Martes 25, Xaneiro 2022
HomeOutros UNHA GALICIA EN REDE URBANA E ABERTA A PORTUGAL

[DEBATE] UNHA GALICIA EN REDE URBANA E ABERTA A PORTUGAL

O libro “Unha nova Olanda… De Ferrol ao Porto: As cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global” (Galaxia, 2021), do filósofo e ensaísta Antón Baamonde, é unha suxerente reflexión sobre o modelo de sociedade rede onde nos estamos a sustentar. Nas grandes cidades e areas metropolitanas que chamamos megarrexións constrúese o vindeiro sistema mundo. Toca pensar a cidade como espazo público, de mobilidade, conectividade e mesmo identidade. O futuro de Galicia está ligada ao carácter urbano. A obra introduce a reflexión de se o proxecto de Galicia é unha nación no sentido clásico ou se é o dunha cidade nación, inserida no sistema mundo a través desa urbanidade.

Como pode Galicia atraer poboación e integrarse mellor na economía mundial preservando os marcos dunha sociedade civilizada e sen medo ao futuro? Eis a pregunta sobre a que pivotou o debate que organizou TN, aproveitando esa novidade editorial.

Participantes: Antón Baamonde (autor do libro Unha nova Olanda); Lourenzo Fernández Prieto (historiador); Manuel Martínez Barreiro (analista político).
Coordinación: Carlos Paulo López (profesor de Comunicación Política).

Texto Francisco Cortez-Lobâo Sineiro Fotos Fernando de Paz

Antón Baamonde
Levo tempo insistindo na idea de pasar pantalla daquilo que Galicia xa non é. As cidades son fundamentais hoxe en Galicia. A groso modo, o eixe entre Ferrol e Tui. Aí concéntrase a poboación, nun país que sen embargo perde habitantes, atractivo e dinamismo. Parece oportuno tecer as cidades coas súas contornas á vez que se fai masa con Portugal. Neste momento en España os debates son sobre o eixe mediterráneo e a España baleirada. Ambas as dúas teñen que ver co feito de que Madrid está a converterse nunha especie de polbo que absorbe todo. Que queren os portugueses?

Conectar por baixo con Alxeciras, o grande porto español, e por riba co Atlántico. Se no canto da España radial irradiada dende Madrid queres desenvolverte en rede, tes que implementar algún tipo de sinerxia con Portugal. Mirando o mapa é obvio.

Manuel Martínez Barreiro
A Xunta de Galicia non ten feito ningún tipo de retrato do país. Este é un dos problemas fundamentais. Isto vai acompañado cun tipo de axendas públicas que manteñen os mesmos enunciados en contextos que mudaron. A ausencia dese proxecto de construción proactiva de Galicia ten moitas concrecións. Unha delas, a desconexión absoluta nas grandes liñas de políticas públicas, que define o momento actual. Lendo o título en que se inspira Antón para o seu título, o de “Estorbos y remedios” de Francisco Somoza, o estorbo fundamental é esa ausencia de políticas e de proxecto. Fronte a ese mito que sempre condicionou a reflexión sobre o país que era o mito do atraso económico de Galicia, hai unha realidade de atraso das políticas públicas en Galicia.

“Se Vigo se reencontra consigo mesma a través de Abel Caballero non é por azar, é porque necesitaba esa mensaxe. Tamén pasa na Coruña. Non é algo artificial, responde a algo que tes que tomar en consideración. Non é un localismo de oposición a Galicia, senón de expresión de Galicia”.Antón Baamonde

