Xa está na rúa o número 202 da revista TEMPOS NOVOS.
Na nosa sección EN FOCO publicamos un amplo informe baixo o titular En
Catalunya como en Escocia: tensión nacional. Son realidades distintas que
manifestan as súas demandas de independencia por vías e con argumentos non
exactamente coincidentes. Porén, o que une os casos de Catalunya e Escocia ten
na tensión nacional o pegamento que fai deles o máis inmediato desafío para
España, Inglaterra e a UE. Un interesante artigo do historiador Justo Beramendi
e unha entrevista ao politólogo Micahel Keating sérvennos de análise.
Merece tamén un amplo traballo a economía, centrada neste número na reforma fiscal do PP, coas
colaboracións de Carlos Cruzado, Xaquín Álvarez Corbacho, Manoel Barbeitos e Gonzalo Rodríguez.
Como cada mes, as nosas seccións habituais coas firmas de Bieito Iglesias, Manuel Martínez Barreiro,
Manuel Rivas, Damián Villalaín, Daniel Álvarez…
En PROTEXTA, sección bimensual de libros, incluimos unha entrevista con María Xosé Queizán, unha das
autoras máis prolíficas da nosa tradición contemporánea. O resultado: un dos
seus máis acaídos autorretratos, adentrándose nas interioridades do seu prolífico
pensamento, o seu compromiso político e a súa loita pola causa feminista.
Arredor do seu libro Galicia, a sentimental nation Helena Miguélez-Carballeira conversa con María do Cebreiro sobre a aliaxe entre a crítica poscolonial e a crítica feminista, o reparto estartéxico doe spazo público na cultura da transición ou a función da teoría das emocións no desvelamento das relacións de dominio colonial.
E, por suposto, as nosas páxinas de crítica literaria coas novidades editoriais.
TEMPOS NOVOS, á venda en quioscos e librarías.
Solicite información sobre puntos de venda e subscrición en info@temposnovos.net