“Haberá mais sancións, a menos que haxa algún cambio drástico en Cuba que non anticipo” (Joe Biden, presidente dos Estados Unidos de America).
por Manoel Barbeitos
Empecei esta serie de artigos sobre Cuba (Cuba, unha illa sometida a bloqueo) poñendo o foco no bloqueo criminal -polas consecuencias que ocasiona sobre a poboación cubana- ademais de ilexítimo -condenado polo dereito internacional- ao que o Imperio ten sometida a esta illa caribeña. Bloqueo que continua e xa leva cinco décadas. Con tales evidencias, calquera crítica que se lle faga ao réxime cubano debe vir precedida dun claro rexeitamento a un embargo que, como ben sinala Noam Chomsky, “intenta estrangular a este pequeno país que milagrosamente segue resistindo“.
Unha pandemia que golpea moi duramente
A pesar dos inxentes recursos públicos que o réxime destinou a facerlle fronte á pandemia e aos seus efectos sobre as familias e as empresas, non puido evitar un forte impacto recesivo sobre a oferta en sectores básicos como o agropecuario, a alimentación e o turismo. Empezando por este último, que supón o 4,5% do PIB, sinalar que coa pandemia deuse unha redución do 25% dos visitantes e que nesta caída o turismo arrastrou consigo a outros sectores relevantes da economía, como a exportación de bens e servizos. A contracción do turismo e a caída na exportacións de bens e servizos trouxeron consigo unha considerable diminución da dispoñibilidade de divisas que obrigarían a unha redución das importacións que, por caso, afectará negativamente ao consumo interior (alimentos) e dificultará os pagos da débeda externa (29,5% do PIB).
Os axustes fiscais aplicados e a caída na actividade de sectores básicos como o turismo afectarán directamente ao emprego. A redución da actividade e a caída do emprego, sumados a un descenso na entrada das remesas, provocarán unha notable caída dos ingresos familiares. Menor emprego e menores entradas de divisas que supoñen menores ingresos fiscais que, sumados a incrementos no gasto público para atender a pandemia e a maiores pagos polo incremento da débeda, farán que se disparen os déficits e a débeda pública. E os desaxustes entre a oferta e a demanda provocarán que se incrementen os prezos e a inflación.
Un panorama moi preocupante, no que se mestura o impacto provocado pola pandemia cos problemas sistémicos que vén arrastrando Cuba dende fai xa algunhas décadas.
Unha crise económica que vén de lonxe
“A principal ameaza que pesa sobre nós non son as canóns estadounidenses, senón os feixóns. Os que os cubanos non comen” (Raúl Castro). As reformas económicas iniciadas no 2011 demostraron a súa insuficiencia, como sinalei en artigos anteriores, algo que as propias autoridades cubanas recoñeceron. Insuficiencia que deriva non só das sancións económicas que impón os Estados Unidos e dos cambios habidos no escenario internacional que afectaron directamente as relacións comerciais e financeiras de Cuba, senón tamén a fallos internos que convén poñer en valor e que se verían ampliados polos efectos da pandemia, aos que aludin nun artigo anterior da serie sobre Cuba.
Por caso, Cuba ten un moi grave problema de emprego aínda que non o parecera, dado que as cifras oficias falan dun desemprego equivalente ao 1,3% da poboación activa. Antes de que estoupara a pandemia, nunha poboación en idade laboral cifrada en máis de 7 millóns de cubanos, preto do 40% -máis de 2,5 millóns- declárase como poboación inactiva, o 70% do empregos están no sector público e a maior proporción de empregados privados son os traballadores por conta propia (“cuentapropistas” na linguaxe cubana) que superan a cifra de 1.500.000 -20% dos activos-. Un problema que, como sinalaba, se acentuou coa pandemia ao impactar fortemente sobre sectores básicos da economía como o turismo, un dos principais nichos do emprego privado.
Cuba ten tamén graves problemas monetarios e financeiros. Se as medidas adoptadas en relación ao investimento estranxeiro, citadas en artigos anteriores, comportaron un grande alivio para a economía cubana, a acentuación do bloqueo e os efectos da pandemia afectaron moi negativamente ás principais fontes de entrada de divisas (vendas de servizos -maiormente médicos-, remesas de emigrantes e entrada de turistas, por esta orde), facendo caer o fluxo de capitais á illa e provocando efectos recesivos sobre o investimento, o emprego e a balanza de pagos.
A política monetaria adoptada co gallo de compensar a imposibilidade de acceder aos mercados financeiros exteriores, por mor das sancións e o bloqueo estadounidense, que se baseou nun sistema monetario inicialmente dual -peso e CUC-, e que tiña como obxectivo central “erradicar de forma gradual a distorsionante circulación de dúas moedas nacionais -peso cubano (CUP) e peso convertible (CUC) que se fixaría ao dólar- movéndose cara unha soa moeda”, acabaría dando lugar a varias economías que funcionan de forma paralela. Iso afectaría á poboación de maneira diferente, dependendo do sector no que uns e outros estaban empregados -sector público, turismo, campesiñado, inactivos…-, porque están condiconados pola moeda que poidesen manexar, e xa que logo, condicionados á hora de acceder ou mercar produtos e servizos.