Lourenzo Fernández Prieto
O que favorece o libro de Antón é facermos un debate non moi frecuente. Eu concordo coa idea dunha Galicia en rede urbana e relacionada con Portugal e o noroeste peninsular. Pero hoxe ser un país rural non ten por que ser un problema. E máis despois do tempo postindustrial e este breve espazo de tempo postpandémico. Son interesantes temas que trata Antón, como a sustentabilidade do futuro, a transición alimentar ou a produción en circuítos curtos, ideas que están inseridas nos obxectivos do milenio. Unha das vantaxes de chegarmos tarde é que estamos en condicións de facer esas cousas. Galicia é un país rural, non agrario. Se miramos para Inglaterra ou Escocia, observamos que non só non teñen problemas coa súa ruralidade, senón que mesmo a hiperidealizan. Foron imperio, teñen grandes cidades, e cidades pequenas e desertos industriais… Teñen de todo. Eu aproximaríame ao debate tendo isto en conta. E despois temos outra teima propia que é a do localismo como síntoma da inexistencia da nación. Algo que Antón combate con moi bo criterio no libro. O local non é nin país nin cidade. Aí fórmase unha complexidade sobre a que cómpre debater. Se a pregunta é construír Galicia como unha cidade-nación, eu creo que é moi efectivo: permite romper lóxicas do pasado e situarse no presente. Pero en Galicia, dende hai moito tempo hai xestión do poder político, pero non políticas nun sentido local. Hai cabezas, pero falta unha proposta política. A proposta política que hai hoxe en Galicia é ocupar un espazo para que non pase nada.

Antón Baamonde
Eu creo que é un libro híbrido. Ten un momento moi importante para min que é o de pasar pantalla.. No meu anterior libro, A Derrota de Galicia, tentei destacar as transformacións das últimas décadas. Eu encontro que na identidade real da Galicia de hoxe importa máis o centro de Vigo que a orixe rural dunha persoa. Contemplemos a Galicia empírica, articulada en torno aos centros urbanos, as súas periferias e ese eixe da AP-9. Non hai ningún país que funcione sen un esquema urbano que funcione. Este pode nuclearse arredor dunha capital, coma Londres ou París, ou como sucede no caso holandés que se configurou doutro xeito. Na miña opinión, se queres articular a competitividade empresarial e as oportunidades laborais, tes que pensar a outra escala.

Manolo Martínez Barreiro
Estamos na realidade galega, fundamentalmente urbana, pero existe un binomio que evolucionou da dinámica urbana-rural á urbana-deserto. Existen as cidades, pero boa parte do territorio adopta unha cultura urbana propia da sociedade dixital, que chega a todos os currunchos. Nesa outra parte do territorio existe un deserto verde, cunha función económica como reserva de materias primas ou fondo de enerxía. A dinámica do país, ao longo prazo, é a de polos urbanos fronte a un paraíso de economías extractivas. Un territorio sen xente onde é doado implementar estas políticas. E nesa dinámica hai unha realidade híbrida: a Galicia vilega.

Antón Baamonde
Hai que procurar que non se produza unha bifurcación entre costa e interior. As cidades non son polos extractivos. Estanse vindo abaixo en favor de Madrid. Ti vés á península e tes un eixo mediterráneo que non corre perigo, un centro hipertrofiado e o arco da Coruña a Lisboa que non existe como discusión nin en Galicia nin en España. Eu vivín practicamente en todas as cidades de Galicia e a identidade urbana está pouco considerada. Hai unha obsesión en identificar Galicia co campo, pero na Coruña e en Vigo hai familias que viven alí dende hai máis de cen anos. Se Vigo se reencontra consigo mesma a través de Abel Caballero non é por azar, é porque necesitaba esa mensaxe. Tamén pasa na Coruña. Non é algo artificial, responde a algo que tes que tomar en consideración. Non é un localismo de oposición a Galicia, senón de expresión de Galicia.

“Dende o “desarrollismo” hai tendencia a desprezar a xerarquía das vilas, que é o que nos fai absolutamente europeos. A pregunta é: por que as vilas de Portugal medran e teñen unha dimensión grande e seguen a medrar? Como Guimarães, Vilanova de Famalicão, Melgaço, Valença… E as nosas?”Lourenzo Fernández Prieto

Manuel Martínez Barreiro
O país ao que máis nos parecemos neste momento é Canadá: un país cunha xerarquía urbana a unha escala distinta da nosa, con 6 ou 7 grandes cidades con áreas metropolitanas, unha polarización arredor dun eixo e cunha inmensidade de territorio, no seu caso nunca humanizado, e cunha grande reserva de materiais. Hai un baleiro que precisa de políticas activas.

Antón Baamonde
E hai que ter en conta que Galicia foi incapaz de manter os seus instrumentos financeiros.

