por Manoel Barbeitos
O “triunfo” do comunismo en Cuba, unha pequena illa do Caribe situada a escasos quilómetros da península de Florida, pareceu que inicialmente era aceptado polos Estados Unidos, quen coñecía por esas datas unha certa distensión na súa rivalidade coa URSS, o que permitiu unha importante estabilidade no sistema mundial (anos 60).
Este triunfo e consolidación do comunismo trouxo aparellado para Cuba a importación do modelo soviético, pero cun certo sabor tropical. Un modelo baseado “nuns sistemas políticos monopartidistas con estruturas de autoridade moi centralizadas; unha verdade cultural e intelectual promulgada oficialmente e determinada pola autoridade política; economías de planificación central; e hasta a reliquia máis evidente da herdanza stalinista: a magnificación da personalidade dos dirixentes supremos” (ERIC HOBSBAWN: “Historia del siglo XX”). En Cuba o dirixente supremo, unha vez desaparecido o Che Guevara, sería Fidel Castro quen xunto co novo réxime político, como demostraría a historia, gozarían durante moito tempo dun moi amplo apoio popular. Un réxime que situaría a Cuba na esfera de influencia da URSS o que condicionaría totalmente a súa política exterior e comercial.
Da aceptación inicial ás ditaduras militares
A pesar diso, se inicialmente pareceu que o Imperio aceptaba a presencia dun réxime comunista en Latinoamérica, axiña se daría un radical cambio de estratexia coincidindo coa desaparición de N. Kruschez da escena política internacional. Este cambio que tivo moito que ver cos movementos emancipadores que estaban agromando en Latinoamérica e que miraban con simpatía o que estaba pasando en Cuba e que, por mor do seu marcado carácter nacionalista, poñían en cuestión a histórica relación de dependencia de Latinoamérica co Imperio estadounidense. Por caso, en relación ao que aquel consideraba “o seu patio traseiro” -dende Río Bravo a Cabo Froward onde, segundo esta concepción imperialista, non podía pasar nada que no estivera baixo control e menos que puidera lesionar os intereses imperiais- que comportou a organización de incontables operacións encubertas dirixidas a derrocar gobernos que non eran do gusto do Imperio. Operacións que tiveron lugar ao longo e ancho de toda Latinoamérica.
Se inicialmente estas operacións adoptaron formas diversas -derribo de gobernos lexitimamente elixidos mediante operacións encubertas (República Dominicana en 1963, Guatemala no 1964), intervencións militares directas e/ou indirectas mediante golpes dos militares do propio país (República Dominicana en 1966, Haití no 1990)- finalmente, e moi concretamente logo do fracaso da invasión de Cuba, o Imperio optou por a estimular a intervención directa dos militares de cada país facilitándolles apoio militar, loxístico e ideolóxico.
As consecuencias para Latinoamérica serían terribles: un continuo de sacratísimas ditaduras militares que sementarían o continente de cadáveres e de sangue. Violencia institucional (torturas, secuestros, asasinatos, masacres, políticas de terra queimada, campañas de exterminio de poboados indíxenas, violacións en masa,….) que, como reacción, favorecería o nacemento de numerosas guerrillas que maiormente se inspirarían no exemplo cubano e que, de rebote, supuxo un incremento da influencia política de Cuba en Latinoamérica. Unha influencia que se viu favorecida pola certeza crecente entre os pobos latinoamericanos de que todas esas operacións eran non só coñecidas, senón tamén apoiadas polo Imperio, quen chegou ao extremo de facilitar axentes propios para que participaran directamente en múltiples actos de violencia institucional (interrogatorios, torturas, desaparicións….).
Practicamente toda Latinoamérica (América Central e o Cono Sur) sería escenario da implantación de ditaduras militares que, utilizando como pretexto a ameaza comunista que afirmaban tiña un dos seus focos de expansión en Cuba, sementaron o continente de cadáveres e de sangue. México, Guatemala, Honduras, O Salvador, Nicaragua, Perú, Bolivia, Brasil, Arxentina, Chile, Uruguai.….coñecerían, dunha forma ou outra, pero todas terriblemente violentas, tales ditaduras miliares que o Imperio xustificaba en nome da “guerra fría”, pola obrigada loita contra o comunismo que ameazaba con estenderse e sovietizar a toda Latinoamérica (JOSEP QUINTANA: “El siglo de la revolución. Una historia del mundo desde 1914”).