Por outra banda, como sucede sempre que se utilizan varias moedas, a divisa forte substitúe progresivamente á divisa débil, que practicamente desaparece dalgunhas áreas do mercado. Esta dinámica monetaria remataría nunha forte dolarización da economía que ameaza seriamente a soberanía monetaria de Cuba, turra pola inflación -afectando así aos salarios e ao consumo- e fai que medren as desigualdades -por caso, a tenencia de dólares permite o acceso preferente a unha serie de bens e servizos que nin o CUP nin o CUC son quen de garantir-: o coeficiente de GINI pasou dun 0,24 no 1986 a un 0,40 no 2013 e un 0,41% no 2020. Un incremento que, a pesar diso, non fixo que Cuba deixara de seren o estado latinoamericano cun menor nivel de desigualdade.
Asimesmo, o excesivamente avaliado peso convertible (CUC): 1 dólar/1 peso, se ben inicialmente axudou tanto a evitar a devaluación do moeda nacional como a reducir o mercado negro de divisas, crea importantes problemas económicos e comerciais ao desfigurar as contas fiscais e os balances empresariais -por contabilizar os activos e os pasivos a un tipo de cambio distinto-, distorsionar o sistema de prezos e deteriorar a balanza de pagos.
Un problema non menor é a recesión no sector exterior, froito tanto da caída no comercio co socio preferente (Venezuela) que representaba o 25% do PIB -as importacións subvencionadas de petróleo caeron un 40% e as exportacións de servizos unha porcentaxe similar-, por mor do impacto provocado pola pandemia nun sector xa de seu moi castigado pola baixa produtividade da economía cubana. Unha recesión que provocaría un deterioro aínda maior da balanza de pagos e que se disparase a inflación, obrigando ao réxime a implantar políticas procíclicas para resolver os problemas de solvencia, que se vían agudizados tanto pola citada crise venezolana como pola carencia dun prestamista internacional en última instancia.
Un estado de benestar esencial
O forte impacto sanitario da pandemia e o non menor da crise económica, cebándose nos índices de pobreza con cifras ata agora descoñecidas (20% da poboación urbana), están poñendo a proba o destado de benestar, que veu sendo modélico: o estado cubano foi sempre quen de garantirlles aos seus cidadáns, incluso nos momentos mais difíciles, ensino, atención sanitaria, alimentación, traballo, cultura e deportes de xeito gratuíto.
É o que a día de hoxe segue a ser unha das grandes fortalezas do sistema, pois moitos cidadáns cubanos consideran esencial este estado de benestar, o que contribúe a que o réxime siga contando cun grande apoio popular. Todo iso a pesar de que a recesión económica obrigou ao réxime a unha importante redución no gasto social (oito puntos no PIB) que afectou en especial á atención sanitaria, o ensino e as pensións públicas.
Demandas de maior democracia
Cuba segue sendo un sistema de partido único, no que os militares veñen collendo un peso crecente, moi especialmente dende que Raúl Castro accedera a xefatura do Estado. Sirva como referencia do peso político das FAR o dato de que estas controlan o 40% do sector turístico e o 20% das entradas de divisas.
Por outra parte, a desaparición do grande líder (Fidel Castro) que durante décadas actuara tanto de pegamento do réxime e da sociedade como de conexión entre ambos, puxo en evidencia a necesidade de corrixir os importantes déficits democráticos de participación e representación que estaban agochados pola personalidade de Fidel. Déficits que son recoñecidos incluso por sectores afíns ao réxime (estudantes, intelixencia, artistas militares…) que reclaman unha maior democracia, un socialismo participativo e democrático.
A resposta inicial do réxime foi a aprobación dunha nova Constitución. Unha nova carta magna que sen embargo demostraría moi pronto que non cubre os déficits democráticos. Por caso, coa nova constitución Cuba segue sendo un réxime de partido único -o Partido Comunista Cubano: PCC- e no país hai só unha prensa: a oficial.
Consonte pasan os anos, medra a diverxencia entre unha sociedade que é plural e a ausencia de canles políticas que lle permitan manifestarse a ese pluralismo. Como medran as críticas tanto ao monopolio de poder político de que goza o citado Partido Comunista (PCC) como ao protagonismo dos Comités de Defensa da Revolución (CDR). Se durante décadas foron tanto unha eficaz correa de transmisión entre o estado e a poboación como un moi útil instrumento de vixilancia das necesidades da poboación, tal e como deron proba nas situacións de crise, hoxe son fortemente cuestionados tanto pola súa rixidez como por representar a cara máis represiva do réxime.
Fin do modelo cubano?
Non por casualidade, o vello líder Fidel Castro declarou pouco antes de morrer que “o modelo cubano xa non funciona”. Tiña toda a razón: o modelo cubano está en crise. Unha crise cuxas raíces tentei explicar ao longo destes artigos nos que quixen debullar os seus fundamentos e impactos. Unha análise que me permite afirmar que se ben o modelo cubano tradicional está en crise, non se trata dunha crise terminal senón dun final de ciclo que durou máis de cincuenta anos e fixo historia. Un final ao que Cuba chega con moi importantes activos na mochila a pesar das dificultades externas e internas, a pesar do criminal bloqueo a que o Imperio ten sometido a esta illa caribeña. Entre os activos que conserva seguramente os máis importantes sexan un capital humano altamente cualificado, un modelo de benestar social pioneiro en Latinoamérica e unhas infraestruturas importantes.
Por tales razóns son optimista a respecto do futuro de Cuba. Penso que o pobo cubano conta con ferramentas suficientes para, sen renunciar ao seu glorioso pasado, ser quen de iniciar un novo ciclo no que, botando man de acertadas reformas políticas e económicas, sexa quen de construír un modelo de convivencia que volva a ser un referente en Latinoamérica fronte ao neoliberalismo e os pesadelos. Un referente como agora o son outros países latinoamericanos, por caso, Bolivia.