Manuel Martínez Barreiro
Todo o que podemos dicir da incapacidade ou debilidades do mundo rural galego para manterse na economía mundo podemos dicilo das economías urbanas galegas. Se facemos balance destes 20 anos, as cidades galegas só medran en termos demográficos. Ningunha das áreas metropolitanas funciona institucionalmente. Só se medra demograficamente: as cidades teñen o 40% da poboación e 43% do PIB. As economías das grandes zonas poboadas son exclusivamente sector servizos.

Antón Baamonde
Pero Madrid ten un 85% de sector servizos. Hai un problema xeral. Todos os países altamente desenvolvidos teñen un problema de desindustrialización, e vímolo coa pandemia. Hai unha serie de problemas sobre os que non houbo atención real. Co libro quero focalizar algo que quedaba na sombra: as identidades urbanas, que non son só contemporáneas.

Lourenzo Fernández Prieto
Eu son absolutamente urbano. De todo o que dicimos dedúcese que temos un problema forte de identidade. Neste momento non sabemos se o atasco de contedores no porto de Los Ángeles nos vai afectar. Nin o que o prezo da electricidade, vinculado á pegada de carbono, vai determinar. Do que si que temos certezas é de que un terzo do territorio galego son montes veciñais. Vano mercar os chineses, como África, ou non? O problema son as novas ideas, non as vellas.

Manuel Martínez Barreiro
Ferrol é unha cidade construída polo Estado. Ese é o problema.

Lourenzo Fernández Prieto
Non, ese non é o problema. Foi construída polo Estado e despois pasaron moitas outras cousas. Tantas que hoxe é máis importante Narón ca Ferrol, pero a ninguén se lle ocorre falar dunha área metropolitana. Ao mellor hai que falar dela. Galicia ten unha trama de sete cidades, e unha trama urbana vilega que ten mil anos. Son os anos que ten Suíza, Holanda… E dende o “desarrollismo” hai tendencia a desprezar a xerarquía das vilas, que é o que nos fai absolutamente europeos. A pregunta é: por que as vilas de Portugal medran e teñen unha dimensión grande e seguen a medrar? Como Guimarães, Vilanova de Famalicão, Melgaço, Valença… E as nosas?

Manuel Martínez Barreiro
Están preto da costa.

Lourenzo Fernández Prieto
E algunhas, do interior. O baleirado do interior cara á costa comeza no XIX e é lóxico. Que facemos con todo isto? Hai unha tendencia a dicir que Galicia é a autoestrada do Atlántico e todo o demais é un parque temático. E iso é un erro de futuro baseado nun erro do pasado. Insisto: Suíza, Escocia, Suecia… traballan a varias escalas. Madrid, non: Madrid é un sumidoiro. Non hai España baleira, senón un sumidoiro de Madrid. E a base de centralizar poder financeiro, político e servizos leva a iso. Pero só hai catro cidades europeas coma esa: París, Londres, Berlín e Madrid. As demais tramas urbanas de Europa son policéntricas. En Galicia tamén oímos falar moito da morriña de non termos urbe central, por carecermos dun Bilbao ou unha Barcelona. Temos algo moito máis importante. Aproveitémolo. É coma se sempre quixésemos ser outra cousa, e temos que pensar por nós mesmos.

Antón Baamonde
Este punto é importante. Galicia non ten urbe central nin a vai ter. Nunca vai ter unha Barcelona nin un Madrid.

Lourenzo Fernández Prieto
É que ese tempo pasou hai douscentos anos.

Antón Baamonde
Hai que abandonar esa idea.

Lourenzo Fernández Prieto
Creo que o futuro non pode ser máis urbano. Porque hai un límite na pegada de carbono co que xa nos estamos a enfrontar. A respecto da escala: creo que temos unha grande vantaxe porque dende o megalitismo as persoas que viven no noroeste da Península Ibérica móvense de Escocia ás Canarias e polo Mediterráneo. Xa o explicou a arqueoloxía. Como pensaron os nosos emigrantes dende 1900? Eles pensaban en América, en Europa… Construían aquí o que vían alá. Unha cousa é a identidade e outra a razón, e cómpre distinguilas para non cometer erros, sobre todo a futuro. E unha das vantaxes comparativas que temos en Galicia é o noso elemento territorial, as nosas capacidades non ligadas ao mundo urbano, pero das que este vai vivir.

