Martes 28, Novembro 2023
HomeOutrosCredo capitalista

Credo capitalista

por Xurxo Borrazás 

O capitalismo trae de serie as súas crises, recesións e depresións cíclicas. Mesmo hai fórmulas matemáticas que predín os colapsos coa facilidade con que un reloxo dá a hora, episodios que deixan na ruína millóns de persoas ou países enteiros, despiden traballadores por email facéndolles perder a casa, os aforros, os dereitos e enriba sentíndose culpabeis… pero aínda así compensa. 

O capitalismo permite que as quenllas do capital se vaian pasando a AP9 ou o Hospital de Vigo coma unha manada de violadores, correrse e fuxir. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo tende á acumulación desigual e o monopolio, hoxe máis que nunca porque a  tecnoloxía llo permite, riqueza posta a bo recaudo en paraísos fiscais e cedida a uns herdeiros que a reciben coa naturalidade coa que se recibe o álbum de fotos familiares ou o libro de receitas da avoa. Pero aínda así compensa.   

O capitalismo, en nome da liberdade, colabora coas ditaduras na represión dos amagos democráticos nos países nos que se provee de materias primas ou man de obra escrava, favorecendo a corrupción e non deténdose nin diante dunha guerra civil. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo protagoniza o aumento de polución de augas, aire e solos máis radical que se teña visto no planeta Terra. Non só medran os residuos, cada ano invéntanse outros novos e asistimos a unha macroextinción de especies sen parangón, incluída a que acabou cos dinosauros ou a do Pérmico. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo paríu un cambio climático sen volta atrás que xa vai traendo fenómenos extremos devastadores en forma de secas, desertización, inundacións, vagas de incendios, ascenso das temperaturas, fusión dos polos ou subida do nivel do mar que asolagará os lugares nos que viven centos de millóns de persoas. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo avívase con guerras comerciais que nos atrapan a todos no medio e nos convirten en munición, e con guerras coloniais e imperialistas para roubarlles os recursos aos países máis pobres, obrigando as poboacións a fuxir do ermo resultante para seren rexeitadas, perseguidas e violentadas no seu tránsito apátrida. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo baséase na mercantilización de cada aspecto das nosas vidas, desde o consumo desenfreado ás relacións familiares, a saúde, o tempo libre, a educación, o espazo público, os alimentos, o patrimonio cultural e o natural. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo esixe a estandarización dos produtos comerciais pero tamén o igualamento das culturas (que conleva a súa desaparición), das artes, das cidades, dos traballos, dos estilos de vida, das experiencias humanas, dos sistemas políticos… Pero aínda así compensa. 

O capitalismo apóiase na conectividade universal sen trabas facilitada polas tecnoloxías da información e a comunicación. Unha das consecuencias deste acceso ilimitado desde calquera punto conectado a calquera outro punto conectado é que a ciberdelincuencia é xa a actividade criminal máis importante. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo, coa súa icona paradigmática do centro comercial replicado en todas as latitudes, trae consigo o estrangulamento do comercio e as economías locais, prexudicando os pequenos produtores e a iniciativa autónoma en favor dos intermediarios, as franquicias e os oligopolios da distribución, cucos que poñen o ovo no noso niño para que nós llo choquemos. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo desprega forzas de choque coma o FMI ou Banco Mundial, que se fan cargo dos países previamente espoliados para, en nome da cooperación e a axuda, impoñerlles empréstimos que regulan o fío de alento que lles queda, dándolles osíxeno xusto para mantelos con vida a cambio de que o goberno local aferrolle a súa propia poboación, elimine a protección pública e limite o seu papel ao de garantía dos intereses dos prestamistas. Pero aínda así compensa. 

O capitalismo quere sabelo todo dos seus usuarios. Os seus gustos porque así é máis doado venderlles os produtos que queren, os seus medos porque así é máis doado verderlles os produtos que non queren, a súa saúde porque así optimízanse as pólizas de seguros, os seus movementos para trazarlles as rutas e acompañalos en cada paso, os seus bens porque así saben canto pode pagar cadaquén, as súas ideas para corrixilas, encarreiralas, castigalas ou premialas antes de que sexa demasiado tarde. A privacidade consiste en facultar a quen colecciona os nosos datos para que dispoña de nós como da súa propiedade privada. Pero aínda así compensa.    

O capitalismo hexemónico vai da man dun tipo de política que busca o control absoluto dos administrados. As elites xa non temen a forza da xente nin reaccións de protesta que poidan derrocalas pero hai que manter a garda. Grazas á sofisticación represiva da policía pero tamén ao carácter lúdico das redes e plataformas dixitais, as elites neutralizaron o impulso de revolta. As novas xeracións nacen na gaiola virtual, non coñeceron outra cousa e relaciónanse cos seus pares. No mundo real esta aceptación cega sería absurda, vaste cruzar con quen pensa distinto e tes que negociar entendementos, no mundo virtual non é preciso. Unha proba máis de que o capitalismo compensa.  

O capitalismo favorece a visión do outro como inimigo e a desigualdade no reparto da riqueza, hoxe ata uns límites nunca vistos en séculos. Cada día vemos comparativas do estilo: o 1% máis rico concentra máis riqueza que o 50% máis pobre, a fortuna das 5 persoas máis ricas do mundo equivale ao PIB dos 100 países máis pobres, etc. Unha foto fixa que non deixa de empeorar. Aínda así, é o noso capitalismo, e compensa.  

Porque compensa, non si?