xeito por mor da forte personalidade de Correa, estalarían definitivamente durante o mandato de Lenin Moreno (2017/2021).

A presidencia de Lenin Moreno

Hai que empezar dicindo que o ascenso de Lenin Moreno á presidencia do Ecuador (2017) tivo lugar no marco dunha conxuntura moi difícil, pois naceu marcada polo impacto dunha crise económica provocada tanto pola caída do prezo do petróleo (de 100 a 22 dólares por barril) e outras materias primas como pola depreciación do dólar (22,6%) que, nun pais tan dependente do comercio exterior, ademais de desnivelar a balanza de pagos, frearon bruscamente o crecemento económico ao producirse unha caída da produción, o investimento e o emprego.

Paralelamente volveu a dispararse a débeda externa (“todo país que importa máis que exporta xera débeda”): o eterno problema dos países latinoamericanos. Entre 2011 e 2019, a débeda triplicaría o seu valor pasando de representar o 16,8% do PIB ao 51,5%. A renegocación da débeda por parte do goberno de Lenín Moreno comportou tanto un enorme custo de liquidez -por caso, un pago anticipado de 3.000 millóns de dólares-, como unha   total aceptación das teses económicas defendidas polos organismos internacionais. A respecto da débeda, cómpre subliñar que cando Rafael Correa deixou o goberno, a débeda estaba nun 25,7% do PIB e cando Lenín Moreno abandona o goberno a débeda equivalía ao 51,5% do PIB. Isto último a pesar de ter pagado durante o seu mandato e en concepto de servizos da débeda a cantidade de 20.000 millóns de dólares.

O novo goberno ecuatoriano adoptaría no relativo á política económica unha estratexia radicalmente distinta á seguida polos gobernos de Correa. Acepta as imposicións dos organismos internacionais (FMI, BM), consistentes en recuperar a senda neoliberal poñendo en marcha os chamados Plans de Axuste Estrutural (estabilización económica e axuste estrutural), que confirmarían o novo camiño emprendido co nomeamento como Ministro de Economía do xefe da patronal ecuatoriana, a volta a austeridade e a primacía dos déficits, a prioridade da débeda nos pagos, as regalías fiscais ás grandes fortunas e o incremento de tributos que danan a poboación máis probe (forte suba do IVE: do 12 ao 15%), a eliminación de subsidios ao combustible, a flexibilización da lexislación laboral, as rebaixas salariais e a redución dos empregos públicos, a liberación comercial e o incremento do custo dos servizos públicos. Medidas que se acompañaron dunha forte redución do gasto público en servizos básicos, como no do ensino (25%), e que significaron un claro retroceso en relación aos avances económicos e sociais conseguidos durante os mandatos anteriores.

A posta en práctica desas medidas provocaría unha moi forte caída da produción (20%) e do emprego (cun desemprego no seu nivel máis alto en décadas: un 6%, que coa pandemia se dispararía ao 13,3% global, e ao 15,7% entre as mulleres). É o que incrementou un desemprego informal, xa de seu moi elevado (23,5%), provocando o medre exponencial da pobreza (un 32,4% das familias en risco de pobreza e un 5% en pobreza extrema). Eis as consecuencias desa senda neoliberal, converxendo no incremento do impacto da crise económica nas clases populares, dando pé entón a unha moi forte contestación social, que foi duramente repreimida.

A nivel internacional, seguramente que as decisións máis polémicas, e tamén máis significativas foron: o abandono de UNASUR  (Unión de Naciones Sudamericanas), un maior aliñamento de Ecuador coas teses do Imperio -como proba a autorización para a creación dunha nova base estadounidense nos Galápagos- e a adopción dunha postura de clara belixerancia co goberno venezolano de Maduro.

Lenin Moreno abandonará o goberno ecuatoriano en plena recesión económica que, se ben é certo que se viu agrandada polo impacto da pandemia da Covd-19. Non o é mesmos que xa se viña arrastrando de antes. Unha recesión que aparece acompañada de escándalos de corrupción que afectan a destacados membros do seu goberno.

Lenin Moreno tamén será recordado porque durante o seu mandato se lle retirou o asilo político a Julian Assange, sendo posteriormente detido pola policía británica.

Confirmación do xiro neoliberal

 As eleccións presidenciais de abril fixeron presidente do Ecuador ao candidato das dereitas, o exbanqueiro Guillermo Laso. Unha vitoria á que contribuiría a forte división nas esquerdas, e que consolidaría o xiro neoliberal iniciado por Lenín Moreno.

Nas súas primeiras declaracións, Laso prometeu unha baixada de impostos aos máis ricos e a liberalización da economía e do comercio. O escaso tempo transcurrido non permite analizar co rigor suficiente as accións do novo goberno ecuatoriano, pero si serve para confirmar que a senda neoliberal, marcada polos organismos internacionais (FMI, BM), será o camiño a seguir.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]