Mércores 30, Novembro 2022
HomeCulturaDesvelando os armarios de cristal

Desvelando os armarios de cristal

ENSAIO
A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea.
Daniela Ferrández
Edicións Xerais. Vigo, 2022
216 páxinas

por Carme Adán

Recollemos memoria. Cos estas dúas fermosas palabras resume Daniela Ferrández o seu estupendo percorrido histórico pola disisiencia sexual na Galiza. Sería un tópico dicir que é un texto necesario, mais calquera que teña o pracer de lelo, recoñecerá no tópico a súa pertinencia.

O libro consta de tres exercicios fundamentais. O primeiro é o da xenerosidade. A autora recolle as palabras, as accións e as pegadas das persoas pioneiras nas loitas pola disidencia sexual na Galiza. Xenerosidade materializada no esforzo por recoñecer todas as contribucións como parte dun proceso colectivo por tecer a liberdade.

O segundo exercicio é o da investigación histórica. Desde a súa formación como historiadora, especializada en Historia Contemporánea, a autora asume o reto de mergullarse en xornais, arquivos e entrevistas; pode semellar que isto forma parte do seu traballo de investigación, mais facelo buscando o visíbel dentro do invisibilizado dá sentido á palabra “reto”.

T­­­res etapas históricas configuran a estrutura fundamental do libro. A primeira abarca desde finais do século XIX até o 1936, transitando polo xogo entre a configuración da imaxe decimonónica dos invertidos e os espazos de permisibilidade que agroman na privacidade e tamén no ámbito público. A segunda etapa analiza o franquismo na Galiza, e pescuda como o réxime vai endurecendo a lexislación e a represión da homosexualidade co paso do tempo. Recomendo reparar na proposta de lectura baseada na clase social que fai a autora do perfil dos procesados por vagos ou maleantes. A terceira etapa transcorre entre o 1977 e o 2017 nunha viaxe polos primeiros colectivos, o movemento lésbico e feminista dos anos oitenta, a proposta queempostela dos noventa e un recoñecemento ao activismo de Laura Bugalho e as Maribolhera das primeiras décadas do século XXI.

Todo un traballo de recollida de datos, de consultas bibliográficas, de entrevistas e de revisión de documentos que nos permite ter unha liña do tempo onde a disidencia sexual e o seu activismo proxéctanse como un proceso non lineal, cheo de avances e retrocesos. Un proceso cheo de silencios, de multas e de persecucións, mais tamén cheo de anhelos e ilusións. Tamén de logros colectivos.

O terceiro exercicio que desexaba salientar é o compromiso de Ferrández por afondar en nós. Todo o texto é unha proposta contra o esquecemento do país. Afirma a autora que os estudos sobre a disidencia sexual no estado non nomean a Galiza. Semella que no país non existía nin resistencia ante o poder, nin capacidade organizativa para mudalo. Nada máis lonxe da realidade. Rachar co estereotipo e visibilizar a disidencia sexual desde Galiza é un punto desde o cal tamén debemos elevar a mirada, e recoñecérmonos colectivamente na memoria dun legado oculto tras os armarios de cristal que toda época histórica tende a sepultar. O proceso polo recoñecemento é un pano de todas as cores, e o seu tecido ten tantas puntadas como mans son necesarias construír un país de liberdade. Grazas, Daniela, por tecer.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]