Domingo 28, Novembro 2021
HomeOutrosCUBA (III): OS CAMBIOS OBRIGADOS

CUBA (III): OS CAMBIOS OBRIGADOS

por Manoel Barbeitos

O tempo transcorrido dende que os guerrilleiros verde oliva chegaron á Habana (1959), poñendo fin a unha terrible ditadura e implantando un novo réxime que se autodefine como comunista e que segue vixente ao día de hoxe (2021), aínda que con cambios importantes como temos sinalado nestas páxinas, pon en evidencia que, en contra da opinión de moitas elites políticas e mediáticas, o chamado “réxime castrista” no ten os pes de barro, nin moito menos.

A pesar dos fortes golpes recibidos, como por caso o pertinaz bloqueo e as continuas agresións por parte do Imperio, o derrube dos réximes comunistas de Europa do Leste (que se iniciaría coa caída do muro de Berlín no 1989) que supoñían un importante apoio financeiro e comercial para Cuba, a morte do gran líder Fidel Castro (2016) e o impacto da COVID (2020), entre outros, o réxime castrista está hoxe tan vivo coma sempre, e sen que no horizonte inmediato e futuro pareza que haxa outra alternativa que non sexan “os pesadelos”.

A situación internacional manda na economía

Os anos noventa marcaron un punto de inflexión na economía cubana. A caída do muro de Berlín e o colapso dos réximes soviéticos afectaron as balanzas comercial e por conta corrente que, por mor da forte caída das exportacións e o encarecemento das importacións, experimentaron un notable declive. Se nas décadas previas presentaban uns saldos soportables, agora con cifras negativas de dous díxitos (arredor de -10/-13% do PIB de media anual), colocarían a economía cubana nunha situación de maior vulnerabilidade, que se vería incrementada polo comportamento dos mercados financeiros internacionais que impactan con maior forza nas economías menos desenvolvidas. Impacto que no caso cubano sería superior debido ao bloqueo imposto polo Imperio.

Tal desequilibrio afectou a sostibilidade fiscal, con déficits moi elevados (en 1993, punto álxido, situouse no 33% do PIB) que obrigaron ao goberno cubano a proceder a axustes fiscais, afectando ao valor do moeda nacional cuxo tipo de cambio experimentou unha moi forte caída, e levou aos dirixentes cubanos a proceder (ano 1993) á dolarización parcial da economía. O que comportou que se autorizase a posesión e circulación de dólares, que se esperaba compensara a escaseza de divisas, e que en vez de temporal como se pensaba se converteu en permanente, con custos aos que me referirei máis adiante.

Outro efecto destes desequilibrios sería que a débeda externa se dispararía ata tal punto que se faría impagable converténdose nun problema relevante da economía cubana (17.800 millóns de dólares no 2015: 23% PIB), pero en moito menor medida que para a maioría dos estados latinoamericanos e do terceiro mundo -realmente, o problema de pago deriva da escaseza de divisas por parte de Cuba, froito fundamentalmente do embargo-.

Cómpre destacar que a dolarización parcial da economía non impediu que o goberno cubano mantivera o control da política cambiaria, o que lle permitiría tanto evitar que durante un tempo se disparara a inflación como manter unha política de rendas moi redistributiva  que axudaría a manter o emprego. No lado negativo estaría o impacto recesivo que esta política cambiaria, de sobrevaloración da moeda, tivo sobre o comercio exterior.

A procura de novos aliados nun contexto internacional mais favorable

 O impacto comercial e financeiro provocado polo derrube dos réximes do Leste europeo obrigou ao goberno cubano a buscar novos aliados que agora atoparía no seu continente, no que se estaban a producir cambios políticos relevantes. Unha alianza que sería moi favorable para Cuba dadas as vantaxes comparativas que lle ofrecía o contar cunha man de obra moi cualificada, ter unhas excelentes infraestruturas produtivas e físicas e ser un referente latinoamericano en servizos sociais.

Non menor alivio supuxeron tamén os cambios habidos na Casablanca coa chegada de Obama á presidencia dos Estados Unidos (2009), permitindo por caso unha maior entrada de divisas na illa caribeña. Esta mellora nas relacións co Imperio tamén influíu en que Cuba poidera negociar en condicións máis favorables a súa elevada débeda externa -acadaría unha redución do 85%-.

Paralelamente e co gallo de reanimar a economía produtiva, o goberno cubano procedeu a darlle maiores facilidades á entrada de capital estranxeiro (IDE), e moi especialmente no sector turístico (40%), a enerxía e minería que, con entradas por riba dos 2.000 millóns de dólares anuais e máis de 40.000 traballadores empregados, remataría converténdose, xunto coa entrada de divisas, maiormente grazas a exportación de servizos (telecomunicacións, hostalería, saúde, ensino..), nos motores de crecemento da economía cubana.