Carlos Paulo López
Falemos agora da inserción de Galicia na península ibérica. Como construír politicamente un Estado en rede? Que alianzas debe haber nunha España policéntrica? Débese centralizar ou descentralizar o poder? Como conectala a Portugal?

“Debemos elixir os nosos espazos fundamentais: xogar na articulación da fachada atlántica con Portugal e buscar unha extensión ás rexións do suroeste europeo, incluíndo unha parte do Estado español. Non é tanto a construción dunha cidade nación como dun espazo cooperativo entre centros de decisión política, de goberno nacional e local”.Manuel Martínez Barreiro

Manuel Martínez Barreiro
Galicia é periferia terrestre, pero absolutamente central dende o punto de vista marítimo. Hai unha fascinación polo AVE como infraestrutura articuladora fronte ao desprezo absoluto das autoestradas do mar. Hai un apego á necesidade de transferir a AP-9, pero non hai ningunha tensión política, como no País Vasco, para a transferencia dos portos. Todo o esforzo da Xunta é o de acomodarse ás políticas de dependencia ao respecto do Estado. Á vez, renúnciase estratexicamente ás políticas de cooperación e interdependencia. Algo no que Touriño fixo un pequeno esforzo, o de buscar un marco de cooperación de rexións do suroeste europeo. Logo de ler o libro de Antón, penso que o elemento emerxente do país son cidades, que hoxe están menos empoderadas que en 2008. As cidades galegas terán unha potente identidade, pero eu só son quen de recuperalas mirando para tras, á tradición. Eu non sabería dicir cal é a identidade de Santiago fóra de ser unha cidade xacobea. E a Coruña? Ten unha identidade republicana? Non. O único que vexo é a construción de identidade a través de eventos festivos. Véxase Lugo, co Arde Lucus, o San Froilán e o baloncesto. Iso crea identidade de cidade. Ourense é un modelo extremo: xa só resiste como políticas grotescas.

Esa aposta polas cidades como motor é fráxil en Galicia, máis aínda se temos en conta que non hai unha grande cidade e todo se ten que fundamentar nunha cooperación inédita. O problema do localismo non é que actúe como forza de resistencia fronte a unha forza intervencionista: en Galicia é unha expresión de inmobilismo. As cidades que rexen as teóricas áreas metropolitanas non cooperan cos concellos limítrofes.

Antón Baamonde
Eu reivindico as identidades urbanas con carácter construtivo. Cal é o debate español? O eixe mediterráneo para unir Alxeciras con Francia. Por que António Costa e os dirixentes portugueses non queren o AVE a Madrid senón a Valença? Queren fuxir da España radial. Leixões case cuadriplica o peso en toneladas do de Vigo. Necesitas uns agregados de poboación e uns mercados que cubran necesidades económicas. É obvio que iso será con Portugal. Pero isto non aparece nin no debate galego nin no español. Iso non fai competitiva a economía galega. Eu convidaba por iso a pasar pantalla e non ver pexorativamente as identidades urbanas presentes. E despois presento un elemento propositivo, a idea dun proxecto en Galicia en rede, con agregado urbano con Portugal. Algo obvio, que cae de caixón.

Lourenzo Fernández Prieto
Pero para pór iso sobre a mesa hai que ser máis incisivos. Galicia leva perdendo peso desde o século XIX. E a autoestrada do mar deixa isto en evidencia. A do porto exterior da Coruña é unha operación urbanística, non portuaria. Pensar políticas en Galicia hoxe é pensar en Europa. Pensemos en grande. As decisións galegas subalternizadas ao Estado favorecen sempre os intereses doutro lado da península. Nós temos a fronteira menos forte, e somos incapaces de sacar partidos. Somos os únicos europeos que temos as dúas linguas que nos permiten comunicarnos con máis xente do mundo. Temos que sacar unha vantaxe comparativa

Carlos Paulo López
E como inserir Galicia no seu contexto?

