Luns 20, Setembro 2021
HomeOutrosCONCELLOS GALEGOS: MENOS SON MÁIS

CONCELLOS GALEGOS: MENOS SON MÁIS

A herdanza de Xaquín Álvarez Corbacho

por Albino Prada

Feneceu recentemente quen fora catedrático de Facenda Pública e de Estrutura Económica, ademais de alcalde de O Grove na transición e vogal do Consello de Contas na etapa do goberno bipartito, Xaquín Álvarez Corbacho. Deixou como herdanza unha axenda de asuntos pendentes para a economía pública galega, que segundo apunta o articulista e tamén economista Albino Prada, deberían ser desenvolvidos sen demora. Entre eles, o de dotar a Galicia dun novo mapa municipal, que o profesor e tamén estreito colaborador de Tempos Novos agora desaparecido deixou descrito e argumentado nos seus libros, entrevistas e artigos. Coas provincias e deputacións (“…as deputacións son obsoletas…”) no punto de mira.

Compartín co Xaquín Álvarez Corbacho (no sucesivo XAC) variados empeños profesionais. Entre eles, dous ensaios colectivos sobre as chaves da economía pública galega (Editorial Galaxia 2006 e 2008) nos que el se ocupou das contas da Comunidade Autónoma, dos problemas do SERGAS ou dos ingresos urbanísticos dos Concellos, mentres quen isto escribe o facía dos investimentos públicos en infraestruturas ou da ordenación do territorio.

O denominador común destes traballos era fundamentar en Galicia o sentido dunha economía pública fronte a economía de mercado. Pois fronte á lóxica dos prezos, da produtividade e de certas simplificacións da eficiencia pola chamada man invisible, XAC era dos que argumentaban que unha sociedade decente debe estar baseada nunha lóxica por fóra do mercado. Que hai cousas que deben ser financiadas por vías diferentes aos prezos (con ingresos fiscais progresivos por exemplo) e que deben ser garantidas en condicións igualitarias. Non son poucas: sanidade, ensino, comunicacións, subministros básicos, servizos locais, asistencia social, rendas de xubilación, de desemprego, etc.

No libroEducación democrática ou barbarie” (Laiovento), situaba no centro da problemática municipal a necesaria “nova planta”, unha reforma do mapa municipal que o axustase á base económica e demográfica actual, para que daquela o financiamento e a eficacia local mellorase, así como a autonomía e relación cos entes supra municipais (Deputacións e Xunta de Galicia).

Durante estas últimas décadas, foise estragando aquel senso diferencial (o que Sandel chama cousas que o diñeiro non debe mercar) con moi diversas abducións do público polo privado (moitas veces co argallo da colaboración público-privada). XAC mantívose sempre, e non sen decepcións, nunha banda da trincheira. Por caso, na análise dos investimentos na Autopista do Atlántico e das autoestradas (anos 1996-1998, ver na Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xoaqu%C3%ADn_%C3%81lvarez_Corbacho).

 

Un municipalismo do século XXI?

No ano 2003 publicaría o ensaio “A rebelión municipal” (Xerais), no que continuaba o traballo iniciado no ano 1995 co titulado “La agonía del municipalismo gallego” (Fundación Caixa Galicia) e noutro libro do ano 1994, impreso e non publicado por presións políticas (segundo informa na páxina 161 do ensaio de 2003) pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Foi esta unha liña de traballo que medraría coa súa experiencia no Consello de Contas de Galicia.

Esa liña remataría no ano 2015 co titulado “Educación democrática ou barbarie” (Laiovento), tamén centrado no eido municipal. Neste libro situaba no centro da problemática municipal a necesaria “nova planta” (páxina 110), unha reforma do mapa municipal que o axustase á base económica e demográfica actual, para que daquela o financiamento e a eficacia local mellorase, así como a autonomía e relación cos entes supra municipais (Deputacións e Xunta de Galicia). Pois só deste xeito os concellos poderían subministrar servizos decentes aos seus veciños, financiados de xeito igualitario en función dos recursos de cada quen.

Tal como recollía nunha derradeira diapositiva nas súas exposicións públicas daquel ano 2015, os problemas actuais do municipalismo eran: a base económica, a demografía, a nova planta municipal, o financiamento, a autonomía e tutela urbanística e o futuro das Deputacións.

Sobre este particular, nunha entrevista publicada en Tempos Novos no ano 2013 (accesible en Tempos Dixital: «as deputacións son obsoletas»), o xornalista Luís Villamor facíalle a XAC esta pregunta: “… pasaría pola desaparición de cantos municipios? Fálase, como obxectivo, de deixar o mapa municipal nuns 200 concellos como máximo…”.