Estes cambios forzados tanto pola conxuntura exterior como polas necesidades interiores comportaron para a economía cubana unha maior liberalización e apertura comercial. Tamén unha maior vulnerabilidade.

O compromiso social e a realidade monetaria

 Cómpre subliñar como se merece que durante todos estes anos (1990-2016) o goberno cubano, a pesares dos axustes fiscais e as presións financeiras internacionais, mantivo o seu compromiso de atención preferente aos servizos sociais, que se reflectiu nun gasto público que estivo sempre por riba do 40% do PIB, con períodos (2006-2016) claramente expansivos (>60% PIB). Un gasto público no que as funcións públicas de benestar (sanidade + ensino: 25% do PIB) coparon a maior cota, o que permitiu manter un escudo social que será unha referencia indiscutible en Latinoamérica.

Pero as máis favorables condicións internacionais non poideron agochar os xa citados problemas monetarios, derivados moi especialmente da crecente dolarización da económica cubana que a forzaba a seguir a senda do patrón ouro que, tal e como as experiencias teñen demostrado, resultan moi negativas para todos aqueles países que a seguen. Unha senda que levou a un notable desarranxo no mercado monetario cubano con diverxencias relevantes entre o mercado interior e exterior, e unha extensión do mercado negro tal que afectaría moi negativamente ao tipo de cambio real.

A resposta do goberno foi intentar impoñer unha maior disciplina monetaria (2003). Procedeu a implantar un maior control do mercado de divisas e a unha progresiva desdolarización da economía mediante a introdución dunha nova moeda (CUC) que se  buscou protexer cunha maior rixidez no tipo de cambio. Os resultados non foron os esperados pois a perentoria necesidade de obter divisas, moi especialmente polo sector máis dependente do comercio exterior, e a querenza da cidadanía polos dólares antes que pola nova moeda creou, tal e como sinalaba anteriormente, unha clara diverxencia de fluxos monetarios entre o mercado interior e exterior que conduciría a un importante desarranxo no sistema de cambios. É o que acabou castigando a nova moeda (CUC), obrigando ao goberno a adoptar novas decisións en materia de política monetaria cun maior control do sistema de cambios e a introdución dunha nova moeda (CL), co obxectivo neste caso dun maior control do mercado de divisas.

A actualización do modelo económico

O século XXI traería importantes cambios económicos e políticos en Cuba que, entre outras cousas, puxeron de manifesto o elevado sentido práctico dos seus dirixentes.

Na procura de poñer orde na economía, aprobaron (2016) un novo programa que titularon “Actualización do modelo económico”. Un programa que tería como eixos fundamentais unha nova lei tributaria, unha nova lei de investimentos estranxeiros, maiores facilidades para a actividade privada, unha liberalización de prezos e reformas no sector agrario. Medidas todas elas dirixidas a unha maior liberalización e privatización da economía, nunha senda de estabilización económica, pero sen perder o control das pancas básicas da política económica.

Se a nova lei tributaria buscaba conseguir un incremento significativo dos ingresos fiscais para así alimentar as exhaustas arcas públicas, os resultados serían realmente moito menos positivos do que esperaban as autoridades cubanas (partíase dunha presión fiscal xa de seu elevada: 40% do PIB), que non puideron evitar que medraran os déficits fiscais (11% do PIB no 2020) e, como consecuencia, se disparase novamente a débeda pública. Os intentos de atraer o investimento estranxeiro (mediante bonificacións impositivas, a creación dunha xanela única e o montaxe de zonas de desenrolo para actividades turísticas, enerxéticas e mineiras) e dar un maior dinamismo ao comercio exterior (coa apertura do monopolio estatal) veríanse gravemente limitados pola chegada de Donald Trump á presidencia dos Estados Unidos (2017), o que supuxo unha acentuación do bloqueo, unha moi forte caída na entrada de divisas (-40%) e un endurecemento das condicións de financiamento. A liberalización de prezos favorecería que tivese lugar un novo repunte da inflación (por riba do 5%) e as maiores facilidades para a actividade privada, que se centraron basicamente na promoción do traballo autónomo (TCP), e que tiñan como obxectivo central favorecer a creación de emprego, chocando directamente coa debilidade do mercado interior. Finalmente os cambios introducidos no sector agrario (reparto de terras en poder do Estado, reestruturación da industria azucreira e potenciación dos mercados agropecuarios) si axudaron a rebaixar de xeito importante a dependencia alimentaria anterior (Cuba chegou a importar entre o 70 e o 80% dos alimentos que consumía).

A pesar diso, o novo programa económico non conseguiría de modo satisfactorio que a economía cubana abandonara o seu alto grado de vulnerabilidade debido fundamentalmente á súa elevada dependencia do exterior (as exportacións supoñen o 29% do PIB e as importacións o 41%).


 

Novidades