Domingo 4, Xuño 2023
HomeCulturaDESDE A RIBEIRA DO SAR

DESDE A RIBEIRA DO SAR

POESÍA
Rosalía de Castro. En las orillas del Sar. Introdución, edición e notas de Anxo Angueira. Edicións Xerais, 2019.

 

por María Xesús Lama

Rosalía de Castro é a autora que recibiu máis atención crítica, con diferencia, de entre todos os clásicos da literatura galega e unha das causas desa proliferación de estudos sobre a súa obra reside, sen dúbida, no interese que esperta, especialmente a súa obra poética, tanto nos campo literario galego como no do hispanismo. O seu último libro de poemas escrito en castelán, que agora nos entrega Edicións Xerais, é o responsable dese estratéxico asalto ao canon da cultura hexemónica que, se ben tardou un tempo en ser efectivo, exerceu durante décadas un efecto de imán eficacísimo na atracción de lectores para o conxunto da súa obra, e tamén para poñer a literatura galega no mapa da cultura occidental. A historia editorial de En las orillas del Sar fálanos ben claramente das dificultades que o cercaban: desde a súa primeira publicación no establecemento tipográfico de Ricardo Fe en Madrid en 1884, a segunda a cargo de Murguía en 1909, na imprenta dos Sucesores de Hernando, ou Librería de Pueyo, tamén na capital, non comezan a aparecer edicións críticas solventes ata pasados máis de cincuenta anos e sempre en editoras españolas: Anaya, Bruguera, Castalia, Cátedra, Akal, Plaza y Janés, Orbis, Planeta, Espasa Calpe. As poucas ocasións en que as edicións se facían dende Galicia limitábanse a reimpresións (Sálvora, El Correo Gallego, La Voz de Galicia), e só cun breve estudo na da Fundación, asumindo para nós unha lectura crítica pensada para ser lida desde o sistema literario español.

A edición crítica que presenta agora o profesor Anxo Angueira, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, afronta o reto de facer por primeira vez unha lectura crítica de En las orillas del Sar desde as coordenadas da cultura galega. Con esta premisa, a lectura e comprensión crítica do libro cambia considerablemente. Angueira centra boa parte do seu estudo crítico en desentrañar as claves espaciais que salfiren os poemas dende o propio título. Recollendo a hipótese de Diego Rodríguez, coa que tamén concordo agora, de que o prego manuscrito que apareceu co epígrafe “Rosalía. Del tomo inédito Postrimerías” pode recoller un título que a autora pensara inicialmente para o libro publicado despois como En las orillas del Sar, chama a atención sobre a centralidade que adquire a localización no territorio con este cambio. A conexión coa serie de artigos do seu amigo Alfredo Vicenti en El Heraldo Gallego titulados “En las orillas del Ulla” onde se describe a comarca próxima, podería ser a inspiración para o título do poema inicial que publica en 1882 e que sitúa a poeta contemplando a paisaxe do seu entorno desde a fiestra das torres de Hermida, nunha veiga iriense que xa fora cantada por Macías o namorado ou Xoan Rodríguez de Padrón. O uso dos topónimos vencellados ás formas antigas, a descrición de Compostela resaltando os monumentos e esculturas que describira en artigos contemporáneos Murguía, e sobre todo os dous poemas de protesta pola tala do bosque de Conxo asociado cun espazo sagrado onde residen as esencias da identidade colectiva, demostran a clara intención reivindicativa que conecta cunha dimensión histórica.

O seguimento que fai Angueira de todos os referentes espaciais e o tratamento que reciben, nunha cartografía que abarca a comarca de Padrón e Conxo fronte a Compostela, proxecta unha dimensión simbólica que desenvolve o eixo temporal, de xeito que a desolación dun presente desertizado encontra alicerces no pasado para proxectar cara o futuro unha esperanza afincada na vontade, como cando chama aos carballos: “torna, roble, árbol patrio, a dar sombra/ cariñosa a la escueta montaña/ donde un tiempo la gaita guerrera/ alentó de los nuestros las almas”. Ou alecciona a lúa, que seguirá xirando, pero un día “… al tornar viajera sin reposo/de nuevo a nuestras regiones,/ en donde un tiempo el celta vigoroso/ te envió sus oraciones,/ en vez de luto como un tiempo veas/ la abundancia en sus hogares.” Desde estas claves resulta difícil soster que a autora se volve cara dentro esquecendo o mundo exterior, como se dixo nalgunha ocasión. O tempo persoal, de desolación, contraponse a un tempo histórico que fai posible inda a indignación e a esperanza, e polo tanto o destino individual, por tráxico que sexa, intégrase con serenidade coma o elo dunha cadea.

Na fixación do texto Angueira opta por seguir a única edición que supervisou a autora, como fixera xa Alonso Montero nos anos sesenta para a de Anaya, desbotando as intervencións e engados de Murguía, prólogo incluído, pero tamén recuperando a estrutura orixinal, con unidades seriadas, que se esvaera a partir da edición de García Martí en Aguilar, respectada só por Mauro Armiño. A reconstrución da estrutura orixinal vén dada tamén pola pescuda na xenealoxía dos poemas, pois as series xa foran publicadas na prensa como conxuntos unitarios. Localízanse con detalle as publicacións en La Nación Española bonaerense, arrequecidas con algúns comentarios de presentación, e en La Ilustración Cantábrica. Por fin, complétase o aparato crítico con notas e comentarios dos poemas, ou das series de poemas conxuntamente, que axudan a unha comprensión máis fonda e contextualizada. Así pois, a orixinalidade interpretativa e o rigor editorial converten esta obra nunha ferramenta imprescindible.

___________