Luns 20, Setembro 2021
HomeOutrosCUBA (I): UNHA ILLA SOMETIDA A UN BLOQUEO

CUBA (I): UNHA ILLA SOMETIDA A UN BLOQUEO

por Manoel Barbeitos

Durante o mandato de JFK (1960), nas esferas de poder estadounidenses (CIA maiormente) estaban sinceramente convencidos de que ó réxime castrista tiña os pés de barro pois non contaba co apoio maioritario do pobo cubano, polo que a súa permanencia no poder era feble e abondaba cun pequeno sopro para derribalos. Esta crenza, que logo se demostraría falsa, foi a que impulsou a posta en marcha por parte da administración estadounidense da operación “Bahía de Cochinos”. Un sector poderoso dos gobernantes estadounidenses estaba convencido de que sería suficiente o simple desembarco dunha pequena e reducida forza para que o pobo se levantara contra o supostamente odiado réxime dos guerrilleiros verde oliva. Un levantamento que serviría para xustificar unha posterior intervención militar estadounidense de apoio ao pobo cubano.

Como xa sabemos, “a invasión” foi un rotundo fracaso. Os liberadores sufriron unha derrota espectacular. A administración Kennedy atopouse así sen a xustificación que buscaba para ordenar a invasión da illa caribeña. A pesar diso, a operación arrastrou consecuencias  inesperadas que puxeron ao mundo ao borde da terceira guerra mundial.

A nivel interno cubano, o intento de invasión serviu para fortalecer ao sector duro do réxime, nucleado en torno ao Partido Comunista (PCC), que conseguiu convencer a Fidel Castro e o seu entorno máis próximo (Raúl Castro) das vantaxes de mirar ao Leste e aliñarse co sistema chamado socialista. Un aliñamento que levou a toma de decisións tan relevantes como permitir a instalación de mísiles rusos na illa. Tal decisión (1962) marcou a nova orientación do réxime cubano que, agoniado pola presión e real ameaza imperialista, pasou a aliñarse no campo soviético en plena guerra fría e só tres anos despois do triunfo dos guerrilleiros. Da noite para a mañá, Cuba convertíase así nun réxime comunista, algo que non estaba no ideario inicial dos guerrilleiros verde oliva, especialmente nos seus líderes máis lúcidos, por caso Fidel Castro e o Che Guevara.

Todo un “éxito” para a administración Kennedy que tería continuación en novas accións imperialistas que, entre outras consecuencias, levarían ao mundo como xa dixen ás portas dunha nova guerra mundial.

A pesar de que a presenza de mísiles rusos en Cuba non era segura, o réxime estadounidense proseguiu cos seus plans de presión sobre o réxime cubano, xustificándoos agora por unha suposta ameaza nuclear contra o territorio estadounidense. Pero a coxuntura era agora moi diferente, pois se Cuba contaba realmente con mísiles nucleares, o choque ou unha invasión exitosa da illa podería ter un enorme custo en vidas humanas para o pobo estadounidense. E o risco dunha nova conflagración mundial era real.

Afortunadamente para o mundo, a administración Kennedy tomaría unha decisión menos belixerante, optando finalmente polo bloqueo naval da illa: impediría a chegada a Cuba de barcos que non pasasen o control da flota estadounidense despregada no Caribe. Por outra parte, as negociacións secretas entre a administración estadounidense (Kennedy) e rusa (Jrushchov) que se realizaron en paralelo, levaron logo de moitos tiras e afrouxas con momentos moi delicados ao desmantelamento e evacuación dos mísiles nucleares rusos de Cuba se é que algunha vez estiveron efectivamente instalados.

Cuba salvaba así a súa integridade e independencia, pero entraba nun camiño bastante diferente ao previsto inicialmente polos guerrilleiros verde oliva. Ese camiño veulle, pois, imposto en boa medida desde fóra, e ao tempo librábase o mundo do risco dun novo conflito bélico que, de botar man do potencial nuclear existente, comportaría un auténtico holocausto global.

Cuba pasaba tamén a ocupar un lugar na escena política mundial moi superior ao da súa real potencia. A ser vista en determinados círculos e púlpitos como un referente na loita contra o imperialismo. Castro, canda o Che Guevara, sumábase así a un santuario no que cabían actores tan diferentes e afastados -que me perdoe “o mouro”- como Karl Marx, Lenin, Stalin, Mao, Ho Chi Min…. e os citados.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]