Esta era a súa resposta:

“Si, podería ser. A clave está no rural. É que temos 200 municipios menores de cinco mil habitantes e cen con menos de dous mil. Con medias de idade de case sesenta anos e poboación dispersa, a prestación de servizos é complexa. Se a fusión é voluntaria, non hai problema, pero os concellos queren permanecer. Mais a planta municipal hai que explicala e facela ben. É un problema político do que se foxe. Feijoo di: «eu non toco isto, que o fagan eles», pero teno que facer a Comunidade”.

Sen tocar en absoluto a planta municipal dos concellos de máis de cinco mil habitantes, Galicia podería pasar a ter a metade dos concellos actuais. Tal simplificación tería dúas consecuencias cruciais: os novos 50 concellos resultantes pasarían a ter o tamaño medio actual (8.800 habitantes), e duplicaríase o tamaño medio do total dos 160 concellos galegos.

XAC debullaba o problema do tamaño ou planta municipal nunha táboa de datos para o ano 2013 (as columnas encabezadas como situación ACTUAL no seguinte recadro) no que se comprobaba como os concellos de menos de 5.000 habitantes acadaban as dúas terceiras partes do total (200 concellos), ocupando dous terzos do territorio, aínda que só tiñan o 16 % da poboación. Quere isto dicir que o tamaño medio destes concellos é de apenas 2.200 habitantes. Xusto na cuarta parte do tamaño medio dos concellos do país.

No ensaio de Xerais (2003: 39) xa comprobara naquela altura como estes concellos minifundistas tiñan pasado de ser o 49 % do total en 1970 a ser o 61 % no ano 2000.

Nunha sinxela simulación a dereita dese recadro, se deixamos o resto dos concellos tal como están e reducimos a cuarta parte os concellos máis pequenos por fusión[1] (que pasarían de 200 a 50), a situación troca de xeito substantivo tal como recollemos nas tres columnas da dereita elaboradas por nós para os datos daquel ano 2013.

De xeito que sen tocar en absoluto a planta municipal dos concellos de máis de cinco mil habitantes, Galicia podería pasar a ter a metade dos concellos actuais[2]. Tal simplificación tería dúas consecuencias cruciais: en primeiro lugar, que os novos 50 concellos resultantes pasarían a ter o tamaño medio actual (8.800 habitantes); en segundo lugar, que o tamaño medio do total dos 160 concellos galegos pasaría agora a duplicarse (co que todos superarían o listón mínimo de 10.000 que sinala o Consello de Europa[3] para a viabilidade da súa xestión).

Sobra dicir que os 50 concellos resultantes, dos actuais 200 máis pequenos, engádense agora ao grupo dos 89 que xa estaban no tramo de cinco mil a vinte mil. Nalgúns casos a súa fusión conviría facela con concellos actualmente nos outros intervalos. Pivotando cara cabeceiras comarcais, nodos ou áreas metropolitanas[4].

Así ,a planta municipal galega modificaríase radicalmente: teríamos a metade de concellos e multiplicaríamos a dimensión demográfica dos máis pequenos por catro. Este cambio permitiría que os máis pequenos converxesen coa estrutura e autonomía financeira dos medianos. Teríamos unha menor dependencia das transferencias e unha maior achega dos recursos propios.

Un asunto que XAC se ocupaba de ilustrar polo miúdo en comparativas da situación orzamentaria dos concellos urbanos e máis grandes en relación aos máis pequenos e rurais[5]. Con elo gañarían a capacidade de cubrir os servizos públicos locais, de planificar estratexias e ordenacións coa escala territorial e demográfica axeitada, e mesmo mellorar o poder negociador coas administracións supra municipais.

Por riba, esta fusión de pequenos concellos da Galicia interior encaixaría na “Estratexia para a Galicia rural do século XXI” que teñen proposto documentados especialistas do mundo rural galego[6]:

Partindo da realidade actual do medio rural galego, a nosa proposta é que as estratexias deben favorecer a consolidación dos núcleos intermedios, das cabeceiras comarcais e municipais. Son varios os factores que avalan esta opción: iso contribuiría a consolidar mer­cados locais/ comarcais dun certo tama­ño e vitalidade; posibilitaría economías de escala nos equipamentos sociais e nos servizos públicos, favorecendo a súa universalización; os núcleos intermedios poden actuar como soporte económico do espazo rural próximo; por último, o rural sería gobernado por unha estrutu­ra institucional e administrativa próxima ao territorio, ao mesmo tempo que máis sólida … unha fusión obrigatoria de concellos, ou o que é o mesmo na aprobación dun novo mapa municipal, a partir do establecemento de dimensións mínimas (en termos de poboación e superficie) … é imprescindible partir dun deseño do novo mapa municipal comarcal que pretende alcanzarse en Galicia, e sobre esa base adoptar as medidas de estímulo/ coacción para avanzar nesta dirección”.