Manuel Martínez Barreiro
Non hai políticas públicas na Xunta, pero teñen un plan: facilitar o acceso a Galicia desde Madrid, liberalizar a explotación dos bens comúns e manter a Galicia baleira. Non é necesaria para iso unha trama vilega.

Antón Baamonde
Para un goberno alternativo as forzas de oposición deberan propor alternativas.

Manolo Martínez Barreiro
A oposición galega limítase a cuestionar o modelo do outro. O poder político en Portugal sabe que ten que construír un espazo non fagocitado polo Estado español e para iso é fundamental a fachada atlántica. A Xunta podía pensar en funcionar como unha bisagra de articulación de dous eixes: o atlántico e mais o transcantábrico. Se repasamos a actitude política da Xunta de Galicia fronte á constitución das áreas metropolitanas, cal foi? Non facilitalas. Cal é o horizonte de futuro para Galicia? O autogoberno compartido entre institucións locais e nacionais. Isto obriga a redeseñar institucionalmente o país. A desconexión urbana outorga un papel destacado á Xunta neste caos.

“Estamos situados ao pé de autoestradas marítimas e temos capacidades. Hoxe temos unha estrutura universitaria potentísima cunha chea de capacidades. Por que hai que salientar Inditex? Porque ten un significado. Temos portos con potencia, temos Vigo, unha metrópole comercial espectacular cunha relación con Portugal que existe mesmo sen pensala”Lourenzo Fernández Prieto
Antón Baamonde
É obvio que o Sá Carneiro é o que é pola competición aquí dos tres aeroportos.

Lourenzo Fernández Prieto
Ninguén pensou politicamente o asunto aquí. Hai que recoñecerlle un mérito a Abel Caballero: ten clarísima a afirmación da súa posición política fronte á Xunta.

Manuel Martínez Barreiro
A construción de Caballero como líder vigués fundaméntase sobre a defensa do poder financeiro arredor de Caixa Vigo fronte a unha intervención exterior.

Antón Baamonde
Pero xa había hai anos a idea de que Vigo era caótico, que carecía de goberno forte, e este señor veu facelo.

Manuel Martínez Barreiro
O problema é que ese señor non foi capaz, no deseño da cidade, de definir o papel do porto, da zona franca…

Antón Baamonde
Pero non cres que os gobernos fortes de Caballero ou Vázquez expresan a falta de proxectos fortes dos partidos?

Lourenzo Fernández Prieto
Se me permitides, estamos a dar no punto central. É un lugar común dicir que o PSOE é municipalista en Galicia. Sempre o foi. No caso do nacionalismo, gañou a opción que menos pensa nunha lóxica europea e estratéxica. O que fai o PP é entender perfectamente a fragmentación e diversidade da sociedade galega e darlle a cadaquén o que necesita.

Antón Baamonde
Se non vas asumir o discurso político da elite local, necesitas ter un discurso propio. Deseñalo é a urxencia deste momento.

Lourenzo Fernández Prieto
Estou de acordo. Gustaríame tratar a cuestión do neocentralismo. Por que Portugal o ten tan claro? Porque se constrúe contra Castela. E nós no canto de pensar como portugueses pensamos como madrileños. Máis ca nunca na actual situación española vai salvarnos a lóxica europea.

Manuel Martínez Barreiro
O escenario desexable é unha hipótese confederal para Galicia -un espazo de cooperación política entre a trama das grandes cidades e unha Xunta que acepte o seu papel como elemento chave do arco de construción das políticas públicas do país-. Isto é un elemento superador dalgúns dos fósiles institucionais que levamos herdados, provincias ou deputacións. E creo que hai que adoptar unha mentalidade independentista no sentido de construír relacións co espazo político preferente: o norte de Portugal. O ayusismo é a fase superior do centralismo e a expresión política do extractivismo institucional. Procura limitar ou redeseñar o Estado español a unha zona franca arredor de Madrid e dous polos de tensión política: País Vasco e Cataluña. O libro de Antón non so formula a pregunta: é suxerente para marcar directrices de actuación. Pero eu son bastante pesimista sobre a potencia da rede urbana para impulsar isto. E outra cuestión: as grandes cidades fundaméntanse na negación do dereito á cidade como democracia local. Necesitan unha identidade centralizada.