A vía cubana ao socialismo
Neste escenario dunha Latinoamérica vítima da guerra fría, o réxime revolucionario cubano iniciaría un novo cambio de rumbo, dentro dos numerosos habidos ao longo da súa historia. Neste caso, veríase fortemente condicionado tanto pola desaparición de Ernesto Che Guevara -asasinado en Bolivia- e pola xa citada propagación de ditaduras militares en Latinoamérica, como polos intentos de Fidel Castro de definir “unha vía cubana ao socialismo”.
A morte violenta do Che Guevara -8 de outubro de 1967- foi un golpe moi duro para os dirixentes cubanos (“A morte do Che é un duro golpe, un golpe terrible para o movemento revolucionario”, dixera Fidel Castro). Non só pola desaparición de tan carismático líder, senón porque aqueles estaban convencidos de que o triunfo da revolución cubana só sería posible se triunfaba en toda Latinoamérica: a revolución non podía ser máis ca unha soa (“unha mesma doenza” -a explotación polo Imperio- require en todas partes o mesmo remedio”). Velaí as razóns políticas do seu apoio ás guerrillas que agromaban no continente.
Pero coa morte do Che a “vitoria definitiva dos pobos Latinoamericanos espallábasese”, ao tempo que se poñía en cuestión a maior eficacia das guerrillas fronte á “democracia burguesa”. De rebote, a nivel interno, fortalécense os posicións do comunismo cubano -moi ortodoxo-, que defendía en liña coas directrices trazadas desde Moscova -XX Congreso do PC da URSS- que “cada partido debía atopar no seu marco nacional a vía ao socialismo”.
O 13 de marzo de 1968, nun dos seus memorables e inacabables discursos, Fidel Castro dará o sinal de saída á grande ofensiva revolucionaria que fixará os novos sendeiros polos que deberá transitar a revolución cubana, que se atopa inmersa nunha grande crise financeira. Uns sendeiros trazados a partir dos planos económicos para o decenio 1970-1980, e que terán entre os seus eixos centrais a nacionalización de tódolos comercios e de tódolos servizos privados, o racionamento da gasolina e a mobilización xeral da man de obra para a agricultura, maiormente para a produción azucreira . Uns sendeiros de alto significado político, entre outras razóns porque dependerán en grado sumo dos subministros petrolíferos soviéticos.
Como tamén o tería o obxectivo revolucionario dos 10 millóns de toneladas de azucre. Como símbolo principal desta grande ofensiva e do novo rumbo, fixarase como obxectivo nacional a grande zafra. O goberno cubano tiña investido grandes sumas na agricultura co obxectivo central de acadar os 10 millóns de toneladas de azucre no ano 1970, xunto a outros obxectivos tamén moi ambiciosos. Unha produción que, grazas á axuda tecnolóxica e financeira do goberno soviético, lle garantiría a Cuba un maior poder de compra a nivel internacional, e restablecer así o equilibrio da súa economía. Para Fidel Castro conseguir ese obxectivo, no que estaba en xogo “o honor da revolución”, demostraría “a creatividade do país”.
Esa ofensiva coincidirá no tempo coa reconciliación definitiva de Fidel Castro coa URSS e terá como un dos seus símbolos a condena da primavera de Praga e a aprobación da invasión soviética: un acto de alto significado político que casaba coa crecente e imparable marcha a un réxime autoritario bastante similar ao dos países do Leste europeo.
Seis anos máis tarde, en plena lúa de mel con Moscova, o 24 de febreiro de 1976 o pobo cubano aprobará en referendo a nova Constitución, que no seu preámbulo establecía que “NOS cidadáns cubanos…..guiados polo ideario de Jose Martí e as ideas político-sociais de Marx, Engels e Lenin…. DECIDIDOS a levar adiante a Revolución triunfadora…. encabezada por Fidel Castro…. e co Partido Comunista ao fronte… a continuar co obxectivo final de edificar a sociedade comunista”.