Tamén sería coherente coa evolución máis recente da Galicia rural tal como a resume a propia Xunta de Galicia[7]:

Galicia acusa un desequilibrio territorial en aumento que se caracteriza pola concentración da poboación e da actividade económica nunha porción do territorio cada vez menor co consecuente debilitamento de amplas áreas. Un proceso que se retroalimenta en distintos aspectos; por unha banda, incrementa considerablemente o custo per cápita na prestación de servizos á poboación, comprometendo a súa viabilidade, e ao mesmo tempo, unha dotación de servizos comparativamente inferior dificulta a fixación de poboación, xerándose unha dinámica difícil de romper. Por outra banda, este desequilibrio leva á infrautilización de activos territoriais con elevado potencial económico, o que redunda nunha perda global de competitividade”.

Só coa metade dos concellos actuais con dobre tamaño medio demográfico, e con acordos mancomunados entre eles en áreas comarcais ou metropolitanas, poderemos contar coa escala precisa para ofrecer servizos públicos de calidade. E, de paso, para prescindir de provincias e Deputacións que parasitan clientelarmente o actual minifundismo municipal (a agonía da que falaba XAC).

Para o que sería convinte definir unha estrutura de poboamento viable. De xeito que os 26 nodos de equilibrio territorial (de entre 5.000 a 10.000 habitantes) que definen as Directrices de Ordenación do Territorio do ano 2011 deberían ter consecuencias directas sobre o mapa municipal. A nova planta municipal que demandaba XAC (2015: 110).

Final

Só coa metade dos concellos actuais, con dobre tamaño medio demográfico, e con acordos mancomunados[8] entre eles en áreas comarcais ou metropolitanas poderemos contar coa escala precisa para ofrecer servizos públicos de calidade (o que XAC (2015: 109) nomeaba como base económica do municipio). E, de paso, para prescindir de provincias e Deputacións que parasitan clientelarmente o actual minifundismo municipal (a agonía da que falaba XAC).

Tal que hoxe parasitan esa agonía dun xeito particular: servindo de instrumento para a penetración da lóxica do mercado e do lucro nos servizos locais. En palabras de XAC na entrevista en Tempos Novos, de non facelo, a simbiose das Deputacións co minifundismo municipal provocará o seguinte:

Pasarán a ser institucións nas que se reforza o control político e o beneficio privado, porque terán cartos para as eleccións. As deputacións estarán concentrando en poucos anos e con carácter oligopólico un conxunto de empresas que se levarán o ciclo da auga: abastecemento domiciliario, depuración, tratamento de residuos, rede de sumidoiros… E son empresas moi potentes. Dentro duns anos podemos ter pois un conxunto de sociedades controlando por toda España este nicho de negocio, que son determinados servizos municipais. E manéxanse moitos, moitos, millóns de euros”.

Engádase a xestión do lixo, a atención a dependencia, a xestión local dos recursos naturais e un logo etcétera.

Son moitas razóns para agradecer que Xaquín Álvarez Corbacho nos deixara a herdanza dunha clara axenda de asuntos pendentes para a economía pública galega, que deberan dar faena a moitos profesionais para o que queda de século. Iso tendo moita sorte. Porque non se me escapa que hai unha crecente tropa conformista, académica e asesora maisntream de centrismo neoliberal, que traballa e traballará arreo na dirección contraria.

 

Referencias citadas nas notas:
de Diego, A. (2014): “A fusión de concellos con especial referencia a Galicia”, Revista Galega de Administración Pública, nº 47
https://egap.xunta.gal/revistas/REGAP/article/view/2383
López, E. e Pérez, M. (2017): “Unha estratexia para a Galicia rural do século XXI”, Documentos do Foro Económico de Galicia, nº 22
https://api.foroeconomicodegalicia.es/uploads/FEG/originals/e9a64b3c-95b3-4e64-b88d-7d317315310f.pdf


NOTAS AO TEXTO
[1] Programadas ou obrigatorias, de Diego (2014: 131 e 145), que propón facer desaparecer por fusión os 146 concellos de menos de 3.000 habitantes. Na miña simulación desaparecerían 152.
[2] Un 50 % de redución, por baixo do 62% de redución media en Europa no sc. XX, de Diego (2014: 133)
[3] De Diego (2014: 122), para sanear as finanzas e garantir os servizos sociais.
[4] XAC (2015: 38-60) facía a súa análise para áreas urbanas e comarcas.
[5] Por riba dos 5.000 habitantes recibirían un 27% máis de financiamento do Estado, de Diego (2014: 149)
[6] López e Pérez (2017: 27-28)
[7] Instituto de Estudos do Territorio, Memoria ao Parlamento de Galicia (2019) Plan de seguimento das DOT (p. 25-26)
[8] Hoxe en mancomunidades xa están máis de douscentos concellos galegos, de Diego (2014: 142)


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]