Antón Baamonde
Galicia non vai ter ese problema.

Manuel Martínez Barreiro
É certo, pero se vos fixades temos lido moito sobre a calidade da democracia española e pouco sobre a calidade da democracia local. O centro das políticas locais dos 80 e 90 foi o urbanismo. Que é agora o central?

Lourenzo Fernández Prieto
É unha boa pregunta.

Antón Baamonde
No caso galego podemos dar resposta. A discusión típica en Santiago é sobre o casco vello, turismo e o ensanche. Pero o Santiago da práctica diaria inclúe pouco o casco vello. Eu vou a Bertamiráns, vou a Teo, ás Cancelas… O que se nega a formular o Concello é tecer Santiago. Tecer a cidade vella e ensanche cos barrios periféricos para xerar novas centralidades e servizo. En Vigo, hai dez anos ninguén ía ao casco vello, pero agora recupera vitalidade.

Manuel Martínez Barreiro
Pero iso é un movemento pendular. Eu non vexo as carencias tanto na construción do espazo como na iniciativa económica. Non hai apostas decididas. Ata o acceso á dixitalización, malia formar parte dos titulares, é unha broma: a cidade universitaria ten áreas en sombra. Falta a potencia desas políticas que noutras partes do Estado se fan, como as políticas enerxéticas municipais.

Carlos Paulo López
Galicia debe facer como Holanda, como Canadá, como Irlanda…?

“Falo da nova Holanda porque me resultaba difícil atopar un título englobador para asuntos tan diversos. Dito isto, fago un guiño obvio a que Galicia forme parte do seu espazo, o Atlántico. E para isto defendo este sistema de cidades integradas en rede por riba do modelo centralista”.Antón Baamonde

Lourenzo Fernández Prieto
Galicia como Galicia, aprendendo dos demais. Temos que afirmar a Galicia autónoma. E defender isto a través de aliados estratéxicos. O noso mundo económico xa os busca ao sur do Miño. E unha das nosas mellores bazas para construír estratexias novas é máis Europa. Fixéronnos radiais os romanos e as feiras medievais. Tiremos desa posibilidade. Estamos situados ao pé de autoestradas marítimas e temos capacidades. Hoxe temos unha estrutura universitaria potentísima cunha chea de capacidades. Por que hai que salientar Inditex? Porque ten un significado. Temos portos con potencia, temos Vigo, unha metrópole comercial espectacular cunha relación con Portugal que existe mesmo sen pensala. Se ademais se pensase, estaría ben. Xa o di Antón no libro: a ambición das cidades ten que ser mudar de escala. Ferrol foi superado por Narón, pero podes construír algo nesa ría se deixan de mirar para Madrid. Vigo ten que construír en serio a relación con Portugal. A Coruña é unha cidade con enorme identidade. Santiago ten que cambiar de escala, de catedral a capital. E Pontevedra fixo algo moi interesante. Ten que prenderse de aí unha grande parte de Galicia. E Lugo é unha xoia capaz de articular unha provincia complexa.

Manuel Martínez Barreiro
O que hai que facer debe ser feito dende a independencia e cun criterio liberador das políticas de marxinación e subalternación estrutural que mantén o Estado español. É unha aposta pola articulación de políticas de cooperación nas mallas urbanas e trama vilega, recuperando a Xunta para o goberno do común e dos comúns. E debemos elixir os nosos espazos fundamentais: xogar na articulación da fachada atlántica con Portugal e buscar unha extensión ás rexións do suroeste europeo, incluíndo unha parte do Estado español. Non é tanto a construción dunha cidade nación como dun espazo cooperativo entre centros de decisión política, de goberno nacional e local.

Antón Baamonde
Falo da nova Holanda porque me resultaba difícil atopar un título englobador para asuntos tan diversos. Dito isto, fago un guiño obvio a que Galicia forme parte do seu espazo, o Atlántico. E para isto defendo este sistema de cidades integradas en rede por riba do modelo centralista.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]