Martes 28, Xuño 2022
HomeOutrosDE QUEN É O MUNDO?

DE QUEN É O MUNDO?

por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

A pregunta pode soar a disparate, absurda e carente de resposta, ou infantil. É máis infantil que absurda, xa se sabe que as crianzas formulan as preguntas máis radicais e non se conforman cando se lles furta a resposta. Imos dárvola, queridas nenas e nenos. Non unha resposta vaga ou evasiva, senón concreta coma o cemento, afastada de teorías da conspiración e polo tanto con nome e apelidos.

Por motivos que non veñen ao caso andaba a investigar quen controlaba o tráfico tecnolóxico global. Algo sabía pero quería os datos, por exemplo que Google-Alphabet é propietario non só de Google Search, Gmail, Google Drive, Google Earth, Google Maps, Google Books, Google Play, Google Analytics, Google Photos, Google Flights, Google Scholar, etc, senón tamén de Android, Blogger, Motorola, de HTC ou de FitBit, por citar algunhas das súas empresas. Na wikipedia cítanse 250 adquisicións.

         Amazon non só é unha estrutura mafiosa que inza a base de retorcerlle o brazo ao comercio, os produtores, as facendas ou economías locais, arrasando o que non controla e deixando tras de si unha paisaxe de negocios crebados, precariado e consumidores atomizados. Ademais é propietaria de Amazon Video e de paso da Metro Goldwin Mayer, Kindle, Twitch, o 50% dos servizos de almacenamento e proceso de datos (a nube) ou Blue Origin, Whole Foods Market, Goodreads, IMDb, Amazon Robotics, Alexa, Zappos ou o programa de turismo espacial de Jeff Bezos, que tamén  é propietario de The Washington Post, entre outras participacións millonarias.

       Facebook é propietaria de Instagram, Whatsapp, Messenger, LiveRail, Oculus, CTRLabs, etc. Microsoft posúe Skype, Xbox, Hotmail, LinkedIn, Nokia móbiles, GitHub, etc. Outro tanto Apple, o seu CEO fachendeaba hai uns meses de que o seu imperio cool mercaba unha compañía cada tres semanas. Unha ansia de ionqui por absorber empresas, ben para chuchar os activos ou para bonsaificalas como competidoras, que leva a que o obxectivo das startups consista no pelotazo de seren adquiridas a prezo non do seu valor real, senón do medo que meten como competidoras potenciais.

Se as poucas mans en que se concentra a información e a riqueza vos parecen desacougantes, hai que dicir que, por aquilo de non poñer todos os ovos no mesmo cesto e porque o roce fai o cariño, Microsoft posúe unha boa tallada tanto de Apple como de Facebook, igual que Amazon ou Apple posúen unha parte de Google, etc.

Campo de concentración     

Hai outros marcadores da concentración, por exemplo no campo xeográfico. Arredor de Silicon Valley naceron ou establecéronse, ademais das Cinco Grandes, Tesla, Hewlet Packard, Intel, Uber, Adobe, Twitter, Airbnb, Dropbox, Bell,  Xerox, PayPal, Tinder, eBay, Yahoo, MySpace, Netflix, Oracle, Firefox, Snapchat, Zoom, Netscape, The Internet Archive, McCafee, Reddit, Nvidia, AMD, Cisco, Space X, Pinterest, Atari, Ticket Master, Yelp, Lyft, Arpanet, Palantir, etc. Que non sabedes o que é Palantir? Preparade unha tila e buscade, non quero facervos spoiler.

A listaxe é incompleta e as máis coñecidas non sempre coinciden coas máis grandes. Isto si é concentración, non a parcelaria. Pero volvamos ás Big Five. Xa coñecemos algunhas das súas propiedades, pero quen é o seu propietario último? Porque Bill Gates, Jeff Bezos, Mark Zuckerberg ou Elon Musk posúen unha porcentaxe modesta do accionariado. O resto está en mans de fondos de investimento como The Vanguard Group, con tallada nas Cinco Grandes, así como en todas as compañías da lista ampla, e moitas máis, por suposto tamén na Cocacola, en farmacéuticas, bancos, seguros, enerxéticas, o que queirades. A tallada no caso de Microsoft, por exemplo, pasa de tres mil millóns de dólares. Tamén picotea en Inditex, Pharma Mar, San José, etc.

Agora tomade The Vanguard Group como exemplo. A súa carteira de participacións é unha réplica do resto de grandes fondos. Blackrock énos familiar porque ten un anaco de todos os bancos e multinacionais españolas, ata o punto de que medios especializados coma Cinco Días a alcuman “a propietaria do IBEX”. Aínda así inviste incomparabelmente máis nas Cinco Grandes ou en Tesla. O mesmo Fidelity Management, Bank of America Corporation, State Street Corporation, J P Morgan, Northern Trust, etc, etc. A lenda dos cinco xenios hippies nun garaxe tapa as dentalladas e navalladas polo beneficio entre multimillonarios.

Ou non? A onde nos leva o fío se tiramos del? Porque vale, esas xestoras de fondos, coma Blackrock, son as propietarias das tecnolóxicas pero… quen é o propietario de Blackrock? Isto é o mellor do conto porque o propietario de cada xestora de fondos é en boa medida… os outros fondos. Blackrock ten tallada en The Vanguard Group, Fidelity Management, Bank of America Corporation, Capital World Investors, State Street Corporation, etc, etc. E Quen é o propietario de The Vanguard Group? Pois en boa medida Blackrock, Bank of America, Northern Trust, etc. Quen é propietaria de Bank of America? Pois Blackrock, The Vanguard Group, Fidelity Management, etc. Quen é propietaria de Fidelity Management? Pois The Vanguard Group, Blackrock, etc, etc. Un vodevil labiríntico de evasión fiscal e agochos paradisiacos a disposición de quen decida pescudar pero que está ausente nos medios, os “orientados” polos fondos e os desorientados.

Coma na obra de Tolkien, chea de orcos e espíritos do mal, neste Mordor diabólico ten que haber un anel que os goberne a todos e queredes que faga de Frodo e volo descubra, como prometín. Sen problema: o dono do mundo, o home orquestra que toca todos os instrumentos e se viste con todos os disfraces é o capitalismo, amigues.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]